
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participaron hoxe xunto coa delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, na presentación da Visión Estratéxica 2026-2028 da Asociación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión GaliciaNorte de Portugal. No acto tamén participou a directora da AECT, Aldara Vázquez, xunto coa directiva e representantes desta entidade e tamén da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-Norte), o que reflicte o compromiso conxunto de Galicia e do norte de Portugal co afondamento da cooperación e coa construción dunha axenda común para os vindeiros anos.
A visión estratéxica ofrece un novo marco de actuación co que se pretende reforzar o papel da cooperación transfronteiriza e consolidar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como un espazo común de oportunidades, coñecemento, innovación, competitividade e desenvolvemento. Ademais, estrutura a intervención da AECT en cinco grandes áreas -cultura, turismo, xuventude e emprego transfronteirizo e investigación e competitividade-, consolidando proxectos cun impacto recoñecido e abrindo novas frontes de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal. A sustentabilidade constitúese como unha dimensión transversal a estas cinco áreas, orientando a acción do AECT e dos proxectos que se desenvolvan na Eurorrexión e contribuíndo a un desenvolvemento equilibrado, innovador e preparado para os retos do futuro.
Os programas Nortear e Iacobus continúan a desempeñar un papel central, como referencias consolidadas nos ámbitos da cultura e da investigación. A estes dous eixes súmanse agora tres novas liñas de especialización, orientadas a retos e oportunidades con impacto directo no territorio: O Camiño que nos une, Traballar sen fronteiras e Polo de Competitividade.
Unha Eurorrexión máis competitiva e conectada
No ámbito do turismo, O Camiño que nos une aposta polo reforzo da cooperación arredor do Camiño Portugués da Costa, poñendo en valor o patrimonio, a cultura, a paisaxe e a memoria dos territorios e potenciando a súa proxección internacional, particularmente de cara ao Xacobeo 2027.
Traballar sen fronteiras sitúa a xuventude e a mobilidade profesional no centro da cooperación. A iniciativa pretende achegar as novas xeracións ás oportunidades de emprego e formación existentes ao outro lado da fronteira, a través de contidos dixitais, encontros presenciais e unha maior difusión dos recursos proporcionados polo EURES Transfronteirizo.
Pola súa banda, o Polo de Competitividade pretende crear unha plataforma de cooperación máis estreita entre administracións públicas, empresas, universidades e centros tecnolóxicos, promovendo novas alianzas, a captación de investimento e unha visión compartida para o reforzo da competitividade da Eurorrexión, con especial atención á industria, ás tecnoloxías duais, á innovación e ás infraestruturas estratéxicas.
O obxectivo é que a Eurorrexión sexa cada vez máis recoñecida como un espazo de oportunidades e cooperación efectiva, convertendo as capacidades de Galicia e do Norte de Portugal en proxectos e iniciativas concretas que impliquen institucións, empresas, universidades e centros tecnolóxicos.
Esta visión permitirá reforzar o papel do AECT como espazo de coordinación transfronteiriza, facilitando a colaboración entre os diferentes axentes de Galicia e do Norte de Portugal e facendo que esa cooperación se traduza en proxectos e resultados concretos. Así, a Eurorrexión poderá seguir avanzando como un espazo de coñecemento, innovación, investimento, emprego e novas oportunidades.
A novena edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia reunirá 26 proxectos de música electrónica e experimental contemporánea, con propostas que transitan pola composición electroacústica, a música de club, a improvisación, a performance audiovisual e diferentes formatos híbridos. A programación destaca ademais pola súa dimensión internacional e polo carácter inédito de boa parte das propostas. Así, 13 dos 26 proxectos da programación principal chegarán a Santiago sendo estreas en España. Entre eles figura a presentación mundial do novo concerto audiovisual de Blood of Aza.
A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia Pajarito, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.