
A deputada de Igualdade, Sol Agra, presidiu o xurado, que tivo como secretaria a Eva Ovenza, xefa da sección de Igualdade e Dereitos Civís, e como vogais a Adrián Manuel Gonçalves Barbosa, Lucía Canoura Sánchez e Jose Alberto Rodriguez Bello. Estes premios, destacou Agra, serven para promover e apoiar economicamente a persoas que desenvolven proxectos que contribúen ao avance social na igualdade de xénero, motor de transformacións e verdadeira necesidade cara á consecución dunha sociedade xusta, libre, igualitaria e democrática. Ademais, engadiu, axudan a divulgar a obra e a figura de Luísa Villalta, que merece todo o recoñecemento polo seu activismo e compromiso social coa transversalidade e o enfoque de xénero na súa escrita.
Proxectos transformadores
As propostas premiadas representan diferentes ámbitos de intervención social, cultural, comunitario, artístico e de recuperación da memoria e comparten o obxectivo de avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria e diversa.
A valoración do xurado tivo en conta o interese dos proxectos para a promoción da igualdade de xénero, o seu impacto social na provincia, a metodoloxía, as persoas beneficiarias e a coordinación, así como as medidas de accesibilidade universal, innovación e sostibilidade.
MODALIDADE A, a proxectos sociais
Comuneiras: o voso monte, o noso mañá. O papel das mulleres nos montes veciñais da provincia de A Coruña, de María Lara Barros Alfaro. Recibe 12 500 euros. O xurado salienta o interese da iniciativa por analizar un ámbito tradicionalmente masculinizado como son as comunidades de montes veciñais en man común, así coma a súa aposta por identificar boas prácticas que favorezan a participación activa das mulleres nos órganos de decisión.
Non as vin, pero sentinas. Laboratorio cidadán para a memoria das mulleres disidentes, de Rexenerando S. Coop. Galega. Recibe 12 500 euros. A proposta destaca pola recuperación da memoria histórica de mulleres e identidades disidentes desde unha perspectiva feminista e interseccional, mediante ferramentas de etnografía feminista e investigación-acción participativa, así como polas súas alianzas co tecido asociativo.
De dentro cara a fóra: as mulleres migrantes no centro penitenciario de Teixeiro, de Maitane Vicente Mariño. Recibe 11 979 euros. O proxecto propón unha intervención coas mulleres migrantes presas no Centro Penitenciario de Teixeiro para dar visibilidade ás discriminacións derivadas do xénero, da orixe e da privación de liberdade.
MODALIDADE B, a proxectos culturais
As ben dadas, os camiños nas marxes, de Atenea Fernández García. Recibe 12 500 euros. O xurado valora especialmente a súa contribución á visibilización da diversidade sexual e da memoria LGTBIQA+ na provincia da Coruña, así coma a recuperación da memoria oral das disidencias sexuais e a súa transformación nunha peza de narración oral e en espazos de encontro comunitario.
Circe e Calipso: sementes feministas, libros que florecen, de Raquel Senra Fernández-Árbore azul. Recibe 12 500 euros. A iniciativa combina a recuperación da memoria histórica feminista, coa tradución ao galego e edición da obra Terra delas, de Charlotte Perkins Gilman, cunha proposta cultural e interdisciplinar arredor do libro.
Coidados sen coidado, da Asociación de Movilidad Humana para la Colaboración y el Desarrollo. Recibe 12 500 euros. O proxecto aborda a precarización e invisibilización das mulleres migrantes vinculadas ao sector do fogar e dos coidados desde unha perspectiva interseccional, decolonial e antirracista, situándoas como axentes activas na creación dun relato audiovisual comunitario e reivindicativo.
Acotío: muller, arte e diversidade, da Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional. Recibe 8 308 euros. A proposta incorpora unha perspectiva interseccional centrada nas mulleres con discapacidade, con especial atención á accesibilidade universal, á toma de decisións artísticas e persoais, á vida independente e á eliminación de estereotipos de xénero.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.