
O festival foi presentado hoxe coa participación do comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García. Marcos Gómez Román destacou o valor dunha proposta que entende a música como ferramenta de diálogo entre comunidades e territorios. Maré pon en contacto realidades culturais diferentes e permite que esa diversidade se converta nun punto de encontro, xerando novas conexións a través da creación, sinalou. Ao seu xuízo, esta capacidade de establecer diálogos entre linguas e culturas enriquece a oferta cultural galega e reforza a vocación de Galicia como territorio aberto ao intercambio e á creación internacional.
O comisario do Xacobeo 2027 salientou tamén a contribución do festival á dinamización turística de Santiago durante o outono, ao incorporar unha cita cultural de carácter internacional ao calendario da cidade. Os grandes eventos culturais axudan a ampliar os motivos polos que visitar as nosas cidades ao longo do ano e permiten seguir xerando actividade fóra dos meses de maior afluencia turística, apuntou. Neste sentido, destacou que Maré combina unha programación singular coa propia experiencia de descubrir Santiago, facendo que a cultura e a cidade formen parte dun mesmo atractivo para quen nos visita.
Pola súa banda, Valentín García puxo en valor a diversidade lingüística desta cita, cunha programación específica polo Día Internacional das Linguas o día 26 de setembro. Esta iniciativa demostra unha vez máis o poder da lingua para estreitar lazos, tender pontes e descubrir novas culturas, destacou o secretario xeral da Lingua.
Diversidade cultural e lingüística
A programación desta sétima edición estará formada por máis de 30 espectáculos, catro producións propias, oito propostas inéditas en Galicia e unha estrea absoluta. Entre os principais nomes do cartel atópanse Aterciopelados, Bia Ferreira, Omar Souleyman, Haydée Milanés & Javier Colina, Ala.ni, António Zambujo, Magalí Sare & Vox Stellae e Marcos Coll.
As propostas transitan por diferentes xéneros e tradicións musicais, desde o jazz, o folclore e as músicas de raíz ata o rock, o reggae, a trova cubana, a samba, o fado e o blues. A programación incorpora así voces e creacións vinculadas á lusofonía, ás diásporas e a diferentes territorios de América Latina, África e Asia, nunha aposta pola diversidade que constitúe un dos sinais de identidade do festival.
Os concertos e actividades repartiranse por diferentes espazos de Santiago de Compostela, entre eles o Teatro Principal, a Sala Capitol, o Auditorio de Galicia, a praza de Mazarelos, Riquela, o CSC Maruxa e Coralia, a Casa das Crechas, a Casa das Máquinas e a Igrexa da Universidade. A distribución da programación permite levar a proposta do festival a diferentes puntos da cidade e establecer unha relación directa entre as actividades e os espazos que as acollen.
Maré completa a súa programación musical con encontros, obradoiros, propostas participativas e outras actividades culturais, ampliando o festival como espazo de convivencia, intercambio e acceso á cultura.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.