
Mabel Loza descubriu 17 novos medicamentos, entre eles un fármaco oral para a COVID-19
Mabel Loza García (Tapia de Casariego, 1961) recibe a medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC pola súa extraordinaria contribución ao descubrimento temperán de fármacos, que sitúa a Galicia como líder nacional e un dos polos de innovación europeos no sector. É catedrática de Farmacoloxía na Universidade de Santiago e directora do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). Tralo seu paso polo Mount Sinai Medical Center de Nova York), a partir de 1998 orientou a súa traxectoria científica cara á farmacoloxía aplicada ao descubrimento de fármacos. Ten liderado un centenar de proxectos e promovido máis de 60 contratos de colaboración público‑privada coa industria farmacéutica e biotecnolóxica. Deste esforzo derívanse 17 novos medicamentos que alcanzaron ensaios clínicos con pacientes, incluído o reposicionamento recente dun fármaco oral para o tratamento da COVID‑19. Entre 2020 e 2025 o seu grupo captou un financiamento superior aos 17 millóns de euros. A súa produción inclúe 19 patentes e a cofundación de catro empresas biotecnolóxicas. É membro do comité de coordinación da Plataforma Tecnológica Española de Medicamentos Innovadores (Farmaindustria). Destaca a súa cooperación científica con máis de 120 entidades de todo o mundo.
A investigación farmacolóxica orientada ao descubrimento de fármacos é multidisciplinar e translacional. Esta característica fai que a súa avaliación resulte especialmente complexa, xa que esixe valorar a integración de coñecementos, metodoloxías e esforzos procedentes de diversas áreas científicas. Agradezo sinceramente que este ámbito de investigación fose considerado e recoñecido mediante esta distinción -manifesta a investigadora-.
Sebastian Villasante estuda nas rías galegas o impacto socioeconómico do cambio climático
A medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais (Política, Socioloxía e Psicoloxía Social), recoñece a Sebastian Villasante Larramendi (Buenos Aires, 1979), profesor de Economía Aplicada da USC e investigador do CRETUS (Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais), por converter a Galicia nun referente internacional no estudo da economía dos océanos e a sustentabilidade mariña. Impulsou unha área de investigación pioneira, demostrando que os desafíos ambientais globais -como o cambio climático, a perda de biodiversidade ou a inseguridade alimentaria- non poden comprenderse nin resolverse sen incorporar as dimensións económicas, sociais e institucionais que condicionan o acceso aos recursos mariños. Así, as rías galegas e as comunidades pesqueiras locais sérvenlle como escenario para analizar os impactos socioeconómicos do cambio climático, a vulnerabilidade costeira e os procesos de transformación sostible das economías mariñas. Os seus estudos están a servir de base para analizar a resiliencia de zonas costeiras na UE, e para a toma de decisións na creación de áreas mariñas protexidas máis efectivas desde o punto de vista ambiental e socioeconómico.
"Esta medalla é un recoñecemento a unha traxectoria científica marcada polo meu compromiso de situar a Galicia na vangarda internacional dos estudos do mar, pero tamén ao traballo compartido con tantas persoas coas que, ao longo destes anos, construímos redes de coñecemento e colaboración que nos conectan cos grandes debates globais sobre o futuro dos océanos. Reafirma o valor dunha ciencia feita desde Galicia e aberta ao mundo, profundamente vinculada e comprometida co benestar da nosa sociedade e das futuras xeracións -salienta-.
Leandro Alejano traballa para mellorar a seguridade das explotacións mineiras
Leandro Alejano Monge (Madrid, 1967), catedrático de Mecánica das Rochas na Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, recibe a medalla Isidro Parga Pondal de Ciencias Técnicas por ser unha das figuras máis destacadas da enxeñaría de minas e da mecánica de rochas tanto no contexto estatal como internacional. As súas investigacións teñen impulsado de xeito relevante a seguridade en enxeñaría mineira e civil, así como a eficiencia e a sustentabilidade no sector da industria extractiva. Na UVigo liderou a creación do Laboratorio de Mecánica de Rochas John Harrison, recoñecido como un referente internacional. En 2007 propuxo unha metodoloxía para o control de desprendementos de rocha en canteiras que foi adoptado por empresas de varios países co fin de mellorar a seguridade das explotacións. Nesta liña, ten participado na análise e resolución de problemas específicos no ámbito da comunidade galega, como o caso dos desprendementos en ladeiras graníticas tras incendios. Tamén colaborou co CSIC na comprensión do proceso extractivo do ouro utilizado polos romanos nas Medulas hai 2000 anos.
É unha gran honra para min recibir este galardón como profesor dunha universidade pública galega e como fillo dunha galega da diáspora, natural de Cambados. Supón o recoñecemento a unha traxectoria de trinta anos en Galicia dedicada a formar mozos e mozas galegos que acadaron grandes logros no eido da minaría e do comportamento dos macizos rochosos -sinala o galardoado-.
Rosa Crujeiras, impulsora da transferencia da investigación matemática á industria
A medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, recaeu na catedrática de Estatística e Investigación Operativa na Universidade de Santiago Rosa Crujeiras Casais (Ribeira, 1978), actual reitora da USC, pola súa traxectoria investigadora con contribucións de referencia internacional no campo da Estatística e cuxo traballo deu lugar a importantes avances metodolóxicos. Nos últimos anos liderou proxectos competitivos de investigación, tanto no marco do Plan Nacional de I+D+i como impulsando unha notable actividade de transferencia de coñecemento mediante contratos con empresas e colaboracións con administracións públicas (en particular coa Xunta a través de estudos de inserción laboral e turismo). Destaca así mesmo no desenvolvemento de ferramentas de software amplamente utilizadas pola comunidade investigadora. Tamén se recoñece o seu labor como directora científica do CITMAga desde 2021 -centro de referencia en matemáticas no ámbito estatal e internacional que aglutina a máis de 100 investigadoras das tres universidades galegas-, contribuíndo de forma decisiva á súa creación e consolidación. Por outro lado, a RAGC valora o seu papel fundamental na difusión e divulgación da cultura científica, xunto á promoción da muller no eido das matemáticas -foi membro da Comisión de Mujeres e Matemáticas da Real Sociedad Matemática Española-.
Esta medalla é tamén un recoñecemento á investigación que se fai en Galicia. É unha ciencia que compite internacionalmente e contribúe ao desenvolvemento científico, económico e social do país. E detrás desa capacidade hai moitas persoas, moitos equipos e, moi especialmente, as nosas universidades públicas. Agora que teño a oportunidade de exercer como reitora da USC, creo que unha das nosas obrigas é apoiar o talento, facilitar que as persoas poidan desenvolver aquí as súas carreiras investigadoras e crear condicións para que a investigación poida medrar -manifesta-.
Francisco Rivadulla, experto no deseño de novos materiais para a conversión de enerxía
A medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía recaeu en Francisco Rivadulla Fernández (A Pobra, 1973), catedrático de Química Física da Universidade de Santiago e investigador do CiQUS -Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares-, onde está á fronte do Laboratorio de Química da Materia Condensada. A Academia recoñece o seu xeito orixinal de abordar a investigación no campo dos materiais, deseñando materiais funcionais dende unha aproximación global, que implica a súa síntese a escala nanométrica e a súa caracterización estrutural, magnética e de transporte, mediante técnicas non convencionais concibidas no propio laboratorio. Así, desenvolve novos materiais para a conversión de enerxía termoeléctrica, centrándose nos últimos anos nos materiais activos para o transporte térmico, o que o levou a crear equipos experimentais que miden a condutividade térmica de líquidos e nanoestruturas. Na actualidade está a traballar na aplicación dunha técnica novidosa para estudar a actividade radiactiva de solos e rochas de diversos lugares de Galicia, unha técnica que permite ademais datar fósiles e minerais. Na súa traxectoria suma dúas patentes.
"É unha honra recibir da Academia Galega a medalla que leva o nome de Antonio Casares, un dos fundadores da investigación química en Galicia. Quero compartir este recoñecemento cos membros do meu grupo de investigación, o CiQUS e o Departamento de Química-Física da USC, polo seu apoio para poder desenvolver proxectos ambiciosos no ámbito da química do estado sólido durante estes anos" -destaca-.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.