
Na súa quenda de palabra, a conselleira manifestou a súa preocupación ante a perda de orzamento da nova PAC a partir de 2028, de polo menos un 20 % en comparación co actual período. Así, instou ao Ministerio a seguir defendo unha PAC forte e ben dotada, que goce polo menos co mesmo orzamento que na actualidade; co obxectivo de que sexa unha ferramenta eficaz para a estabilidade e o desenvolvemento do sector primario, adaptada ao contexto agrario, climático e produtivo de cada Estado membro, en liña coa posición común asinada no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios de setembro de 2025.
Gómez apostou por configurar un debate no que se inclúan todos os actores implicados na preparación do Plan Estratéxico de España de cara á nova PAC (comunidades autónomas, Goberno central e asociacións do sector), no que todas as partes expoñan as súas necesidades para lograr unha postura compartida e consensuada 'sen a premura dunha contestación limitada a uns poucos minutos e asignada por quenda', coma nesta Conferencia Sectorial.
A maiores, demandou a necesidade de afondar en solucións cun enfoque máis rexional, polo que apurou ao Goberno central a convocar ás comunidades autónomas, coa maior brevidade posible, a un grupo de traballo no que poder debater e poñer en común as liñas de actuación da futura PAC 'tal e como se tiña acordado'. Só deste xeito, asegurou, é posible identificar prioridades comúns e defender con solidez os intereses do sector agrario ante as próximas negociacións. Neste contexto, avogou por unha posición agraria cohesionada que traslada ás necesidades e particularidades dos distintos territorios e sistemas produtivos.
Demandas de Galicia
Gómez incidiu na importancia do 'diálogo e o traballo conxunto' para poder avanzar en solucións ante as cuestións que está a atravesar o sector primario galego, como é o caso dos prezos do leite en Galicia. Así, lembrou as reiteradas solicitudes de xuntanzas co ministro Luis Planas para abordar esta situación. Unhas peticións que, afirmou a titular de Medio Rural, non obtiveron resposta.
Do mesmo xeito, amosou o seu rexeitamento aos criterios de reparto das axudas estatais para a compra de fertilizantes, nas que os profesionais galegos resultaron prexudicados, xa que se empregaron unicamente criterios relativos á Superficie Agraria Útil (SAU), sen ter en conta o tipo de cultivo e a realidade da distribución territorial galega, cunha gran presenza de minifundio.
María José Gómez fixo referencia tamén a cuestións como o desenvolvemento dunha vacina marcada para a Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC); a apertura de mercados para exportar bovinos ao norte de África ou a peste porcina africana; urxindo un compromiso firme e decidido por parte do Goberno central.
En relación coa cobertura dos seguros agrarios, recordou que a Xunta xa demandou en repetidas ocasións a necesidade de ampliar as enfermidades subvencionables para incluír doenzas como o mildio ou a DNC. Neste sentido, cómpre incrementar tamén as subvencións para motivar a súa contratación e protexer as producións. Por outra banda, lembrou a importancia de reforzar os controis de fronteira para vixiar a entrada de produtos e afondar na mellora da súa etiquetaxe; para que as persoas consumidoras poidan distinguir a orixe con facilidade.
Posicionamento común da cornixa cantábrica
Seguindo esta liña, recordou que as comunidades autónomas da cornixa cantábrica veñen de remitir ao Goberno central un escrito no que se recolle unha postura común ante a situación que están a atravesar estes territorios, marcada polo impacto do déficit de precipitacións no sector agrogandeiro. É importante destacar que estas zonas teñen un modelo produtivo moi diferente ao do resto de España, cunha base extensiva e forraxeira que depende da chuvia, polo que non están habituadas a situacións climáticas destas características.
Deste xeito, úrxese a habilitación de achegas extraordinarias que dean prioridade á alimentación animal; así como a creación dun fondo de carácter solidario para poder facer fronte á episodios climáticos excepcionais. Do mesmo xeito, solicítase o mantemento da bonificación do gasóleo agrícola, o seguimento dos prezos dos fertilizantes e a aplicación do tipo superreducido, do 10 % ao 4 %, á carne e ao pescado.
Reclamou tamén, tal e como se recolle neste documento, unha revisión da zonificación climática e do sistema de avaliación do pasto atlántico; ademais de afondar en recursos para facilitar o acceso á auga tendo en conta o minifundismo territorio existente nestas comunidades autónomas.
Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade.