
Con este fin, constituíuse un grupo de traballo formado por profesionais procedentes da Administración e das tres universidades asinantes do convenio que, de xeito conxunto e consensuado, elaborou o protocolo que agora ve a luz.
O documento concíbese como unha ferramenta útil e transversal, de xeito que se asegure non só a correcta atención á poboación no ámbito universitario, senón, cando sexa preciso, a necesaria continuidade asistencial nos recursos sanitarios e comunitarios dispoñibles.
A elaboración deste protocolo sustentouse na experiencia acumulada polas unidades e servizos de atención psicolóxica das tres universidades galegas, así como na evidencia científica dispoñible sobre intervención psicolóxica no ámbito universitario. A integración do coñecemento experto e as mellores prácticas recollidas na literatura internacional permitiron deseñar un documento consensuado e aliñado coas necesidades detectadas no estudantado universitario de Galicia.
Todas estas experiencias coinciden na importancia de establecer procedementos e modelos de coordinación entre os servizos universitarios e os sistemas públicos de saúde. Este protocolo sitúase nesa mesma liña, adaptando estas referencias ao contexto galego e á estrutura organizativa do Servizo Galego de Saúde. A creación dun protocolo común para as tres universidades representa un avance significativo, xa que permite homoxeneizar procedementos, reducir a variabilidade na atención, facilitar a comunicación interinstitucional e reforzar a continuidade asistencial, salienta o documento. Ademais, a colaboración establecida entre as unidades universitarias e o Servizo Galego de Saúde constitúe un valor engadido, ao favorecer un modelo integrado que combina prevención, detección temperá e resposta axeitada segundo a complexidade clínica.
Actuacións a desenvolver
O documento define o itinerario a seguir, así como actuacións complementarias entre as que se atopan obradoiros psicoeducativos para o estudantado, asesoramento ao persoal da universidade, participación en iniciativas relacionadas coa investigación, ou promover o coñecemento sobre a existencia deste tipo de recursos.
O interese polo benestar psicolóxico e a saúde mental do estudantado universitario cobrou unha especial relevancia nos últimos anos. Nunha metaanálise recente, cuxos resultados aparecen recollidos no Protocolo, sinálase un incremento dos problemas de saúde mental neste colectivo a nivel global: un 16,78 % presenta sintomatoloxía ansiosa e un 13,42 %, síntomas de tipo depresivo.
Ademais, nun estudo realizado tras a pandemia producida pola COVID-19, polo Ministerio de Universidades e polo de Sanidade, entre estudantado das universidades españolas, recóllese que preto do 50 % presentaba problemas de tipo depresivo e unha porcentaxe semellante, síntomas de ansiedade. A metade da mostra percibira recentemente a necesidade de contar con atención psicolóxica. O estudantado consideraba como factores que contribúen positivamente ao seu benestar a existencia de redes de apoio adecuadas e de servizos profesionais con acceso rápido e sinxelo, así como contar con información sobre a existencia destes recursos.
Na redacción do documento participaron Ana López Durán, responsable do Servizo de Atención Psicolóxica da Universidade de Santiago de Compostela; e Carmela Martínez Vispo, membro do equipo de investigación asociado a este Servizo.
Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade.