Noticias

A G-Night 2026 levará medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas ás sete cidades galegas

Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.

Será o vindeiro venres, 25 de setembro, a partir das 17.00 horas, de xeito simultáneo en centos de lugares de toda Europa. Este venres presentouse o programa de actividades no Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela nun acto no que se reuniron as e os principais representantes das entidades organizadoras. Desde a Universidade de Vigo, asistiu á presentación o vicerreitor de Transferencia, Innovación e Impacto Social, Rafael Comesaña, quen salientou o carácter colectivo da iniciativa e o compromiso das persoas investigadoras, máis de 100 no caso da UVigo, que participan en arredor de 40 actividades. Comesaña destacou tamén o “carácter lúdico, participativo e interactivo” da programación, que permitirá ao público conversar directamente co persoal investigador en espazos como Redeiras, a ría de Vigo, bares, bibliotecas ou outros lugares das cidades.

No caso da Universidade de Santiago de Compostela, a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana, puxo o foco no carácter colaborativo da G-Night e na oportunidade que ofrece para sacar a investigación dos laboratorios, aulas e despachos e levala ao encontro da sociedade. Subliñou, neste sentido, que a iniciativa está pensada para todas as idades e que o obxectivo é facer que a ciencia sexa próxima á cidadanía, nunha edición na que tamén cobran protagonismo as humanidades e as ciencias sociais. “A investigación ten sentido non só cando se fai senón cando se socializa e se relaciona coa sociedade”, sinalou.

En representación da Universidade da Coruña asistiu a vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte, Cristina Naya, quen explicou que a UDC desenvolverá máis de 20 actividades nos campus da Coruña e Ferrol, dirixidas tanto a escolares como ao público xeral, con máis de 200 persoas investigadoras implicadas. A programación, que chegará a espazos como a dársena da Coruña, aposta por obradoiros participativos e propostas que permitan experimentar e descubrir a presenza do coñecemento científico na vida cotiá.

O acto contou, ademais, coa participación da responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, Patricia Quintas, quen explicou que o organismo participa un ano máis a través dos seus centros de investigación en Santiago, Vigo e Pontevedra, cunha programación que inclúe xogos, exposicións, actividades de ciencia lúdica, un escape room, roteiros históricos e propostas arredor da intelixencia artificial. Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Innovación, GAIN, Carmen Cotelo, destacou o papel da G-Night para visibilizar o traballo das persoas que fan ciencia en Galicia e para transmitir a mensaxe de que a comunidade galega é un lugar para investigar. Neste sentido, vinculou a iniciativa co obxectivo de facer medrar o ecosistema de investigación e innovación e coa necesidade de recoñecer tanto o talento como o compromiso das persoas investigadoras.

Finalmente, Eugenio Vázquez, vogal da xunta directiva da Sección Territorial Galega da Real Sociedad Española de Química, entidade que apoia a iniciativa, reivindicou o papel da divulgación como vía para achegar a ciencia á sociedade e salientou o compromiso da RSEQ, unha das sociedades científicas máis antigas de España, fundada en 1903.

En 2025 achegáronse a esta cita máis de 10.000 persoas

En 2025 achegáronse a esta cita máis de 10.000 persoas e a idea é repetir ou superar esta cifra. De novo, o mapa da G-Night estará composto de espazos como o claustro do Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela; a dársena da Mariña, na Coruña; o mercado municipal e a praza de abastos de Lugo ou o edificio Redeiras en Vigo, ademais de bares, prazas, parques, museos, centros de investigación e outros espazos públicos das cidades galegas. A diversidade de escenarios permitirá achegar a ciencia a públicos moi diferentes e converter distintos recunchos das cidades en lugares de encontro coa investigación.

Expo-feiras científicas, roteiros, obradoiros, paseos en barco, xornadas de portas abertas ou actividades en centros escolares son algunhas das propostas desta sexta edición da G-Night para achegarse á investigación e á ciencia en primeira persoa. A programación abrangue, tal e como se explicou na presentación, todas as ramas do saber e invita a ver, tocar, experimentar e descubrir, con actividades adaptadas a públicos de todas as idades.

Vigo: tres actividades para todos os públicos

En Vigo, o edificio Redeiras e a praza do Berbés converteranse entre as 17.00 e as 21.00 horas en grandes espazos de experimentación científica. O programa permitirá achegarse a ámbitos tan diversos como a investigación contra o cancro, a bioloxía, a química, as matemáticas, a enxeñaría, a intelixencia artificial, a robótica, a aeronáutica, a exploración espacial ou a alimentación funcional.

As máis cativas e cativos terán tamén o seu espazo cun teatriño de títeres sobre o papel das nenas e das mulleres na ciencia, acompañado dun obradoiro de microscopía e acuicultura. O público poderá tamén coñecer de preto aeronaves e foguetes deseñados polo alumnado de UVigo Aerotech, o monopraza de UVigo Motorsport ou prototipos de satélites e robots destinados á exploración de covas lunares.

Á programación da feira súmanse outras actividades, como a charla Novos retos en cancro, na Biblioteca Xosé Neira Vilas, coa investigadora principal do grupo CellCOM do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, María Mayán. Ademais, o público poderá participar nun paseo en barco para coñecer os fondos da ría a bordo de Inndaga, a embarcación do Centro de Investigación Mariña, CIM. Esta actividade, así como algunhas das propostas e obradoiros da programación, require inscrición previa e conta con prazas limitadas, polo que a organización recomenda consultar a web gnight.gal, onde se pode reservar praza e acceder á programación completa.

A celebración da G-Night en Vigo conta coa colaboración do Concello de Vigo e coa achega do Consello Social da Universidade de Vigo.

Ourense e Pontevedra: roteiros científicos e Ciencia no Bar

En Ourense, o bar Ceres 1894 acollerá, ás 18.30 horas, dúas actividades dirixidas ao público maior de 16 anos. O grupo Gest-It, Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia, propoñerá analizar as campañas institucionais contra a violencia machista para identificar estereotipos sexistas, procesos de culpabilización ou revitimización e reflexionar sobre a maneira en que se representa este tipo de violencia. Pola súa banda, o grupo Cies-UVigo, Cooperación en investigación para a equidade educativa e social, abordará os retos e oportunidades da formación dual universitaria, explicando as súas características, a súa expansión e algúns dos dilemas relacionados coa súa implantación no ámbito universitario.
En Pontevedra, o ciclo Ciencia no Bar transcorrerá na Taberna Nasa a partir das 18.30 horas, onde a cidadanía poderá gozar dun refresco mentres participa en dúas actividades de divulgación: O teu municipio di que é sostible. Podemos crelo”, do Post-growth Innovation Lab, e A conduta suicida na mocidade galega: datos e retos, do grupo GETS-IT.

A maiores, entre as 17.00 e as 19.00 h haberá un roteiro polas pegadas de Federico García Lorca en Pontevedra, con saída desde o Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. O percorrido, organizado en colaboración co Colectivo Xurelo, permitirá coñecer diferentes lugares relacionados coas visitas do escritor á cidade.

Froito da unión de toda a comunidade científica

As actividades da UVigo no marco da Noite Galega das Persoas Investigadoras contan coa participación de persoal investigador de todos os centros de investigación da Universidade de Vigo (Atlanttic, CINBIO, Cintecx e CIM) e coa colaboración doutras entidades convidadas como a Fundación CEER, o IIS Galicia Sur e os centros interuniversitarios Citmaga e Ecobas. Ademais, no evento tamén participa persoal investigador en fase predoutoral contratado ao abeiro do Programa de axudas á etapa predoutoral da Xunta de Galicia, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Cada último venres de setembro en máis de 460 cidades europeas

A G-Night é unha iniciativa galega orientada a achegar a ciencia á sociedade que naceu ao abeiro da European Researchers’ Night, un evento da Unión Europea que se celebra en máis de 460 cidades de xeito simultáneo o último venres de setembro. A Universidade de Vigo coordina a G-Night 2026, na que participan, ademais das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, os institutos do CSIC —IEGPS, IEO, IIM, Incipit e MBG—, os centros oceanográficos de Vigo e A Coruña do Instituto Español de Oceanografía, así como outros centros e organismos de investigación galegos, entre eles o Cesga, Citmaga, Ecobas, FCEER, IDIS, IISGS e Inibic.

A G-Night celébrase grazas ao compromiso das entidades organizadoras e finánciase cos recursos propios dos preto de 20 organismos que forman o consorcio. Ademais, o evento conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da GAIN (Axencia Galega de Innovación), dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; e coa colaboración da Real Sociedad Española de Química, ademais doutras achegas a nivel local.

R., 2026-09-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES