Noticias

A Rede Galega de Teatros e Auditorios chega ao seu 30º aniversario con 223 novas funcións e concertos en 39 concellos

A Rede Galega de Teatros e Auditorios desenvolverá e ata decembro unha nova programación con 223 funcións escénicas e concertos en 39 concellos das catro provincias. Coa carteleira preparada para o segundo semestre de 2026 chégase ao 30º aniversario deste circuíto autonómico, fundado en 1996 e cofinanciado pola Xunta e as entidades locais asociadas para favorecer unha oferta estable de espectáculos maioritariamente producidos en Galicia desde os principais escenarios galegos. A programación, que se inicia o venres 11, ás 20,30 horas coa montaxe Coralinda a cargo de Elefante Elegante na Sala Bahía de Foz, reúne ata finais de ano as propostas de 109 compañías e grupos de teatro, danza, música, circo e maxia.

O teatro volve concentrar a maior parte da actividade, con 180 funcións, seguido da danza, con 16; a música, con 14; o circo, con oito; e a maxia, con cinco.

A oferta, que durante o período de verán forma parte da campaña da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude Para gustos, cultura, combina espectáculos para público adulto e familiar, novas producións galegas, propostas de repertorio e creacións contemporáneas nun calendario coordinado de actividade que se intensifica especialmente a partir do mes de setembro.

As próximas actuacións para o mes de xullo son con Pistacatro Produtora de Soños e a peza de novo circo Sen Patrón o día 21 e con Caramuxo Teatro e a súa proposta para público familiar Os Senteito o día 27, as dúas tamén en Foz, así como o concerto Natureza e Cultura do dúo POI, formado polos músicos Tonhito de Poi e Merqui, o día 31 no Auditorio Lois Tobío de Gondomar.

Destaca este semestre a incorporación do Concello de Marín á Rede Galega de Teatros e Auditorios, dentro da que o seu recentemente inaugurado Auditorio Municipal acollerá tres funcións: Sen patrón, de Pistacatro Produtora de Soños; O que non se ve, de Et Suseia Danza; e BenQuerer, de Fran Sieira Compañía de Danza.

Estreas galegas e coproducións públicas

A Rede Galega de Teatros e Auditorios volverá funcionar como plataforma preferente para as primeiras representacións diante do público de novas producións galegas apoiadas pola Xunta a través da convocatoria de axudas á creación escénica, unha das principais liñas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para o sector.

Así, nos vindeiros meses, acollerá a estrea de títulos como O sangue das promesas: Incendios, de Sarabela Teatro, o 18 de setembro no Teatro Principal de Ourense; Crónica do rei pasmado, de Contraproducións, o 26 de setembro no Teatro Jofre de Ferrol; Ngoma, de La Guajira, o 19 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña; Curie, ou a simetría dos fenómenos físicos, de Empatía Teatro, o 6 de novembro no Pazo da Cultura de Narón; e Vento mareiro non dá voltas, de Teatro do Noroeste, o 27 de novembro na Casa da Cultura do Milladoiro, en Ames.

A carteleira incorpora tamén as primeiras funcións no circuíto doutros espectáculos de nova produción beneficiarios desta mesma convocatoria, como A velada de Londres, de ButacaZero, que poderá verse o 5 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña, ademais de en Muros, Vigo, Foz e Noia; ou A arte da guerra, de Producións Teatrais Excéntricas, con funcións o 23 de outubro en Carballo, o 5 de novembro en Monforte de Lemos e o 5 de decembro en Betanzos.

A programación deste semestre inclúe varias coproducións recentes do Centro Dramático Galego que continúan a súa circulación polos escenarios galegos. Son os casos de A fortaleza, creación de Raquel S. e a compañía A Feroz coproducida co Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica do Porto; A furia da amanita, de Redrum Teatro, con dramaturxia de Santiago Cortegoso e dirección de Guillermo Carbajo e Alex Sampayo; e Black Box. Unha saga épica, de Hugo Torres, coproducida pola compañía pública galega xunto ás estruturas portuguesas do Festival FITEI do Porto e Trigo Limpo Teatro ACERT.

Programación nas catro provincias

A Coruña será a provincia con maior número de funcións, cun total de 95 actuacións en 17 concellos. En Pontevedra programaranse 57 en 12 localidades; en Lugo, 50 en seis municipios; e en Ourense, 21 en catro concellos. Deste xeito, a Rede Galega de Teatros e Auditorios reforza a súa función como principal plataforma pública de circulación da produción escénica profesional en Galicia.

Ademais de Marín, na provincia de Pontevedra, a programación chegará tamén á Estrada, Cambados, Cangas de Morrazo, Gondomar, O Grove, Ponteareas, Pontevedra, Tomiño, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa, con títulos como Artur Ui, o ovo da serpe, Telma e Lola, Bio construción, A velada de Londres, A furia da amanita ou Ictus. Anatomía de ‘A derradeira leición’ de Castelao.

Na Coruña desenvolveranse 95 actuacións en 17 concellos, con propostas como Ngoma, A fortaleza, Ninguén tira fotos nos enterros, A metamorfose, Curie, ou a simetría dos fenómenos físicos ou Vacanal sinfónica, ademais de diferentes funcións familiares. En Lugo, a Rede suma 50 funcións en Burela, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo e Viveiro, con espectáculos como Bio Construción, Reconversión, A velada de Londres, O sangue das promesas: Incendios, Alén ou Black Box. Unha saga épica.

Pola súa banda, Ourense contará con 21 funcións na Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Ourense, con propostas como Neura, unha comedia neurótico-festiva, de De Ste Xeito Producións; Un deus salvaxe, de Talía Teatro; A historia vaxenial, de Artyc Content; Vitória, de Iria Pinheiro; O sangue das promesas: Incendios, de Sarabela Teatro; Memorias dun neno labrego, de Contraproducións; ou O libro da selva. O musical, de Ártika Cía.

Ademais dos concellos citados, tamén son socios da Rede Galega de Teatros e Auditorios Santiago de Compostela, Sada e Redondela, que xa desenvolveron toda a súa programación no marco deste circuíto durante o primeiro semestre de 2026.

R., 2026-07-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES