Notas de prensa

Festival de Ortigueira: Unanimidade entre o voto popular e o xurado profesional no Concurso Runas 2026

O Concurso Runas 2026, que desde o ano 2000 impulsa a difusión da cultura e da música celta, pechou as súas votacións en liña superando os 100.000 votos emitidos, consolidando esta edición como unha das de maior participación dos últimos anos. O resultado final estivo marcado pola coincidencia entre o voto popular e a valoración do xurado profesional, que seleccionaron a JDC, Aérokorda e Leni Pérez & Sekadra como os tres grupos finalistas que actuarán este verán no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.

Os finalistas, con sons de raíz atlántica, bretoa e galega, determináronse mediante un sistema de cinco votos. O primeiro, derivado da votación popular na páxina web do Festival, onde se recibiron milleiros de votos durante as semanas de participación en liña. As outras catro puntuacións proviñeron dun xurado profesional elixido pola organización do Festival. Este comité avaliador, encargado de analizar a relación de cada proposta coa filosofía e a tradición musical propias do Festival, estivo integrado por catro persoas. Unha representante do departamento de Comunicación do Festival; por outra banda Eva Fernández, xornalista enfocada na difusión da cultura tradicional galega e editora da revista dixital “Rebelico”; tamén exerceu de xurado Pablo Martínez, en representación da Escola de Gaitas; e como cuarto integrante, Manel López, técnico de Cultura do Concello de Ortigueira.

O xoves 9 de xullo as tres formacións actuarán no Escenario Estrella Galicia, onde un novo xurado seleccionado polo Comité Organizador do Festival determinará o grupo gañador, que volverá subir ao escenario en 2027 dentro da programación ordinaria do Festival e acudirá ao Festival Internacional Sierra Celta no marco das Xornadas Medievais do Concello de Cortegana (Huelva).

A selección foi complicada, segundo admite o xurado, pero acabou coincidindo no resultado co xurado popular, dando como resultado os seguintes gañadores.

JDC, liderada por Jesús del Castillo, é unha formación que chega desde Madrid e, tras alzarse coa vitoria no Concurso Runas en 2022, regresa agora ao certame cunha proposta renovada, que destaca pola forza instrumental e a personalidade das súas composicións propias.

AÉROKORDA chega desde Bélxica presentando unha proposta marcada pola fusión de músicas atlánticas e folk contemporáneo, incorporando influencias bretoas e europeas nun directo dinámico e festivo. O grupo destaca pola riqueza dos seus arranxos e a conexión entre tradición e modernidade.

LENI PÉREZ & SEKADRA únense nesta edición do concurso e fusionan a tradición galega con novas sonoridades folk, construíndo un repertorio que combina sensibilidade, potencia escénica e composicións orixinais. A súa proposta reflicte unha visión actual da música tradicional, mantendo sempre o vínculo coas raíces galegas.

Festival de Ortigueira, 2026-05-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES