
O venres 17 subirán ao escenario da Cidade da Cultura Unto Vello, dúo formado polos mozos Bieito Pereira e Xabi Gómez. O seu traballo rende homenaxe ás cantareiras e reinterpreta a música tradicional engadindo novas musicalidades co acordeón. Foron finalistas dos Premios Martín Códax da Música en 2025 e están de xira para presentar o seu primeiro disco, Inmaterial, publicado a comezos deste mesmo ano.
Os concertos de Atardecer no Gaiás continúan o xoves 23 con Bala, unha das bandas galegas de rock con maior proxección internacional. Ata o 14 de agosto, pasarán tamén pola Cidade da Cultura Sheila Patricia, Lisdexia, Galician Army e Turista Sueca. Ademais, o venres 13 de agosto haberá unha xornada dedicada á música urbana coa segunda edición do Atardecer Fest.
O ciclo, que volve contar nesta décimo sexta edición coa colaboración de Cervezas Alhambra, forma parte das máis de 3.600 actividades impulsadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na campaña de verán Para gustos, cultura.
O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.