
Desenvolverase ata o mes de outubro, pasando por Arzúa, Betanzos, Boiro, Cedeira, San Sadurniño e Zas, na provincia da Coruña; A Fonsagrada, Foz, Meira, Monterroso, A Pobra do Brollón, Sarria, Taboada e Vilalba, na de Lugo; Allariz, A Arnoia, Cartelle, Celanova, Cea, O Pereiro de Aguiar, Ribadavia e A Veiga, na de Ourense; e A Estrada, Campo Lameiro, Mondariz e Oia, na de Pontevedra. O circuíto busca chegar a concellos localizados fóra das contornas das grandes cidades e que non contan cunha oferta de salas comerciais estables.
Imaxe real e animación
O programa, dividido en dúas sesións, inclúe os filmes finalistas nas categorías de Mellor Curtametraxe de Animación e Mellor Curtametraxe de Imaxe Real da última edición dos devanditos galardóns, con varios títulos que contaron con subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para o seu desenvolvemento.
Así, no bloque de ficción poderán verse Abellón, drama de Fon Cortizo no que Alex, un home confuso sobre a súa identidade, traballa creando audiodescricións para persoas con discapacidade audiovisual e aprende a percibir o mundo de xeito diferente cando coñece a Lucía, unha muller cega; Algo novo que contar, de Paula Pereira, no que unha moza se enfronta á presión social respecto á súa virxinidade; Curmán, de Alejandro Jato, unha historia centrada na viaxe á aldea dos avós para celebrar a primeira comuñón, onde o protagonista experimenta un proceso de madurez e perda da inocencia; e Adeus, Berta, con dirección de Fernando Tato e guión de Ángela Andrada, que conta o regreso a casa de Alicia para o velorio da súa nai e o reencontro coa súa irmá, ingresada nun centro de rehabilitación.
Os títulos de animación son Lucus, de David Fidalgo Omil, unha curta de fantasía e aventuras na que unha moza loita para evitar a destrución da súa cidade mediante unha trama que mestura acción cunha comedia hilarante e irónica; Nuno, de Nuno Taborda, 2D debuxada a man que narra a viaxe dunha persoa nova para comprender a súa conexión cun tío falecido ao que nunca chegou a coñecer; O mesmo, con dirección de Virginia Curiá e guión de Inés Pintor, peza que aborda a violencia dixital de xénero, e O corpo de Cristo, con dirección e adaptación de guión de Bea Lema, no que a personaxe de Adela busca curar o seu trastorno mental recorrendo á ciencia, á fe e á tradición.
O Ciclo Mestre Mateo Galicia Calidade está financiado en virtude do acordo acadado para esta actividade entre a Axencia Galega das Industrias Culturais e o Instituto de Cinematografía y das Artes Audiovisuais do Ministerio de Cultura.
O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.