Noticias

O circuíto Cultura no Camiño achega este verán 316 citas escénicas e musicais en 87 concellos galegos

Ponse en marcha a programación da 14ª edición de Cultura no Camiño, que este verán ofrecerá 316 espectáculos escénicos e concertos a cargo de 147 formacións artísticas en 87 concellos galegos situados nas diferentes rutas xacobeas. Trátase dunha proposta enmarcada na campaña Para gustos, cultura, que este ano chegará a 200 localidades con máis de 3.600 propostas. O calendario de Cultura no Camiño para este ano, que se abriu esta semana con paradas en Ribadumia, onde Marta Ortiz presentou Canta, Bugina, canta! na Escola Infantil, e en Miño coa proposta A maxia dos libros, do Mago da Boina e Nami, no Centro de Día, continuará hoxe de novo en Ribadumia con Donas do lugar, un espectáculo de narración oral a cargo de María da Pontragha.

A Xunta de Galicia acaba de poñer en marcha a programación da 14ª edición de Cultura no Camiño, que este verán ofrecerá 316 espectáculos escénicos e concertos a cargo de 147 formacións artísticas en 87 concellos galegos situados nas diferentes rutas xacobeas. Trátase dunha proposta enmarcada na campaña Para gustos, cultura, que este ano chegará a 200 localidades con máis de 3.600 propostas.

Neste caso, a actividade impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude desenvolverase ata o 31 de agosto cun investimento conxunto de 532.929 euros entre o Goberno galego e as entidades locais participantes.

O calendario de Cultura no Camiño para este ano, que se abriu esta semana con paradas en Ribadumia, onde Marta Ortiz presentou Canta, Bugina, canta! na Escola Infantil, e en Miño coa proposta A maxia dos libros, do Mago da Boina e Nami, no Centro de Día, continuará hoxe de novo en Ribadumia con Donas do lugar, un espectáculo de narración oral a cargo de María da Pontragha. A carteleira seguerá o seu periplo polas catro provincias nas vindeiras xornadas. Mañá desde Barreiros, co Picadiscos de María Faltri, na praza de San Miguel de Reinante, e Chuches Amil, a cargo de Fran Amil no CPI de Rodeiro. O vernes 19 a praza do Concello de Palas de Rei acollerá A volta a Galicia en 313 concellos, a cargo do mago Antón; o sábado 20, a Biblioteca Municipal de Neda ofrecerá Contos en Lila, por Cris de Caldas; Chuches Amil repetirase no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira; na Área da Saleta de Silleda poderá verse Tavole, a cargo de Zirko Txosko; a praza Maior de Xinzo de Limia recibirá a Inma Soto con Xela, a superheroína de aldea; en tanto que Lulavai ofrecerá un concerto en Padrón co Convento do Carme como escenario.

A música de Xurxo Fernandes, De Vacas, Balteira, Abril, The Homens, Broken Peach, Uxía Lambona e a Banda Molona, Faltriqueira, Monoloulious Dop, Pitusa Semifusa, Pablo Vila, Exeria, Robert Pier, Mad Martin Trio, TOR, Os Piñeiros, Emilio Rúa, Pili Pampín ou Abril Fado Atlántico soará en Cultura no Camiño este ano, en tanto que entre o amplo abano de propostas escénicas figuran, por exemplo, Troula Animación, Pistacatro, Sempre Arriba, Mago Teto, Peter Punk Pallaso, Quico Cadaval, Fantoches Baj, Marta Alonso Tejada, Barafunda, Paula Quintas, Culturactiva, Teatro O Cubo, Odaiko, Dani García ou Ghazafelhos.

Impulso á contratación galega

Cultura no Camiño ten como obxectivo dinamizar a oferta cultural e de lecer nos municipios das rutas xacobeas durante os meses de maior afluencia de visitantes, ao tempo que favorece a contratación de espectáculos galegos de artes escénicas e musicais. Nesta edición, o investimento da Xunta ascende a 223.500 euros, aos que se lles engaden 309.429 euros achegados polos concellos participantes.

A través desta liña, a Axencia Galega das Industrias Culturais cofinancia a contratación de producións profesionais incluídas no catálogo específico dispoñible na plataforma galescena.gal. As entidades locais confeccionaron cadansúa programación a partir desta oferta, que permite achegar ao público propostas de diferentes formatos e para públicos diversos, desde concertos e espectáculos familiares ata montaxes de teatro, circo, maxia ou danza, programados a meirande parte deles en espazos ao aire libre para saír ao encontro tanto do público local como do visitante.

No conxunto da programación, a música e o teatro suman 106 citas cada unha, mentres que o circo achega 59 funcións, a maxia 41 e a danza e artes do movemento catro. En total, poderán verse 183 espectáculos e concertos diferentes, a cargo de 66 grupos musicais e 81 compañías escénicas.

Presenza nas catro provincias

Por provincias, Cultura no Camiño chegará a 31 concellos da Coruña, con 101 actividades; a 16 de Lugo, con 67 propostas; a 16 de Ourense, con 59, e a 24 de Pontevedra, con 89 funcións e concertos. Deste xeito, a iniciativa reforza un modelo de programación descentralizada que facilita o acceso á cultura profesional galega en vilas e localidades de distinto tamaño.

Na provincia da Coruña, o calendario inclúe funcións en concellos como A Pobra do Caramiñal, Abegondo, Ames, Arzúa, Betanzos, Boiro, Boqueixón, Cabanas, Carral, Cee, Corcubión, Dumbría, Fene, Fisterra, Melide, Mesía, Miño, Muxía, Narón, Neda, Negreira, O Pino, Oroso, Ordes, Paderne, Padrón, Pontedeume, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba ou Teo. Na de Lugo, participan A Fonsagrada, Barreiros, Begonte, Chantada, Castroverde, Guitiriz, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Palas de Rei, Pantón, Portomarín, Ribadeo, Ribas de Sil, Sarria e Quiroga.

En Ourense, o circuíto pasará por A Mezquita, Amoeiro, Allariz, A Rúa, Baños de Molgas, Monterrei, O Barco de Valdeorras, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Sandiás, Sarreaus, Taboadela, Vilar de Barrio, Vilariño de Conso, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía. Pola súa banda, en Pontevedra desenvolverase en municipios como A Guarda, A Illa de Arousa, Cambados, Caldas de Reis, Catoira, Baiona, Dozón, Lalín, Meaño, Mos, O Grove, O Porriño, Oia, O Rosal, Pontecesures, Portas, Ribadumia, Rodeiro, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Vilaboa, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.

A nova edición dálle continuidade a un programa que vén revalidando nos últimos anos o seu papel como ferramenta de dinamización cultural ao pé do Camiño de Santiago e que na súa pasada edición congregou máis de 38.000 persoas asistentes.

R., 2026-06-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (economia-graficos.jpg) O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC presentou o 40º informe 'A Economía Galega', un estudo que realiza de maneira ininterrompida dende 1986. Os seus directores, Dolores Riveiro e Melchor Fernández, explicaron que o documento se pode resumir nunha 'evolución favorable na maior parte dos sectores de actividade, confirmando unha notable capacidade de adaptación nun contexto internacional complexo'. Os datos de 2025 son 'claramente positivos', afirmaron. 'Galicia pechou o ano co maior aumento de ocupación da última década, no que as mulleres concentran o avance e a inmigración se consolida como un dos grandes motores do emprego'.
Foto de la tercera plana (universidade.jpg) A Xunta e as tres universidades pública galegas pecharon hoxe o acordo para reformar a estrutura de organización da Proba de Acceso á Universidade (PAU). O obxectivo, tal e como destacou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, 'é procurar a maior coordinación para garantir que as probas sexan adecuadas ao nivel e contidos do currículo de Bacharelato e que se corrixan con criterios que reflictan a boa preparación do alumnado galego'. o.

Notas

O Galician Freaky Film Festival presentou diante do MARCO o cartel oficial e as primeiras novidades da súa décima edición, que se celebrará do 17 ao 26 de setembro na Praza Elíptica de Vigo. Un dos momentos centrais da presentación foi o descubrimento do cartel desta décima edición, dedicado ao filme The Fly (La Mosca), e a participación especial de Toxie, a mascota do festival desta edición, un vingador tóxico moi vigués. Durante o acto tamén se desvelou a programación da sección GFFF Tribute.
A Premio Nobel de Física en 2023, Anne L'Huillier, participará o vindeiro mes de outubro no Programa de divulgación científica ConCiencia, da USC e do Consorcio de Santiago. A investigadora conseguiu o recoñecemento da Academia sueca polos seus métodos experimentais que xeran pulsos de luz de attosegundos para o estudo da dinámica do electrón na materia.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES