Notas de prensa

'A Galicia inédita', unha mostra de fotoxornalismo para comprender mellor quen somos como sociedade

'A Galicia inédita' reúne obras de profesionais do fotoxornalismo que desenvolven o seu quefacer en medios de comunicación de Galicia, complementadas con lendas de corte literario ou informativo, elaboradas por membros da APG e outros xornalistas que tamén traballan na nosa comunidade autónoma. As imaxes captan todo tipo de acontecementos, lugares e personaxes, dende a vertente máis costumbrista ata sucesos de actualidade.

A reitora Rosa Crujeiras e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, inauguraron este venres 12, no Colexio de Fonseca, a segunda edición da exposición ‘A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego’, organizada pola Asociación Profesional de Fotoxornalistas de Galicia (APFG) e a Asociación de Periodistas de Galicia (APG). Rosa Crujeiras afirmou que esta mostra, “permítenos descubrir historias, emocións, paisaxes e realidades que forman parte da nosa identidade común, e serve tamén para recoñecer o enorme talento profesional que existe no noso país”. A reitora definiu os homes e mulleres que a fan posible como “actores fundamentais na difusión do acontecer cotián de Galicia” porque “a través do seu traballo, documentan a historia que vivimos cada día e axúdannos a comprender mellor quen somos como sociedade, inmortalizan momentos únicos, e contribúen á proxección exterior da nosa terra, das súas iniciativas, da súa cultura e da súa diversidade”.

O titular do Goberno galego destacou, pola súa parte, que “o traballo que se reflicte nestas fotos é extraordinario” porque “non é só técnico ou profesional, senón que ten tamén unha vertente artística que non sempre se valora, e porque a través das fotos comprendemos mellor, podemos empatizar máis, e entender a Galicia de moitas máis maneiras”. Para Rueda, “estas 92 fotos que se expoñen son tamén outras tantas caras de Galicia e outras 92 miradas, moi humanas, sobre ela”.

No acto de apertura oficial da mostra, que conta co apoio da USC e da Xunta de Galicia, participaron tamén a presidenta da APG, María Méndez, o delegado en Santiago da APFG, Óscar Corral, e o comisario da mostra, Fernando Blanco. A presidenta da APG agradeceu ao presidente da Xunta de Galicia e á reitora da USC o apoio prestado dende un primeiro momento para poder organizar esta segunda edición da exposición, “á que guía”, sinalou, “o propósito de reivindicar un labor fundamental para conformar opinión pero que, con todo, moitas veces dilúese na imperiosa actualidade na que se fragua”. Méndez lembrou que esta mostra “naceu con vocación bienal e de itinerancia polas principais cidades e pobos galegos”, como fixera a súa primeira edición que, tras permanecer tamén na casa da USC, percorreu oito cidades galegas e Madrid, “con gran éxito de visitantes e recabando o apoio de Administracións locais e provinciais”.

Pola súa banda, o delegado da APFG salientou que nesta segunda edición da exposición participan “a inmensa maioría dos profesionais galegos da prensa gráfica”. Segundo el, “iso permite que desta volta se bata unha auténtica marca cun total de 92 imaxes, que son case vinte máis que hai dous anos”. Corral, que reivindicou a profesionalidade no seu sector fronte ao intrusismo, remarcou o “pulo que esta mostra supuxo, dende a súa primeira edición, para a constitución da Asociación Profesional de Fotoxornalistas de Galicia, que agora xa é unha realidade”, así como “para acadar nela unha máis ampla representación do noso gremio”.

O comisario da exposición lembrou como se xestou este proxecto “que fundiu soños de fotoxornalistas e xornalistas galegos” e que, destacou tamén, “logrou rachar a negativa dinámica individualista que sempre marcou ao noso gremio, para converterse nun pioneiro e brillante exemplo colectivo e, ademais, aberto á sociedade”. Para Blanco, esta mostra colectiva é “unha variopinta representación do traballo de compañeiros de tódolos medios de comunicación e tódolos recunchos de Galicia, nun sector moitas veces dominado pola brutal competencia”. E rematou indicando que esta é unha exposición da que presumir así mesmo, porque “ten servido para sentar as bases e poñer en marcha a Asociación que agora reúne aos fotoxornalistas da nosa comunidade e que xa vela pola defensa dos seus dereitos e a dignidade profesional”.

Medios galegos

‘A Galicia inédita’ reúne obras de profesionais do fotoxornalismo que desenvolven o seu quefacer en medios de comunicación de Galicia, complementadas cada unha delas con lendas de corte literario ou informativo, elaboradas por membros da APG e outros xornalistas que tamén traballan na nosa comunidade autónoma. As imaxes captan todo tipo de acontecementos, lugares e personaxes, dende a vertente máis costumbrista ou rural, ata sucesos que marcaron a actualidade dos últimos tempos en Galicia, pasando por obras que reflicten aspectos relacionados cos principais sectores produtivos da comunidade, conflitos laborais, manifestacións artísticas, festivas e culturais, ou natureza e fenómenos atmosféricos e meteorolóxicos.

O obxectivo da mostra segue plenamente vixente: Poñer en valor o labor que desenvolven a diario os reporteiros gráficos de Galicia e dar a coñecer ao gran público unha representación da obra de cadanseu, que nalgúns casos son imaxes inéditas e, noutros, fotografías xa publicadas en medios de comunicación. ‘A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego’ estará aberta ao público no Colexio de Fonseca de Santiago con acceso libre e gratuíto, ata o próximo 11 de xullo, de luns a sábado, en horario de 11.00 a 14.00 horas, e de 17.00 a 20.30 horas.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2026-06-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES