Notas de prensa

A exposición 'A Biblioteca América: un soño inaugurado en 1926' abriu as súas portas no Colexio de Fonseca

A USC celebra este ano o centenario da Biblioteca América, unha das coleccións bibliográficas e documentais máis singulares de Europa sobre o continente americano, coa exposición ‘A Biblioteca América: un soño inaugurado en 1926’ que abriu as súas portas no Colexio de Fonseca. A Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela é un dos fondos americanistas máis singulares conservados en España.

O acto inaugural desenvolveuse no Salón Nobre presidido pola reitora Rosa Crujeiras e nel interviñeron ademais o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a comisaria da exposición xunto con Eduardo Rey, a profesora da USC Pilar Cagiao; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra.

A reitora, quen cualificou a Biblioteca América como “un dos proxectos culturais máis singulares da nosa historia universitaria”, agradeceu ao promotor Gumersindo Busto “que comprendese, antes que moitos outros, que unha biblioteca podía ser moito máis ca unha colección de libros: podía ser unha maneira de abrir a Universidade ao mundo, de fortalecer os vínculos entre Galicia e América e de facer do coñecemento un patrimonio compartido”.

Para Crujeiras, “cada vez que alguén entra na Biblioteca América e descobre que os seus fondos non son só memoria do pasado, senón unha fonte permanente de preguntas, de coñecemento e de futuro, o soño de Gumersindo Busto continúa escribindo novas páxinas”.

O acto contou coa interpretación musical da Orquestra e Coro da Universidade da peza ‘Huarina/Huayño’ de Julio Martínez Arteaga (Bolivia) e do Programa Escolas Abertas 2026 da Secretaría Xeral de Emigración e da Orquestra e Coro universitarios de ‘Libertango’, do arxentino Astor Piazzolla. A continuación tivo lugar unha visita guiada á exposición a cargo de Ricardo Busto Lage, neto do fundador da Biblioteca América.

A Biblioteca América

A Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela é un dos fondos americanistas máis singulares conservados en España. Naceu por iniciativa de Gumersindo Busto Villanueva, emigrante compostelán establecido primeiro en Montevideo e despois en Bos Aires, que desde 1904 impulsou a creación dunha biblioteca-museo dedicada a difundir en Galicia o coñecemento de América e do americano. Hoxe continúa sendo un fondo vivo, aberto e en crecemento, enriquecido por doazóns, compras e canxes.

Os seus fondos reúnen máis de trinta e nove mil volumes e abranguen obras de historia, literatura, dereito, medicina, botánica, xeografía, filosofía, ciencias e moitas outras materias. Xunto ao fondo bibliográfico e hemerográfico, a Biblioteca conserva coleccións de gran valor simbólico e documental: bustos, bandeiras, medallas, mapas, fotografías, álbums, obxectos arqueolóxicos e etnográficos, instrumentos musicais e materiais de historia natural.

Un espazo único cun documento descoñecido

A mostra, que permanecerá aberta en Fonseca ata o 31 de outubro, fai un percorrido pola historia, as persoas e os documentos que fixeron posible a Biblioteca América, un dos espazos bibliográficos máis singulares do patrimonio cultural galego.

Convídase así a un percorrido documental, fotográfico e visual polas súas orixes, evolución e protagonismo histórico desde 1926 ata a actualidade a través de materiais históricos, fondos documentais e testemuños gráficos que permiten comprender o papel da Biblioteca América como referente cultural e académico ao longo dun século.

Entre o patrimonio que se expón figura un documento descoñecido ata agora que Ricardo Busto cedeu á USC: o doutoramento honoris causa que a institución compostelá lle concedeu en 1934 a Gumersindo Busto e que foi o primeiro outorgado pola USC. A peza cobra aínda máis valor xa que está debuxada de maneira orixinal por Camilo Díaz Baliño.

Toda a información contida na mostra é froito do traballo de investigación do grupo de Historia de América da USC e que se pode consultar no web https://www.usc.gal/gl/biblioteca-america.

Concertos

Ademais, o Centenario da Biblioteca América é o eixo sobre o que se vertebra este ano o encontro educativo da Orquestra e Coro da Universidade de Santiago de Compostela e que resulta en dous concertos esta semana.

O xoves 23 de xullo, ás 18.00 horas, será o primeiro dos recitais na Igrexa de San Francisco e o venres 24, ás mesma hora, na Igrexa da Nosa Señora da Mercede de Conxo. A dirección musical estará a cargo de Mario Diz, no caso da Orquestra, e de Anna Melikhova, no caso do Coro. Os concertos serán presentados por Nancy Pérez Rey, do Grupo de investigación da USC HistAmérica.

O repertorio, todo con partituras do fondo musical da Biblioteca América, inclúe as pezas Amor bendito: danza para canto y piano, de Juan Ríos Ovalle; Sonrisa de niño: comedia musical, de J. Daniel Zúñiga; La más linda de mi pago: zamba, de Antonio Santos La Salvia; La reina de mis amores: canción criolla para piano y canto, de Alberto S. Poggi; Huarina, huayño: para piano, de Julio Martínez Arteaga; El rancho abandonado: para piano, de Alberto Williams; Tres estrofas de amor: canción para soprano, de Pau Casals; e Danzón n.º 2, de Arturo Márquez.

A entrada aos dous concertos é libre ata completar a capacidade do espazo.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2026-07-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES