Notas de prensa

A Real Filharmonía de Galicia presenta a tempada 2026/27: 'Memoria'

A Real Filharmonía de Galicia presentou a súa tempada 2026/27, 'Memoria', unha proposta artística que convida a reflexionar sobre a relación entre a música e a memoria, sobre a forma na que as obras do pasado continúan vivas no presente e sobre como a creación contemporánea dialoga permanentemente coa tradición. Concibida arredor da idea da memoria, a nova programación reúne grandes obras do repertorio sinfónico e algunhas das voces máis destacadas da creación actual.

Ao longo da tempada, a Real Filharmonía explorará a memoria como legado, homenaxe, inspiración e tamén como materia viva capaz de xerar novas formas de expresión artística. A nova programación, deseñada por Baldur Brönnimann na súa cuarta tempada como director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia, propón un diálogo constante entre o gran repertorio e a creación contemporánea, entre a tradición e a innovación.

Este fío condutor reflíctese nos programas que conforman a tempada. O concerto inaugural abrirase con Folk Songs de Luciano Berio e a Sinfonía núm. 4 de Gustav Mahler, dúas obras que dialogan coa tradición desde perspectivas moi diferentes. Ao longo do curso, a programación explorará múltiples formas de relación co pasado: desde as melodías populares revisitadas por Berio ata a pegada de Beethoven na obra de Magnus Lindberg, pasando pola singular conversa que Helmut Lachenmann establece co Concerto para clarinete de Mozart en Accanto. Obras de Schubert, Brahms, Dvořák, Sibelius, Rachmaninov, Villa-Lobos, Caroline Shaw ou Anna Thorvaldsdottir completan un percorrido que amosa como a creación musical se constrúe sempre a partir da memoria, xa sexa para preservala, transformala ou cuestionala.

Como artista en residencia, a pianista armenia Eva Gevorgyan participará en tres programas de abono, mentres que o compositor finés Magnus Lindberg asumirá a residencia de composición, converténdose nun dos grandes protagonistas do curso a través da presenza de varias das súas obras na programación e da súa participación no Obradoiro de Composición RFG/RESIS.LAB IV.

A programación reunirá tamén algunhas das figuras máis relevantes do panorama musical internacional, como Patricia Kopatchinskaja, Roman Simovic, Katrin Wundsam, Peter Moore, Cyrille Dubois, Sérgio Pires, Bernhard Zachhuber ou Johannes Moser. Xunto a eles, a Real Filharmonía reforza o seu compromiso co talento do país coa participación de artistas galegos como a oboísta Iria Folgado, os cantantes Emilia Pérez, Lucas López e Sergio Malvar ou os bailaríns Óscar Cobos e Antía Barcia.

No podio estarán presentes directores e directoras de referencia como Timothy Brock, Jordi Francés, Chloé van Soeterstède, Jonathan Bloxham ou Perry So, xunto a novas voces da dirección orquestral como Julia Cruz, Matteo Dal Maso, Javier Fajardo ou Ben Voce.

A música antiga ocupará tamén un lugar destacado na programación con tres proxectos específicos que permitirán achegarse ao repertorio barroco e clásico desde criterios historicamente informados. A tempada contará coa participación de Sergey Malov, que asumirá a dirección e as partes solistas de violín e violoncello da spalla, así como coas directoras especializadas Camille Delaforge e Jeannette Sorrell, tres figuras de referencia internacional neste ámbito. A través destes programas poderanse escoitar obras de Bach, Haendel, Vivaldi, Rameau, ou Ortiz entre outros.

Outro dos eixes centrais da programación será a formación e o apoio ás novas xeracións. Nunha ampla programación didáctica destinada ao público escolar e familiar, a Real Filharmonía presentará dous novos espectáculos creados por La Maquiné, O bosque de Grimm e Farö, así unha proposta dirixida ao público adolescente que contará coa participación do divulgador cultural «El Barroquista» xunto ao director asistente da RFG, César Ramos.

Nesta mesma liña, o alumnado do Posgrao de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais participará en 14 concertos da tempada como parte da súa formación práctica xunto á orquestra. A participación cidadá volverá materializarse a través do proxecto «Cantamos!», que celebrará unha edición especial para coros xuvenís durante o Nadal e culminará a tempada cunha interpretación participativa do Réquiem de Mozart.

A presenza da RFG en todo o territorio galego volverá ser unha das características distintivas da tempada. A orquestra ofrecerá 17 concertos fóra de Santiago de Compostela, reforzando a súa presenza en auditorios e teatros de toda Galicia e consolidando o seu papel como unha das principais institucións culturais do país.

Co apoio da Xunta de Galicia e do Xacobeo 2027, o ciclo (EN)FOCO volverá ocupar un lugar destacado na programación da orquestra. As catro propostas que o integran amplían os límites da experiencia sinfónica e exploran o diálogo con outras linguaxes artísticas. Entre elas destacan dous dos grandes acontecementos da tempada: a actuación de Rufus Wainwright xunto á Real Filharmonía de Galicia, na estrea en España do seu proxecto Want Symphonic, e o encontro entre a orquestra e o pianista e compositor Michel Camilo. O programa completarase cunha noite dedicada ao tango e coa proxección d’O maquinista da Xeneral con música en directo.

Como novidade, todos os concertos de abono da Real Filharmonía de Galicia no Auditorio de Galicia pasarán a celebrarse ás 20.00 horas. Ademais, os encontros «Conversando con...», previos aos concertos, comezarán ás 19.15 horas.

Venta de entradas

As entradas soltas para os concertos da nova tempada «Memoria» da Real Filharmonía de Galicia sairán á venda anticipada o vindeiro 22 de setembro e poderán adquirirse preferentemente a través de compostelacultura.gal, na Zona C · Punto de Información Cultural (de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 h e de 16.00 a 19.00 h) e no despacho de billetes do Auditorio de Galicia os días de concerto, entre as 19.00 e as 20.00 h.

Cómpre indicar que as entradas contarán cos descontos habituais do 50 % para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, persoas con discapacidade, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas. Ademais, os Concertos familiares da RFG terán un prezo único de 5 euros.

Por outra banda, a renovación de abonos poderá realizarse os días 22, 23, 25, 26, 29 e 30 de xuño de 2026 no teléfono do Auditorio de Galicia (981 571 026), mentres que os novos abonos estarán dispoñibles os días 1 e 2 de xullo e 15, 16 e 17 de setembro tanto no despacho de billetes do Auditorio como por teléfono e na Zona C.

A tempada manterá tamén os abonos flexibles de 5 e 10 concertos, así como o abono específico para o ciclo (EN)FOCO XACOBEO ademais da modalidade de abonos colectivos dirixida a asociacións culturais e veciñais, escolas de música e centros educativos públicos.

Real Filharmonía de Galicia, 2026-06-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (estacions-ano-cdc.jpg) A exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea. Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia.
Foto de la tercera plana (infancia_2.jpg) Galicia continúa a manter o liderado na taxa de escolarización 0-3 por cuarto curso consecutivo, cun 64 %. Os datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes referentes ao período lectivo 2026-2026 consolidan este primeiro posto, con 14 puntos por riba da media nacional. Ademais, Galicia é a única comunidade autónoma que está por encima da barreira do 60 % en niveis de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil e supera en case 20 puntos o obxectivo da Unión Europea para o ano 2030, que é do 45 %. Estas cifras colocan a Galicia como referente no apoio ás familias e á infancia e son posibles grazas a medidas como a gratuidade das escolas infantís.

Notas

Ducias de persoas participaron nas actividades do Vendaval, Mostra de Cinema Portugués na Ribeira Sacra, que entre o 25 e o 30 de agosto levou proxeccións, concertos, conversas e encontros con cineastas a diferentes espazos da comarca. Unha proposta cultural diferente, de balde e vinculada ao territorio que volverá durante o outono e a primavera con dous novos pases e novas propostas cinematográficas.
A USC vén de reafirmar a súa aposta en prol da administración dixital e de que parte dos seus servizos poidan ser prestados de xeito eficaz por medios telemáticos, coa renovación (2026-2028) do Certificado de conformidade co Esquema Nacional de Seguridade no seu nivel medio. Isto é froito do traballo conxunto da Secretaría Xeral, a unidade de Seguridade da Información que coordinou o proceso, a Ãrea TIC, e o Comité de Seguridade da Información.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES