Notas de prensa

A Galicia da Idade de Xeo na que viviron os derradeiros neandertais e os primeiros Homo sapiens era máis fría e chuviosa

Unha nova investigación realizada no xacemento de Cova Eirós (Cancelo, Triacastela, Lugo) permite afondar no coñecemento sobre o clima e o ambiente do pasado nas serras orientais galegas. A investigación, liderada por Hugo Bal García, do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste – Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas e Culturais (Cispac), conta coa colaboración de dous membros da Universidade de Vigo.

Son Iván Rey Rodríguez, investigador posdoutoral que forma parte do grupo MAPAS Lab do CIM-UVigo e Mikel Díaz Rodríguez, profesor interino da Facultade de Historia que tamén forma parte do Cispac. Xunto con eles, asinan este estudo Carlos Fernández Rodríguez (ULE); Álvaro Ibáñez Encinas (USC/Cispac); Tania Mosquera Castro (USC/Cispac); Arturo de Lombera Hermida (Uniovi); Xosé Pedro Rodríguez Álvarez (URV/IPHES) e Ramón Fábregas Valcarce (USC/Cispac).

O traballo, publicado na revista Palaeogeography, Palaeoclimatology, Palaeoecology, consistiu na análise zooarqueolóxica dos niveis 3, 2 e 1 do xacemento, os cales representan unha cronoloxía de entre 41.000 e 17.000 anos. Durante este amplo período, déronse ocupacións tanto dos últimos neandertais (nivel 3) como distintas fases de ocupación dos primeiros Homo sapiens que chegan ao noroeste peninsular (niveis 2 e 1), polo que a investigación permitiu comparar como evolucionou o medio ao que se enfrontaron as nosas e os nosos antepasados.

Unha Galicia máis fría e chuviosa

Mediante a identificación taxonómica de máis de 400 animais de, polo menos, 36 especies distintas e a aplicación de modelos paleoecolóxicos, foi posible inferir o tipo de vexetación presente na contorna inmediata da cavidade e estimar a temperatura e as precipitacións aproximadas para cada un dos tres niveis analizados. Entre os resultados destaca a identificación dunha Galicia moito máis fría que na actualidade, cun descenso de ata 3,6 ºC na temperatura media anual. Non obstante, a pesar das baixas temperaturas, o réxime de precipitacións mantívose relativamente elevado, con estimacións por riba dos 1000 mm anuais en todos os niveis. A tendencia, non obstante, mostra que ao longo da Idade do Xeo o territorio foise atemperando progresivamente e recibindo maiores precipitacións, sempre nun marco dunha contorna relativamente arborada intercalada con extensas pradarías húmidas. Estes elementos permiten situar as serras orientais de Galicia como unha potencial área de refuxio climático, unha zona cunhas condicións de temperatura, humidade e vexetación propicias para o mantemento de comunidades de cazadores-recolectores.

En concreto, o papel do investigador da UVigo Iván Rey centrouse, como el mesmo explica, “no estudo dos micromamíferos e a reconstrución paleoambiental do xacimento, achegando a evidencia sobre clima, vecetación e dinámica ecolóxica durante o Paleolítico medio e superior."

Esta investigación enmárcase no proxecto Dinámicas poblacionales y tecnológicas durante el Pleistoceno final-Holoceno de las Sierras Orientales del Noroeste ibérico 2” financiado por MICIU/AEI /10.13039/501100011033 y por FEDER, UE. As intervencións arqueolóxicas en Cova Eirós contan con financiación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-07-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES