Noticias

Rianxo acollerá unha nova edición de Titiribeira, cita referente da creación e do patrimonio dos monicreques tradicionais en Galicia

Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe en Rianxo na presentación da undécima edición de Titiriberia, que volve contar co apoio da Xunta para converter, entre os días 18 e 23 de agosto, esta vila barbanzá nun dos principais puntos de encontro do teatro tradicional de monicreques de Galicia e de toda a Península.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou que este certame conta este ano cunha achega de 20.509 euros da Xunta de Galicia, ao abeiro das subvencións para festivais profesionais de artes escénicas, dotadas cun investimento total de 290.000€ para apoiar 13 citas especializadas en toda a Comunidade. Ademais, lembrou que integra a campaña de verán do Goberno galego Para gustos, cultura con 3.600 propostas culturais distribuídas en máis de 200 concellos.

Deste xeito, destacou que, co apoio do Goberno galego, o festival Titiribeira desenvolverá unha programación integrada por unha trintena de actividades, dez estreas de compañías galegas e propostas procedentes de sete territorios, consolidándose como unha cita de referencia para a creación, a exhibición e a conservación desta disciplina artística.

Na presentación do programa, Jacobo Sutil erixiu Titiriberia como “exemplo” do papel que desempeñan os festivais especializados para “fortalecer o ecosistema das artes escénicas galegas, favorecer a circulación dos espectáculos e crear espazos de encontro entre compañías, profesionais e públicos".

De igual xeito, incidiu en que o teatro tradicional de monicreques forma parte do patrimonio cultura galego e gabou o traballo de entidades organizadoras como a deste certame, Asociación Morre o Demo, por contribuír “a que continúen plenamente vivos”. Nestes agradecementos tamén incluíu os e as creadoras por “actualizar esta linguaxe artística sen perder a conexión coa súa memoria e identidade".

Neste sentido, valorou a capacidade de Titiriberia de “combinar exhibición, formación, investigación e cooperación internacional, converténdose nun escaparate privilexiado para o talento galego e nun punto de encontro con outras tradicións europeas do monicreque popular".

Dez estreas para reforzar a creación galega

Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade.

A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto homónimo de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Seisdedos presentará as súas novas propostas Mamulengo galego e Cantar do ano, mentres que Babaluva dará a coñecer Retratos de verán, unha peza creada en coprodución co festival para as caixiñas Lambe-Lambe, un espectáculo de pequeno formato pensado para un ou dous espectadores.

Pola súa banda, Os Monicreques de Kukas estrearán Divertimentum Musicum e Sós, o mar, o barco e máis nós, tamén para este formato de proximidade. O programa contará ademais coa estrea de Retrincos: Sabela e Peito de Lobo, da histórica formación Airiños, inspirada na obra de Castelao, así como unha nova edición das Varietés do Barriga Verde, espectáculo colectivo que cada ano reúne artistas participantes no festival.

Un encontro internacional arredor do patrimonio dos monicreques

Xunto á destacada presenza galega, Titiriberia volverá reunir compañías procedentes de Portugal, Aragón, Euskadi, Cataluña, Andalucía e Castela e León, configurando unha programación que pon en diálogo distintas tradicións do teatro popular de monicreques.

A actividade distribuirase por diferentes espazos de Rianxo e das súas parroquias, ampliando o alcance territorial do festival máis alá dos seus escenarios habituais. Así, ademais do Campo de Arriba e do Auditorio Municipal, a programación chegará tamén a Taragoña, Araño, Isorna, Leiro ou á praia de Tanxil, reforzando a vocación descentralizadora desta cita.

O cartel contará igualmente coa presenza de compañías históricas como Os Monicreques de Kukas, Viravolta, Tanxarina e Trécola, todas elas con máis de catro décadas de traxectoria, consolidando o diálogo entre xeracións de profesionais e contribuíndo á transmisión dun patrimonio escénico de especial relevancia para Galicia.

Formación, memoria e intercambio profesional

Fiel ao seu carácter de encontro especializado, Titiriberia completa a programación escénica cun amplo programa de actividades paralelas orientadas á formación, á divulgación e á conservación do patrimonio dos monicreques. Nesta edición poderá visitarse a exposición 40 anos de monicreques, dedicada á traxectoria de Tanxarina, así como a mostra que Trécola instala nos escaparates do comercio local e as exposicións promovidas pola Asociación Morreu o Demo arredor do patrimonio europeo da marioneta tradicional.

A Escola de Títeres Barriga Verde organizará ademais un curso de manipulación impartido polo mestre portugués José M. Valbom Gil, centrado no Teatro Dom Roberto, tradición lusa estreitamente emparentada co Barriga Verde galego. O programa completarase con encontros profesionais, obradoiros, visitas guiadas, coloquios e palestras que consolidan Titiriberia como un espazo de intercambio de coñecemento e de reflexión sobre o presente e o futuro do teatro de monicreques.

R., 2026-08-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (estacions-ano-cdc.jpg) A exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea. Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia.
Foto de la tercera plana (infancia_2.jpg) Galicia continúa a manter o liderado na taxa de escolarización 0-3 por cuarto curso consecutivo, cun 64 %. Os datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes referentes ao período lectivo 2026-2026 consolidan este primeiro posto, con 14 puntos por riba da media nacional. Ademais, Galicia é a única comunidade autónoma que está por encima da barreira do 60 % en niveis de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil e supera en case 20 puntos o obxectivo da Unión Europea para o ano 2030, que é do 45 %. Estas cifras colocan a Galicia como referente no apoio ás familias e á infancia e son posibles grazas a medidas como a gratuidade das escolas infantís.

Notas

Ducias de persoas participaron nas actividades do Vendaval, Mostra de Cinema Portugués na Ribeira Sacra, que entre o 25 e o 30 de agosto levou proxeccións, concertos, conversas e encontros con cineastas a diferentes espazos da comarca. Unha proposta cultural diferente, de balde e vinculada ao territorio que volverá durante o outono e a primavera con dous novos pases e novas propostas cinematográficas.
A USC vén de reafirmar a súa aposta en prol da administración dixital e de que parte dos seus servizos poidan ser prestados de xeito eficaz por medios telemáticos, coa renovación (2026-2028) do Certificado de conformidade co Esquema Nacional de Seguridade no seu nivel medio. Isto é froito do traballo conxunto da Secretaría Xeral, a unidade de Seguridade da Información que coordinou o proceso, a Área TIC, e o Comité de Seguridade da Información.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES