
A Xunta de Galicia contribúe á celebración da cuarta edición de Electrofauna, festival que se desenvolverá desde mañá xoves, 30 de xullo, e ata o sábado 1 de agosto na contorna do parque de Vista Alegre de Santiago de Compostela, con música ao vivo, rutas de descuberta natural, visitas guiadas, proxeccións, artesanía, danza, obradoiros e demais actividades inspiradas no respecto ambiental e deseñadas para todos os públicos.
Electrofauna IV é un dos proxectos incluídos este ano na convocatoria de subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para fomentar a contratación de música galega nos festivais profesionais. Esta liña distribúe en 2026 un total de 80.000 euros para apoiar 47 contratacións de bandas e artistas do país nas carteleiras de oito citas celebradas en Galicia.
Así, na programación musical de Electrofauna destacan as actuacións das galegas Zeltia Irevire, Catuxa Salom, Peitoescuro, High Paw, XianPais e Terra DJs, ademais de DJ Daasanach, DJ Eva Chloé e Bstudio Danza. Esta carteleira únese aos concertos internacionais de Asmaa Hamzaoui & Bnat Timbouktou, chegadas desde Marrocos, Nidia Góngora coa súa última formación Nuevos Ríos con artistas de Colombia e Francia (Canalón de Timbiquí e Reco Reco) e Tiraya, orixinario de Venezuela.
A actividade complétase con rutas polas zonas verdes da cidade, unha xincana e unha charla para afondar no coñecemento das especies autóctonas e a representación da peza Sub Umbra Duae a cargo da Asociación BStudio Danza. Todo isto combinarase con visitas a dous dos edificios da Universidade de Santiago de Compostela (USC) situados no parque: o Museo de Historia Natural e a Casa de Europa. Ademais, a ilustradora Raquel Germade impartirá un obradoiro de debuxo botánico trasladándose nun trenciño por distintos barrios da capital de Galicia para debuxar a súa vexetación; en tanto que o grupo Tiraya ofrecerá un taller de produción de música electrónica. Tamén haberá atraccións infantís en madeira para a cativada.
As entradas para os concertos do 1 de agosto están á venda, en tanto que o resto de propostas son de balde ata completar capacidade.
Celébrase o XIV pleno do Consello de Comunidades Galegas, do que sairá elixida a súa nova Comisión Delegada, composta por 13 entidades de España, Europa e América, coa misión de traballar polos intereses dos galegos na diáspora durante os vindeiros tres anos. Na inauguración do Consello foron homenaxeados catro galegos pola súa contribución a estreitar lazos entre Galicia e o Brasil. Os recoñecidos son a presidenta da Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mútuos e Instruçao, María Dolores Daparte; o presidente da Sociedade de Socorros Mútuos e Beneficiente Rosalía de Castro, Casto Vieites; a expresidenta da asociación Recreo de Anciáns da Vellez Desamparada, Regina Jallas, e a voluntaria e colaboradora da Asociación Cultural Hispano-gallega Caballeros de Santiago, de Salvador de Bahía, Lourdes Valencia.
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.