//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias sociedad
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, esixiu esta mañá ao Goberno central que ofreza 'explicacións convincentes' sobre os fallos detectados nas pulseiras antimaltrato e que 'tome solucións inmediatas'. Na súa intervención no Senado, solicitou que se dea a Galicia e ao resto de comunidades autónomas información sobre o alcance real destas incidencias. Fabiola García, que participou na sesión monográfica sobre violencia de xénero que tivo lugar hoxe no seo da Comisión Xeral das Comunidades Autónomas, indicou que a Xunta está recompilando información sobre os posibles casos acontecidos en Galicia e garantiu o apoio do Goberno galego a todas aquelas vítimas que se puideron ver afectadas.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou hoxe o inicio da produción en Galicia dun novo radiofármaco que facilita o diagnóstico de precisión do cancro de próstata avanzado. Durante o mes de agosto e os primeiros días de setembro puideron subministrarse as primeiras doses do radiofármaco, e a finais deste mes a unidade galega estará en condicións de abastecelo de xeito regular a todos os hospitais do Servizo Galego de Saúde. A produción destes radiofármacos ten un impacto moi positivo no sistema sanitario, posto que permite diagnósticos máis temperáns e precisos, especialmente en tumores, patoloxías cardíacas e enfermidades neurodexenerativas como o Alzhéimer.
Galicia é a segunda comunidade autónoma coa maior porcentaxe de alumnado matriculado en Ensinanzas Artísticas, segundo as estatísticas do Ministerio de Educación. En Galicia, por cada 10.000 habitantes de entre 14 e 21 anos, hai 330 estudantes en Ensinanzas Artísticas, moi preto dos 392 da Comunidade Valenciá. A media española é de 230. As Ensinanzas Artísticas -que inclúen as Artes Plásticas e Deseño, a Conservación e Restauración de Bens Culturais, as ensinanzas superiores de Música e de Arte Dramática e as ensinanzas elementais e profesionais de Danza e de Música- acadaron o pasado curso os preto de 6.200 matriculados.
A Xunta de Galicia vén de lanzar o Protocolo de actuación contra a violencia na infancia e na adolescencia no ámbito educativo, que ten como principal obxectivo que os docentes dispoñan das ferramentas axeitadas, así como dunha folla de ruta clara para activar ante a sospeita de que algún estudante poida estar sufrindo unha situación de violencia de calquera tipo e en calquera contexto. O protocolo establece o procedemento a seguir cunha actuación coordinada do persoal educativo que asegure unha resposta rápida e eficaz e sempre orientada á protección do menor. Nel fai fincapé tanto na prevención como na detección e intervención ante casos de violencia que os estudantes poidan sufrir tanto no propio centro como no seu ámbito social e familiar.
Galicia xa ten identificados 1.600 elementos a incluír no futuro catálogo de bens de valor cultural no litoral. Un traballo que se desenvolveu en tan só dous meses desde a asunción das funcións e servizos en materia de ordenación e xestión do litoral por parte do Executivo galego. A Lei de ordenación e xestión integrada do litoral en Galicia (Loxilga), en vigor desde hai dous anos, converteu Galicia na primeira Comunidade Autónoma en regular por lei a totalidade da súa costa, exercendo desde o pasado 1 de xullo a súa xestión plena e efectiva co traspaso das funcións e servizos correspondentes. Este marco normativo supón un punto de partida que dota a Galicia da capacidade de actuar e planificar o futuro do seu litoral.
Nas primeiras 24 horas desde a apertura do prazo, máis de 6.000 persoas cumprimentaron xa os trámites para solicitar o Bono Concilia Familia. Este programa da Xunta está pensado para que os pais e as nais que traballan poidan atender as súas necesidades de conciliación en períodos non lectivos. En 2024, este bono chegou a máis de 15.000 familias galegas.
O novo curso escolar 2025/2026 arrancará dentro de dúas semanas, o vindeiro 8 de setembro, con todo listo logo de meses de preparación, nun contexto de caída da natalidade, pois a Comunidade contará este curso cun total de 302.843 alumnos, o que supón 4.255 menos que hai un ano e case 20.000 menos que hai unha década nas diversas etapas desde Infantil ata Bacharelato. Por niveis, a maior diminución prodúcese en Educación Primaria, con 2.411 alumnos menos; seguida da ESO, con 1.284 menos, e Infantil con 1.019 menos. As excepcións a esta caída son o Bacharelato, cunha suba de 459 estudantes, e Educación Especial, sen cambios.
O festival conta con diversas localizacións espalladas por toda a vila: os Xardíns de Umbrío, o Parque do Cabo, a Igrexa da Pastoriza, a Praza do Parque, o Auditorio do Terrón e a área biosaudable do Terrón. Neles desenvolverase un programa multidisciplinar aberto a públicos de todas as idades, con atardeceres musicais, masterclasses, conferencias, concertos, exposicións, proxeccións, mercado, entre outras. O cartel artístico está confirmado por destacadas figuras do blues como Shirley Davis & The Silverbacks, The Blues Moonshiners, Los Deltonos, The Pontiaks, Adrian Costa, Mad Martin, Nico Wayne Toussaint, Víctor Fábregas, TT Syndicate, Joe Do & The Blues Preachers e Gisele Jackson.
A Cidade da Cultura de Galicia converterase o sábado 30 de agosto nun gran club ao aire libre coa chegada do Wake Up! no Gaiás no marco dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia. Será unha maratón de música electrónica que se prolongará desde as 16.00 ata as 06.00 horas da mañá. O DJ brasileiro Mochakk, unha das figuras máis explosivas da escena internacional do xénero, converterase no protagonista e completan o cartel da Wake Up! no Gaiás as artistas Silvie Loto, Francisco Allendes, Cristina Lazic, Caste B2B Selles e MVRK.
Este venres 21 de agosto despídese a décimo quinta edición de Atardecer no Gaiás cunha dobre actuación protagonizada por Futurachicapop e o DJ Kike Varela. O ciclo de concertos gratuítos ao aire libre programou un total de 11 concertos este verán na Cidade da Cultura, con propostas musicais diversas de 16 artistas e grupos chegados de Galicia, Portugal, Chile, Málaga, Madrid e Berlín. A partir das 21,00 horas na Praza central do Gaiás, Futurachicapop despregará o seu electropop para marcar os ritmos de baile do último Atardecer no Gaiás. Sintetizadores, melodrama e humor caracterizan unha das voces máis orixinais do pop actual en español. Será un concerto para explorar as múltiples caras do amor e do desexo a través de himnos contaxiosos e confesionais como Yo lo quiero todo.
O proxecto Youtubeiras+, impulsado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos galegos, das tres universidades do Sistema Universitario Galego Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo e a Deputación da Coruña, promove unha nova edición dos seus obradoiros de creación de contido dixital en galego, orientados a centros educativos, docentes e público xeral.
Especialistas internacionais reflexionarán sobre os procesos cognitivos compartidos e a acción colectiva arredor do obradoiro 'Cognición social e axencia colectiva'. O encontro celebrarase o vindeiro venres 18 na Facultade de Filosofía entre as 10.00 e as 17.00 horas, aínda que tamen se poderá seguir en liña a través de Teams.
O Campus Sur da USC será entre os días 19 e 21 de setembro o escenario do Festival Internacional Compostela Street, un dos encontros de cultura urbana e deportes extremos con maior impacto no Estado. O evento enmárcase na programación de benvida que a USC lle ofrece cada comezo de curso ao seu estudantado, e brinda os seus espazos para ser punto de encontro deportivo e cultural da mocidade, onde se xuntarán preto de 500 persoas.
A Universidade de Santiago de Compostela dá acubillo, un ano máis, ao XII Encontro da Mocidade Investigadora (XII EMI) que ten lugar os días 9 e 10 de xullo na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. Este evento desenvólvese dende o ano 2012 co propósito de favorecer as dinámicas de colaboración, debate e difusión do coñecemento xerado entre estudantes de doutoramento.
Un estudo do grupo de investigación en Ecoloxía Evolutiva e da Conservación da Universidade de Vigo (EcoEvo) demostra os 'efectos negativos das plantacións de eucalipto sobre a biodiversidade'dos ecosistemas fluviais de Galicia, segundo explica o seu coordinador, o catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero.
A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC entregou os Premios Ícarus 2025, nos que resultaron distinguidos 20 traballos das cinco áreas de coñecemento e diferenciados nas categorías de teses de doutoramento e traballos de fin de grao e máster. O acto, desenvolvido na Facultade de Ciencias da Educación, estivo presidido polo delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento, Luis Otero.
A décimo terceira edición do Campus de Verán XuvenCiencia, no que participan case un cento de adolescentes de terceiro e cuarto da ESO, primeiro e segundo de BAC e ciclos medios de FP, arrancou este luns e desenvolverase ata o sábado 5 en facultades, centros de investigación e laboratorios do Campus de Lugo da USC. Como en anos anteriores, o programa inclúe obradoiros prácticos, visitas a centros de investigación da USC en Lugo e doutros puntos da contorna, así como diversas actividades deportivas e de ocio.
Do 26 ao 28 de setembro, o concello ourensán de Lobios acollerá o Xurés 2025, que aglutina a celebración do IV Seminario Internacional de Educación Social, a IV Convivencia Profesional e Interuniversitaria da Educación Social e o festival musical Xurés Son. A cita, o maior encontro internacional de profesionais da educación social, está promovida polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia e coordinada pola Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo.
O pasado mes de abril presentouse no campus de Ourense o proxecto Axenda 2030. Plan de localización dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible en oito municipios do rural ourensán. Nel participan os concellos de San Xoán de Río, Taboadela, Oímbra, Larouco, A Teixeira, Vilariño de Conso, Esgos e Porqueira e profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo. Este xoves os seus membros volveron ao campus para deseñar as súas follas de ruta para a implementación das accións deseñadas.
O investigador da USC Xulio Sousa e as profesoras da Facultade de Matemáticas e investigadoras do CITMAga María José Ginzo Villamayor e Rosa Crujeiras acaban de publicar o artigo 'Surname Distribution in Galicia: Population Structure, Dialects, and History' na revista 'Names: A Journal of Onomastics' que axuda a desvelar as conexións entre os apelidos, a variación dialectal e a organización histórica de Galicia.