Notas de prensa

A Universidade da Coruña traballa na creación dun Campus Internacional de Sustentabilidade que sexa referente na UE

A Universidade da Coruña celebrou hoxe reunión do seu Claustro, na que o equipo de Goberno fixo balance das diferentes actuacións realizadas ao longo destes meses á fronte da institución académica, período no que a participación, a humanización, a igualdade e a sustentabilidade están a marcar a súa xestión.

Así, o reitor, Ricardo Cao, explicou que, no marco do Eurocampus EMERGE, estase a traballar na creación dun Campus Internacional de Sustentabilidade, que permita á Universidade da Coruña situarse como polo de coñecemento neste eido dentro da Unión Europea. Actualmente, a UDC conta con máis de 30 graos e 40 mestrados relacionados coa sustentabilidade, no seu senso máis amplo. Incrementar este potencial e facelo nun contexto internacional é o obxectivo desta iniciativa que pretende converter a universidade nun living lab, onde os grupos de investigación aborden, de xeito interdisciplinar, problemáticas de interese para a institución e para o entorno socioeconómico, que sexan exportables a outros e ofrezan solucións innovadoras e transferibles á sociedade.

Precisamente en materia de sustentabilidade, no seu informe o reitor destacou a culminación da instalación de paneis fotovoltaicos nas cubertas de 11 edificios, iniciativa na que se investiu algo mais dun millón de euros custeados na súa practica totalidade cunha subvención do INEGA. Esta actuación permitirá reducir a pegada de carbono e o custe da factura eléctrica, cun aforro estimado de 260.000 euros anuais. Ademais, estase a proxectar un sistema de captación e depuración natural de augas pluviais para o seu aproveitamento na rega do campo de deportes de Elviña, o que suporá tamén unha minoración dos gastos neste eido e unha redución do consumo de auga.

En materia de participación, destaca o de posta en marcha dos grupos de traballo para a reforma dos Estatutos da LOSU ou no Consello do Estudantado.

Comezouse así mesmo a humanización da normativa universitaria co obxectivo de simplificala e facela mais sinxela e accesible, pero tamén para atender ás necesidades das persoas. Así, nas modificacións de normativas coma a de permanencia ou de doutoramento, xa se tiveron en conta estes factores, pero tamén noutras, como as de graos abertos ou avaliación de méritos docentes.

Talento investigador

Polo que respecta á investigación e captación de talento, conseguíronse dúas accións Consolidator Grant e, recentemente, unha acción ATRAE, mentres que a captación de contratos Ramón y Cajal ou Beatriz Galindo foi reorientada para incidir nas áreas onde estas figuras son máis precisas e poden achegar máis á UDC. Así, na última convocatoria atraéronse persoas de eidos moi distintos, incluíndo o ámbito xurídico-social e as humanidades, onde tradicionalmente apenas se contaba con solicitudes.

Se ben os resultados de convocatorias de investigación foron bos, hai equipos da UDC sen recoñecemento como grupos de referencia competitiva ou de potencial crecemento, razón pola que se está a traballar nun programa, nomeado "Agrupa", que serva de apoio para aqueles grupos máis pequenos, de xeito que poidan incrementar a súa competitividade nas convocatorias da Xunta.

En materia de internacionalización, o balance reflicte boas cifras en mobilidade, cun incremento dun 26% de alumnado entrante, procedente doutras áreas xeográficas.

Melloras na mobilidade e bolsas de apoio

No apartado de apoio ao estudantado, ampliouse o convenio do transporte universitario co Concello, ampliando as liñas 7 e 14, facendo un total de sete liñas subvencionadas xunto cos transbordos de antes e despois (liñas UDC, 2A, 7, 12, 12A, 14 e 24).

Para aquelas persoas en situación de especial dificultade, destínanse un total de 60.000 euros en axudas e 100.000 para bolsas de comedor, co obxectivo de que ningunha persoa deixe os seus estudos por motivos económicos.

E xa no eido da integración no mercado laboral, este curso, en colaboración coa Xunta de Galicia, lánzase a I Edición dos Premios de Emprendemento, 20 galardóns para premios repartidos entre TFG, TFM e Teses de Doutoramento .

Contención do gasto e nova captación de fondos

Como segundo punto do claustro de hoxe, avanzáronse as liñas xerais que marcarán a programación plurianual e orzamentaria. Tal e como explicou o vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, Ángel Fernández Castro, unha vez coñecida a liquidación do ano 2023 e o comportamento do desequilibrio económico en 2024, a planificación orzamentaria a medio e longo prazo debe pivotar no equilibrio entre ingresos e gastos ordinarios.

Con ese obxectivo, as medidas que rexerán o próximo Plan Plurianual (2025-26) son a redución de gastos sen financiamento afectado, a captación de máis ingresos non finalistas e recursos adicionais, en cuxa obtención a prioridade será cubrir o déficit. Como medidas a curto prazo tamén se contempla a venda dalgúns activos, concretamente para o ano 2025, prevese iniciar o proceso de venda do edificio de Serantes no Campus de Ferrol, que non alberga uso docente desde o curso 2022-2023. Un paquete de medidas que se sumarán á política de control de gasto posta en marcha en abril deste ano.

Universidade da Coruña (UDC), 2024-12-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES