Noticias

Un estudo avalía a naturalidade do cambio estacional de hora e cuestiona os fundamentos da crítica actual a esta práctica

O cambio de hora para adoptar o horario de verán produciuse en boa parte dos Estados Unidos o pasado 9 de marzo no medio dun debate público arredor da súa pertinencia. Nun contexto no que a administración Trump considera a posibilidade de abolir a mudanza horaria, unha investigación das universidades de Santiago e de Sevilla reivindica a súa vixencia comparando os casos das cidades de Bogotá e Nova York, situadas no mesmo meridiano pero a distintas latitudes. A falta de poucos días para que a mudanza se produza tamén en Europa, o estudo titulado 'Assessing the best hour to start the day' revisa o impacto do cambio de hora na saúde humana considerando dous tipos de efectos: os asociados coa mudanza en si, e os vinculados cos meses nos que está vixente o horario de verán.

Jorge Mira Pérez da Universidade de Santiago de Compostela e José María Martín Olalla da Universidade de Sevilla sinalan que, por debaixo dos Círculos Polares, o ciclo sono-vixilia sincronízase durante o inverno coa hora do amencer. Tal e como sinalan no estudo, o sol sae en Bogotá arredor das 6.00 horas todos os días do ano. Porén, en Nova York, o amencer prodúcese cun retraso de 86 minutos. Isto implica que as horas de traballo dispoñibles en Bogotá non se atopen dispoñibles en Nova York por mor da escuridade. Con todo, no equinoccio de primavera, o sol sae ás 06.00 horas con independencia da latitude. Os amenceres tardíos que provocaban espertares tardíos no inverno desaparecen e as horas de traballo que non estaban dispoñibles no inverno neoiorquino, debido á ausencia de luz natural, agora si están dispoñibles.

“Isto atrasa a vida en Nova York durante o inverno, pero na primavera o atraso do amencer desapareceu e a actividade pode iniciarse antes. O cambio de hora de primavera facilita esa adaptación”, sinala Jorge Mira. O estudo recolle diversos exemplos, actuais e pasados, de sociedades con actividade atrasada no inverno e adiantada no verán, en liña co papel sincronizador da luz matinal para o organismo humano. “As sociedades modernas teñen varios mecanismos de sincronización. Por exemplo, o emprego dunha hora estándar nunha rexión ampla, ou o emprego de horarios preestablecidos. O cambio de hora é outro mecanismo sincronizador, que adapta a actividade humana á estación correspondente,” sinala Martín-Olalla. Os autores indican que a primeira fin de semana de abril e a primeira fin de semana de outubro serían as máis adecuadas para efectuar o cambio de hora.

Accidentes de tráfico

O estudo publicado en Royal Society Open Science revisa o impacto do cambio estacional de hora na saúde humana, concluíndo que os estudos publicados ata o de agora non analizaron epidemioloxicamente o problema e que os indicios suxiren que “o impacto é moi débil”. “Un estudo moi completo en Estados Unidos reporta un 5% de aumento en accidentes de tráfico na semana posterior ao cambio de primavera, pero elude que dun ano a outro os accidentes de tráficos semanais flutúan un 15%. O cambio de hora ten un impacto, pero é moi débil en comparación cos outros factores que inflúen no problema”, sinala Jorge Mira. “O cambio de hora funcionou durante cen anos sen perturbacións graves. O problema é que nos últimos anos asociouse só ao aforro de enerxía cando, en realidade, é un mecanismo natural de adaptación”, resalta o profesor Martín-Olalla.

Os autores sinalan que a controversia actual parte dunha interpretación errónea do que significa o cambio estacional da hora. A devandita mudanza —explican— non é un salto de zona horaria, nin fai que a poboación viva axustada ao sol doutro lugar, nin que o seu ritmo de vida se vexa desaliñado respecto do sol. “En certa forma é ao revés, o cambio de hora aliña o inicio da actividade co amencer”, sinala Jorge Mira. “En 1810 as Cortes de Cádiz xa facían este tipo de adaptación estacional e non había fusos horarios nin nada do estilo. Simplemente a vida social reorganízase porque a duración do día no verán permite facer cousas pola mañá antes que no inverno”, resalta José María Martín-Olalla.

Os profesores critican os estudos que reportan efectos a longo prazo no cambio estacional da hora e que o asocian con incremento do risco de cancro, perda de sono, ou obesidade, entre outros. Sinalan que estes estudos analizan datos dentro dunha mesma zona horaria de Estados Unidos ou de Rusia, pero iso non di nada sobre o cambio estacional da hora. “Estúdase o que ocorre, por exemplo, en Nova York e en Detroit, nos extremos da zona horaria da Costa Este de Estados Unidos, pero en base a acumulados anuais de incidencias. A diferenza horaria entre unha e outra cidade é sempre a mesma ao longo do ano. Por tanto, non se pode inferir que os efectos reportados se asocien co cambio de hora, que ten natureza estacional”, destacan.

O estudo remata analizando por que o cambio de hora triunfou no século XX e que dificultades enfrontan agora as asociacións médicas cando pretenden eliminar a práctica e adoptar a hora de inverno permanente. Sinalan que o efecto principal da medida foi o aumento das horas de luz durante o segmento de lecer na primavera e verán. “A xente aceptou ir traballar antes na primavera e verán se con iso saía antes, e podía gozar máis a tarde paseando, indo ao parque ou á praia, parece obvio, pero hai que dicilo”, sinala o catedrático da USC.

Pola contra, a eliminación do cambio de hora enfróntase a un dilema de difícil solución ao ter que elixir que horario é o que debe permanecer: adiantar a hora de entrada ao traballo, no inverno, cando máis tarde amence, ou atrasar a hora de entrada ao traballo, no verán, cando máis cedo amence. “É un dilema que non ten fácil solución”, sinala Martín-Olalla que engade “o que explica as dificultades para eliminar unha práctica que funciona ben”. Pola súa banda, Jorge Mira indica que as posturas contrarias á mudanza horaria “abriron unha caixa de Pandora, exacerbaron as críticas a unha práctica natural que funciona razoablemente ben e agora temen que o remedio sexa peor que a enfermidade”.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-03-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-abanea-2025.jpg) O Festival Abanea celebrará entre o 16 e o 20 de xullo a súa cuarta edición cun programa de danza contemporánea de distintos estilos que distribuirá 15 funcións de nove compañías entre os concellos de Ames, Outes, Marín, Foz e Celanova. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, estenderá así a súa actividade de exhibición e dinamización ás catro provincias. A bailarina Andrea Castro presentou a primeira fase do espectáculo Lola y los lamentos, como artista seleccionada para o acompañamento bienal 2025–2026 co que o festival apoia procesos de creación de artistas emerxentes e que nesta edición terá como resultado a estrea de 'A mona de seda'.
Foto de la tercera plana (festival-hercules-brass.jpg) As diversas actividades do festival terán lugar do 28 de xullo ao 1 de agosto no claustro do Mosteiro de San Salvador de Celanova. A actuación que inaugurará a cita será a da Banda de Música de Celanova con James Morrison, un concerto único en España que terá lugar ás 20,30 horas. Ademais deste, subirán ao escenario a Boston Brass de Estados Unidos, Abraham Cupeiro coa Orquestra Gaos e pechará a edición o Hércules Brass Ensemble dirixido por Isabel Rubio e coa Boston Brass e Adam rapa como solistas. Así, os concertos complementaranse con cinco días de actividades formativas para un centenar de estudantes procedentes de distintas comunidades autónomas. Clases de alto nivel da man dalgúns dos participantes nas actuacións e un seguimento continuo e individualizado que garante un acompañamento pedagóxico para o alumnado.

Notas

O Campus Sur da USC será entre os días 19 e 21 de setembro o escenario do Festival Internacional Compostela Street, un dos encontros de cultura urbana e deportes extremos con maior impacto no Estado. O evento enmárcase na programación de benvida que a USC lle ofrece cada comezo de curso ao seu estudantado, e brinda os seus espazos para ser punto de encontro deportivo e cultural da mocidade, onde se xuntarán preto de 500 persoas.
230 investigadoras e investigadores noveis e experimentados participan estes xoves en venres no museo Marco de Vigo no 8º Annual Meeting do CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo. Baixo o lema 'Nanotechnology & Biomedicine: where science meets the future', o persoal investigador compartirá os seus coñecementos en ámbitos como a química, a física, nanotecnoloxía e saúde, co obxectivo de visibilizar as novas ferramentas para a medicina do futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES