Noticias

O Consello da luz verde aos orzamentos da Xunta, os máis altos ata o momento, que chegan aos 14.240 millóns

O Consello deu luz verde nunha reunión extraordinaria ao Proxecto de lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para 2026, unhas contas nas cales a Xunta aposta por un reforzo sen precedentes do gasto social. Os orzamentos superan por primeira vez na historia a barreira dos 14.000 millóns de euros. En concreto son 14.240 millóns, un 2% máis que no 2025. Unhas contas que supoñen un incremento dun 3,1% nas políticas sociais, pero sen esquecer outros eidos claves para o avance de Galicia como seguir apoiando ao tecido produtivo da man da innovación. Por iso, a partida para I+D+i sube un 9% o ano que vén.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe que o Consello deu luz verde nunha reunión extraordinaria ao Proxecto de lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para 2026, unhas contas nas cales a Xunta aposta por un reforzo sen precedentes do gasto social. “Os orzamentos superan por primeira vez na historia a barreira dos 14.000 millóns de euros. En concreto son 14.240 millóns, un 2% máis que no 2025. Unhas contas focalizadas nas áreas sociais para seguir fortalecendo e modernizando un Estado de Benestar que favoreza a igualdade entre todos os galegos e galegas”, indicou.

Deste xeito, as contas hoxe aprobadas supoñen un incremento dun 3,1% nas políticas sociais, pero sen esquecer outros eidos claves para o avance de Galicia como seguir apoiando ao tecido produtivo da man da innovación. Por iso, a partida para I+D+i sube un 9% o ano que vén.

Galicia aprobará as súas contas, un ano máis, en tempo e forma, e será unha das primeiras comunidades en facelo coa previsión de que poidan entrar en vigor o 1 de xaneiro de 2026. “Mentres España segue tendo en vigor uns orzamentos aprobados hai tres anos”, lamentou Rueda. Neste liña, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, salientou que os orzamentos son “a folla de ruta e o instrumento do Goberno para dar resposta ás necesidades do país e da súa cidadanía, algo que non se pode facer con ferramentas obsoletas”.

As contas autonómicas ascenden a 14.240 M€ e a principal prioridade do Goberno galego é o gasto social. Tres de cada catro euros dedícanse a sanidade, educación e política social, así como para levar a cabo políticas de emprego para impulsar o crecemento futuro de Galicia. “Nunca antes houbo tantos recursos para estas áreas”, salientou o conselleiro.

O orzamento de 2026 dedica 10.588 millóns de euros a gasto social, 321 millóns de euros máis que o deste ano, cun incremento do 3,1%.

Sanidade, educación, política social e emprego

A partida para Sanidade refórzase en cada exercicio. Para o vindeiro ano destínanse 5.640 M€ á sanidade preventiva, co mellor calendario de vacinación de España e un novo pulo aos cribados de distintos tipos de cancro. Tamén se mellorará a dotación en Atención Primaria e se reforzará o programa de saúde mental, ademais de darlles continuidade a programas como Obesidade 0, prevención da drogradicción e prevención e control das enfermidades transmisibles.

Ademais, seguirase modernizando a rede hospitalaria e de centros de saúde, coa finalización do Hospital de Montecelo en Pontevedra e o pulo aos de Ferrol, A Coruña, Santiago e Ourense, así como melloras nos hospitais comarcais da Mariña, Monforte, Barbanza e Verín.

O investimento en Educación é a aposta máis clara polo futuro de Galicia. Con 3.020 M€ vaise consolidar unha educación pública gratuíta, inclusiva e con igualdade de oportunidades, desde infantil ata a universidade, con reforzo para comedores escolares e transporte, e para seguir prestixiando a FP e favorecer a cobertura de profesións con alta demanda.

No que se refire á Política Social, as contas de 2026 dedican 1.482 M€ para apostar polo benestar social e o coidado dos que máis o necesitan: os maiores, as persoas con dependencia e as familias. Para iso, daráselle un pulo á dependencia, incrementaranse as prazas residenciais e consolidarase a gratuidade das gardarías.

Para fomentar a creación de emprego estable, de calidade e axeitado á demanda, as contas de 2026 recollen 444 M€ cos cales seguir traballando para adecuar a capacitación e formación ás demandas laborais actuais, o retorno de emigrantes e o apoio aos autónomos.

Impulso á vivenda e rebaixas fiscais

As contas continúan co impulso á vivenda que se comprometeu ao comezo de lexislatura, incrementándose o parque de vivenda pública para acadar as 8.000 vivendas comprometidas, reforzar a promoción e xestión da vivenda con destino a venda ou alugueiro, así como de solo residencial. Así mesmo, seguirase co programa de alugueiro e coas axudas para mercar baixos comerciais e transformalos en vivenda pública, así como para a rehabilitación de vivendas no rural.

Este impulso á vivenda refórzase tamén con rebaixas fiscais para as familias monoparentais. Estas súmanse aos outros colectivos prioritarios -rendas medias e baixas, menores de 36 anos, familias numerosas e colectivos vulnerables-, que poden adquirir vivendas cunha redución do imposto de transmisións patrimoniais (ITP), o cal pode chegar ata a súa eliminación.

Aproveitando unha figura exclusiva do Dereito civil galego, o contrato vitalicio, rebáixase a tributación para aqueles que lle cedan un inmoble á persoa que os coide e increméntase o límite do prezo da vivenda de 200.000 a 240.000 euros, máis 30.000 euros por membro da unidade familiar, para poder beneficiarse dos tipos reducidos do imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (ITPAXD).

As novas rebaixas fiscais volven centrarse nos colectivos máis vulnerables, como a eliminación no IRPF da cota íntegra autonómica das axudas aos afectados por ELA ou a dos impostos ás persoas prexudicadas polos incendios do verán, así como as deducións para libros e material escolar. Os orzamentos do ano que vén, ademais, consolidarán todas as rebaixas fiscais postas en marcha ata o momento.

Rueda salientou que se trata dunhas contas coas que Galicia reforza os servizos no presente e se prepara para o futuro sen que o esforzo económico necesario se traduza en "máis impostos para os galegos”.

Economía produtiva

As contas galegas para o vindeiro ano apostan tamén pola economía produtiva para xerar emprego estable e de calidade, e para que Galicia siga sendo punteira en sectores estratéxicos como a automoción, o naval, a cadea mar-industria e a seguridade. Da man da innovación, con algo máis de 400 M€ para o desenvolvemento de iniciativas no eido do I+D+i, Galicia seguirá apostando por infraestruturas e tecnoloxías de última xeración, como a Factoría IA, o Cesga, o Polo de Rozas, a creación da Fundación Galtia ou a posta en marcha do primeiro Centro de Protonterapia e de CAR-T.

Nos orzamentos do vindeiro ano refórzanse os recusos propios ante a caída dos fondos MRR, pois teñen que estar executados antes do vindeiro 31 de agosto. Por iso, case a totalidade do orzamento de 2026 (o 99%) estará sustentando en financiamento ordinario.

As contas de 2026 serán as terceiras de xeito consecutivo que non teñen endebedamento, xa que o Goberno galego blindou a solvencia e a sustentabilidade das contas públicas. Deste xeito, continúase unha senda descendente da ratio débeda/PIB que se prevé que se achegue ao 13% en 2026, catro anos antes do obxectivo previsto inicialmente para 2030.

En resumo, os orzamentos de Galicia para 2026 reforzan o gasto social, que aumenta en recursos e en peso, o máis alto da historia, dan un novo pulo á vivenda pública e priorizan a economía produtiva para xerar emprego estable e de calidade. Pero, ademais, dotan de recursos as novas competencias do litoral, melloran o coidado do territorio con máis recursos e efectivos, aumentan o apoio aos concellos e comezan a preparar o Xacobeo 2027. E fan todo isto compatible cun novo paquete de rebaixas selectivas de impostos para aliviar a carga fiscal da cidadanía galega.

“Son uns orzamentos cos que avanzamos na senda da estabilidade e seguimos a construír unha Galicia próspera, sostible e preparada para os retos do presente e do futuro”, indicou o presidente, quen salientou que as contas públicas da comunidade para 2026 son un bo exemplo do que significa “Galicia Calidade”.

R., 2025-10-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (20251223-xunta.jpeg) A conselleira do Medio Rural, acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, presidiu este mediodía a constitución do Observatorio do sector lácteo de Galicia, órgano colexiado de seguimento, asesoramento, consulta e análise deste eido produtivo. Esta reunión ten lugar trala entrada en vigor do decreto que actualizou a regulación deste órgano e que, entre outros obxectivos, persegue facer un seguimento continuado do sector e mellorar o seu funcionamento. O Observatorio vén funcionando dende a súa creación no ano 2007
Foto de la tercera plana (otero-pedrayo.jpg) En concreto, o programa do Calendario do Libro e da Lectura inaugurará as súas 35 efemérides para o longo de todo o ano o 11 de xaneiro, co Día do usuario/a da Biblioteca e terá como unha das súas datas significativas desde mes, o Día da Ilustración, que se celebra o 30 e está dedicado ao humorista gráfico Siro López. Complétanse as datas significativas coa celebración, o 1 de abril, do Día das artes galegas, que se centra neste 2026 nun dos nosos fotógrafos máis vangardistas e internacionais, o ourensán José Suárez. En todo caso, este festexo estenderase todo o ano cunha ampla oferta de accións, do mesmo xeito que sucederá co Día das letras galegas (17 de maio) que nas bibliotecas xirará ao redor da escritora Begoña Caamaño.

Notas

O LHCb, un dos detectores do gran colisor de hadróns (LHC) do CERN en Suíza, produce colisións de protóns a altísimas enerxías. Estas colisións xeran partículas inestables que conteñen quarks pesados, cuxa desintegración permite estudar fenómenos de física fundamental que axudan a explicar por que o universo está formado principalmente por materia e case non contén antimateria.
Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Abel Caballero, alcalde de Vigo, mantiveron este martes unha xuntanza na que se abordou a posta en marcha do Observatorio de Vivenda de Vigo tras a sinatura dun convenio de colaboración entre as dúas institucións con esta finalidade. O obxectivo desta nova ferramenta será realizar e ofrecer unha diagnose constante do mercado da vivenda, monitorizar a súa evolución e propoñer medidas de corrección coa previa avaliación de súa idoneidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES