Notas de prensa

Unha xornada conectará as traxectorias do cineasta Carlos Velo e o escritor Juan Rulfo

Promovida pola Facultade de Comunicación e a Fundación Carlos Velo, unha xornada conectará este mércores 22 as traxectorias vitais e creativas do cineasta galego Carlos Velo e o novelista mexicano Juan Rulfo. Aberta ao público, esta actividade terá como eixe o filme Pedro Páramo (México, 1967), no que Velo levaba a gran pantalla a novela publicada por Rulfo en 1955.Esta xornada completarase coas conferencias do catedrático da UDC José María Paz Gago e a escritora e profesora Marga do Val.

Biógrafo de Carlos Velo, Fernández lembra no texto de presentación desta xornada as orixes da relación entre Carlos Velo (1909-1988), un cineasta galego que tras realizar unha serie de traballos que o “converteron nun recoñecido documentalista remata exiliado en México para fuxir da represión franquista”, e o escritor, guionista e fotógrafo Juan Rulfo (1917-1986), “considerado un dos novelistas máis importantes do século XX”. Tomando como punto de partida un texto de Luis Seoane, lembra que Velo, “que por aquel entón traballaba de mecánico”, e Rulfo fixéronse amigos cando ambos “vivían pobremente” nun mesmo edificio en México. Foi alí onde o escritor presentou ao cineasta o manuscrito da que hoxe é unha novela “de culto”, ambientada nunha rexión á que deu o nome de Nova Galicia. Velo, explica, “propúxolle a compra dos dereitos da obra para poder filmala o día que puidese facer cine” e ambos percorreron diferentes lugares de México “seleccionando as numerosas localizacións” para o futuro filme, que, máis dunha década despois da publicación da novela, remataría converténdose en realidade e presentándose no Festival de Cannes en 1967.

Proxección e conferencias

Baixo o título de Carlos Velo e Juan Rulfo. Arredor de Pedro Páramo, a xornada abrirase ás 10.30 horas, na Aula de Cine da facultade, cun relatorio de Miguel Anxo Fernández sore as “intrahistorias” desta película, seguida pola proxección do filme. Xa pola tarde, a xornada completarase con dous relatorios, a partir das 16.30 horas. O primeiro deles, Da novela á película: Pedro Páramo, correrá a cargo do escritor, xestor cultural e catedrático da Universidade da Coruña José María Paz Gago, seguido por unha conferencia da profesora, escritora e crítica literaria Marga do Val, titulada Carlos Velo fronte a Pedro Páramo.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-10-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (mariscadoras.JPG) O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou esta mañá de que o Consello deu luz verde aos textos 'dos estatutos das mulleres do rural e do sector marítimo-pesqueiro de Galicia', que entran así na súa última fase de tramitación coa súa remisión ao Consello Consultivo para que emita o informe preceptivo 'e estean aprobados a finais de ano'. Este trámite, que coincide coas vésperas do Día Internacional das Mulleres Rurais -que se conmemora cada 15 de outubro- busca 'avanzar no recoñecemento das mulleres' destes eidos e 'mellorar o seu acceso a novas oportunidades e recursos'. Ambos documentos buscan ademais, tal e como explicou Calvo, visibilizar a súa contribución ao desenvolvemento territorial; garantir o seu acceso en igualdade a dereitos, oportunidades e recursos; fomentar a contratación feminina en profesións masculinizadas ou impulsar a titularidade compartida en explotacións e embarcacións.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) A economía galega medrará catro décimas máis do previsto hai un ano, cando se elaboraron os orzamentos vixentes. Así se desprende do Informe sobre as previsións macroeconómicas que se incluirán nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2027, elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e que hoxe foi avalado pola AIReF. Deste xeito, segundo constata o documento, Galicia medrará máis do previsto para este ano. Non en van, se en xullo, cando se aprobou o teito de gasto non financeiro, a Comunidade xa mellorou a previsión de crecemento que estaba nos orzamentos para este ano en dúas décimas, pasando do 1,9 % ao 2,1 %, agora volve a facelo, mellorando noutras dúas décimas (ata o 2,3 %) a previsión para o peche de 2026.

Notas

A Rede de Centros Singulares de Investigación da USC conmemora o 24 de outubro o 10º aniversario de Ciencia Singular, a xornada de portas abertas que desde 2017 achega a miles de persoas o labor científico punteiro da USC. Esta iniciativa cumpre unha década ofrecendo á cidadanía a oportunidade de coñecer o traballo que realizan centos de investigadores en química, tecnoloxías intelixentes, medicina molecular, física de partículas ou tecnoloxías ambientais, descubrindo a aplicación práctica do coñecemento científico.
Entre os meses de outubro de 2026 e xuño de 2027 desenvolverase o VI Plan Ciencia de ida e volta, unha nova tempada de actividades de divulgación científica na UVigo, impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (co financiamento da FECYT-Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Ao longo de nove meses sucederase un amplo programa de actividades de lecer científico, co que a UVigo volverá sacar a ciencia dos laboratorios ás rúas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES