
A nova marca nace como unha ferramenta común de promoción, que mantén os nomes de cada certificación, así como as súas características e garantías específicas, integrándose nunha identidade compartida que pretende amosar a diversidade e riqueza do sector agroalimentario galego.
O nome 'Aquí Sabemos' recolle dous conceptos estreitamente relacionados: o coñecemento e o sabor. Por unha banda, representa a experiencia das persoas que traballan a terra, crían gando e elaboran alimentos, así como os coñecementos tradicionais transmitidos de xeración en xeración e a capacidade de innovación do sector. Por outra, fai referencia aos sabores propios duns produtos que reflicten a personalidade e a calidade de Galicia.
A identidade constrúese arredor de catro valores fundamentais: territorio, calidade, tradición e oficio. Catro elementos que definen tanto a orixe dos alimentos como os procesos e controis que garanten as súas características, os coñecementos acumulados ao longo do tempo e o traballo diario das persoas que participan na súa produción e elaboración.
Con esta iniciativa, a Consellería do Medio Rural busca achegar estes produtos a un maior número de consumidores, facilitando que identifiquen as garantías que ofrecen e coñezan mellor a orixe, as persoas e os territorios que hai detrás de cada elaboración.

Galicia conta con 38 distintivos de calidade diferenciada
A comunidade galega dispón actualmente de 38 distintivos de calidade diferenciada: 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, ás que se engaden os selos de Artesanía Alimentaria e Agricultura Ecolóxica. Trátase dunha das comunidades autónomas españolas cun maior número de DO e IXP recoñecidas.
O recoñecemento destas figuras permitiu impulsar as producións galegas, mellorar o seu posicionamento comercial e ofrecer maiores garantías aos consumidores. Os produtos amparados por estes distintivos están sometidos a esixentes controis que certifican o cumprimento dos requisitos establecidos e o coidado aplicado nas distintas fases da produción e comercialización.
A importancia económica deste sector queda reflectida no seu valor estimado, que acadou o pasado ano preto dos 746 millóns de euros. Os viños ocupan unha posición destacada, con cinco denominacións de orixe e outras tantas indicacións xeográficas protexidas que sumaron un valor próximo aos 390 millóns de euros. A continuación sitúanse o sector cárnico, con 175 millóns, e a produción ecolóxica, con 118 millóns de euros.
O crecemento e a consolidación destas producións contribuíron a reforzar o papel dos produtos de calidade diferenciada como unha das principais oportunidades para o sector primario galego. O seu desenvolvemento permite mellorar a competitividade, abrir novas posibilidades de negocio e favorecer a continuidade e renovación das actividades vinculadas ao medio rural.
Dentro deste conxunto merece unha mención especial a Artesanía Alimentaria, un distintivo promovido pola Xunta para recoñecer e protexer as elaboracións que seguen métodos tradicionais e os profesionais que as realizan. A súa regulación tamén busca delimitar con claridade que produtos poden considerarse artesanais, evitando o uso indiscriminado de termos como «caseiro» ou «feito na casa» cando non responden aos criterios establecidos.
Con 'Aquí Sabemos', Galicia aposta por unha imaxe compartida para proxectar o valor da súa produción agroalimentaria, poñendo o foco non só na calidade dos alimentos, senón tamén na experiencia, no traballo e na identidade territorial que os fan diferentes.
O sector hoteleiro galego continúa a mostrar unha evolución positiva en 2026. Os datos correspondentes ao mes de outubro feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) confirman un incremento do 7,7% en viaxeiros e do 6,1% en noites. Os ingresos do sector hoteleiro cifráronse o pasado mes en 47,6M de euros, o que se traduce nun crecemento do 16,3%. En concreto, durante outubro aloxáronse nos hoteis galegos 537.950 viaxeiros, mentres que o número de noites alcanzou as 927.766 noites. A estadía media situouse en 1,72 noites, un 1,5% menos que en outubro de 2025.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello 'aprobou hoxe a nova Estratexia de internacionalización das empresas galegas, con horizonte 2028, e dotada de máis de 160 millóns de euros'. Este orzamento supera nun 54 % o da Estratexia 2021-2025. O obxectivo, tal e como resaltou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, 'é que cada vez máis empresas galegas vendan fóra, que o fagan de forma estable e cheguen a novos mercados'. A nova folla de ruta poñerá especial interese, segundo explicou o presidente, 'en dous destinos que ofrecen grandes oportunidades como é China e os países de Mercosur'.