
Os bos resultados do mes de outubro indican que Galicia liderou o crecemento en número de viaxeiros e foi a segunda comunidade tamén en incremento do número de noites con respecto ao mesmo mes de 2025. Estes datos dan continuidade aos rexistrados en setembro deste ano cando a comunidade galega tamén encabezou o crecemento turístico en España, cun incremento do 13,1% nas noites de aloxamento respecto ao mesmo período de 2025.
A evolución positiva da demanda ten tamén un reflexo directo nos resultados económicos do sector. Así, estímase que os establecementos hoteleiros galegos obtiveron en outubro uns ingresos totais nominais de 47,6 millóns de euros, o que representa un incremento do 16,3% respecto ao mesmo mes do ano anterior, rexistrando un máximo de toda a serie histórica do mes de outubro.
Pola súa banda, a rendibilidade do sector medrou un 13,3% en outubro, confirmando que a evolución positiva non se limita ao volume de actividade, senón que se traslada tamén aos resultados económicos dos establecementos.
Balance positivo no acumulado ata outubro
A falta de coñecer os datos do sector extrahoteleiro do mes de outubro, os datos dos dez primeiros meses do ano confirman igualmente a evolución favorable do sector turístico. No ámbito económico, os ingresos hoteleiros alcanzaron os 442,1 millóns de euros, cun crecemento do 8,3%, mentres que a rendibilidade do sector aumentou un 8,5%.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello 'aprobou hoxe a nova Estratexia de internacionalización das empresas galegas, con horizonte 2028, e dotada de máis de 160 millóns de euros'. Este orzamento supera nun 54 % o da Estratexia 2021-2025. O obxectivo, tal e como resaltou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, 'é que cada vez máis empresas galegas vendan fóra, que o fagan de forma estable e cheguen a novos mercados'. A nova folla de ruta poñerá especial interese, segundo explicou o presidente, 'en dous destinos que ofrecen grandes oportunidades como é China e os países de Mercosur'.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidiu hoxe a reunión do Grupo de Traballo de Pesca da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM), celebrada na Fundación Galicia Europa, en Bruxelas, e na que participaron representantes de rexións de España, Francia, Italia e Bélxica. O encontro serviu para debater o documento 'Visión 2040: renovar hoxe para asegurar o mañá', elaborado por Galicia xunto coa Secretaría Xeral da CRPM, que recolle a valoración das rexións sobre a estratexia da Comisión Europea para a pesca e a acuicultura e as súas prioridades para o futuro da Política Pesqueira Común (PPC).