
A investigación, dirixida por Elena Pazos e publicada en Cell Reports Physical Science, demostra que as fibras poden desfacerse e volver formarse sen alterar as moléculas que as compoñen. Os investigadores tamén comprobaron que estes cambios inflúen na maneira en que as células se adhiren a un material.
Controlar a estrutura das nanofibras mediante sinais químicos
Para fabricar as nanofibras, o equipo deseñou dous péptidos, pequenas cadeas de aminoácidos, os compoñentes básicos das proteínas. Ao unirse, forman estruturas helicoidais que se enlazan unhas con outras ata crear fibras extremadamente finas e alongadas. Unha das novidades do traballo radica na forma na que se produce esta unión. Os resultados indican que unha propiedade eléctrica que xorde da forma de hélice destes péptidos, coñecida como macrodipolo, favorece que as unidades se unan sempre no mesmo sentido, de maneira que a fibra medra de forma ordenada. Os investigadores propoñen así un novo papel ata agora non descrito desta propiedade: guiar a formación de materiais a escala nanométrica.
O equipo tamén conseguiu que as fibras respondesen a dous tratamentos químicos opostos, un que separa as unidades que as forman e outro que volve unilas. En ambos os casos, os péptidos conservan a súa forma de hélice, de maneira que as nanofibras poden montarse e desmontarse á vontade.
Do control á adhesión celular
Para comprobar se esta capacidade permitía controlar o comportamento das células sobre un material, o equipo investigador incorporou as nanofibras a soportes porosos de óxido de grafeno e cultivaron células sobre eles. Observaron que as células se adherían en maior número e se estendían máis cando o soporte contiña as fibras. Despois aplicaron o tratamento que desmonta as fibras e comprobaron que a adhesión celular diminuía. Os ensaios de control confirmaron que o tratamento, por si só, non producía ese efecto sobre o soporte sen nanofibras.
Estes resultados mostran que a adhesión celular a un material pode modificarse actuando sobre a súa estrutura. Aínda que os experimentos se realizaron en cultivos celulares de laboratorio, o traballo ofrece unha nova vía para deseñar biomateriais que respondan a estímulos externos e permitan regular a súa interacción coas células.
Elena Pazos e QuimBio: investigación de excelencia desde o CICA-UDC
O estudo realizouse integramente no CICA-UDC por Esteban Suárez-Picado, Manuel Vázquez Sulleiro, Iván Montes de Oca, Valentina Gauci, Agustín Sánchez-Temprano e Elena Pazos, do grupo de Química Biolóxica (QuimBio).
Elena Pazos dirixe este grupo desde 2017 e é investigadora do programa Oportunius da Xunta de Galicia. Recibiu dúas axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC): unha Starting Grant en 2019, relacionada con esta liña de traballo, e unha Proof of Concept en 2025, destinada ao proxecto PEPTOC. A investigación contou con financiamento europeo, estatal e autonómico.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidiu hoxe a reunión do Grupo de Traballo de Pesca da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM), celebrada na Fundación Galicia Europa, en Bruxelas, e na que participaron representantes de rexións de España, Francia, Italia e Bélxica. O encontro serviu para debater o documento 'Visión 2040: renovar hoxe para asegurar o mañá', elaborado por Galicia xunto coa Secretaría Xeral da CRPM, que recolle a valoración das rexións sobre a estratexia da Comisión Europea para a pesca e a acuicultura e as súas prioridades para o futuro da Política Pesqueira Común (PPC).