
A conselleira reiterou no Parlamento a defensa por parte da Xunta dunha transferencia da AP-9 plenamente financiada e libre de cargas para os galegos e galegas, de xeito que esta infraestrutura poida ser xestionada desde Galicia.
Allegue subliñou que sería irresponsable aceptar unhas condicións económicas ambiguas como as que propón o Goberno central, especialmente cando está aberto un procedemento europeo sobre a concesión.
Sinalou que a posición do Goberno galego é inequívoca e reclama a transferencia da autoestrada para que Galicia xestione esta infraestrutura esencial e coas garantías que aprobou por unanimidade o Parlamento autonómico. Un texto que lembrou que BNG e PSOE modificaron e no que se eliminou, entre outras cuestións, a garantía expresa de que o Estado asumiría as consecuencias económicas dunha eventual nulidade das prórrogas da concesión.
A este respecto, Allegue recordou que o Goberno galego reclamou información en Bruxelas sobre o ditame da Comisión Europea sobre a prórroga da concesión e a resposta que ofreceu o Goberno central, trala negativa do Executivo a ofrecer esta información, polo que tamén ten interposto un contencioso ante a Audiencia Nacional.
Así, a conselleira explicou que no encontro mantido no Parlamento europeo trasladáronlle que o procedemento sobre a prórroga vaise elevar ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea, o que significa que se vai prolongar a incerteza sobre a situación xurídica da concesión. E lembrou que unha eventual nulidade non pode converterse nunha factura que termine pagando por decisións que Galicia non adoptou.
Reclamou a convocatoria da Comisión Bilateral para aclarar discrepancias e asegurar o financiamento, de xeito que a futura comisión mixta de transferencias poida traballar sobre un marco certo.
Neste senso, criticou que o Goberno central non respondeu ás tres datas propostas pola Xunta para esta comisión e reiterou a esixencia dun compromiso por escrito que garanta que Galicia non vai asumir as responsabilidades derivadas dunha eventual nulidade e que o Estado financiará os investimentos futuros que necesita a AP-9.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.
O ciclo 'Primeira Fila' fomentará a visibilidade de novos talentos musicais, impulsado pola Fábrica de Chocolate co obxectivo de apoiar a proxección de artistas e bandas e facilitar o seu encontro co público nas salas de concertos de Galicia. O ciclo, que arrincou en maio e xa percorreu as salas de Melide e Santiago de Compostela, continuará en xaneiro con sete novas propostas. A actividade retomarase o 21 de xaneiro en La Conservera, (Viveiro), con 9Louro e Monoulious DOP. No mesmo espazo actuarán Eladio y los Seres Queridos e Capital Voskov, o 13 de febreiro, así como Marisa Valle Roso, o día 20. O 20 de febreiro Taïn ofrecerá un concerto na Sala Jagger, en Lugo, mentres que Santi Araújo estará o 27 de febreiro na Sala Arca de Noé, en Vilar de Santos.