
A conselleira reiterou na súa exposición a preocupación de Galicia diante da 'falta de concreción orzamentaria' da proposta para o período 2028-2034 e lembrou que a PAC non é só unha política de apoio á produción, senón tamén de cohesión territorial, desenvolvemento rural sustentabilidade ambiental e fixación de poboación nas aldeas.
Nesta liña, marcou cinco prioridades a ter en conta para facer fronte aos retos que se presentan e sobre os que, remarcou, Galicia xa vén traballando. En primeiro lugar, a remuda xeracional, na que cómpre seguir avanzando, pero para iso precísase dunha PAC forte que garanta a continuidade destas políticas, advertiu Gómez.
Mobilización e acceso á terra
En segundo termo, a mobilización e o acceso á terra, consolidando as ferramentas existentes e explorando novas vías que permitan mobilizar máis superficie agraria e poñela a dispor de quen queira traballala. Como terceira prioridade, a conselleira fixou o mantemento da poboación no rural, e neste sentido puxo en valor o traballo realizado para que as aldeas teñan actividade, servizos e oportunidades. Indicou que é necesario que Europa acompañe este esforzo con políticas estables e financiamento que acheguen seguridade ao sector e garantan a continuidade das explotacións.
En cuarto lugar, a sustentabilidade e adaptación ao cambio climático, de forma que se impulsen explotacións máis eficientes, que protexan a biodiversidade e conserven os recursos naturais, pero sempre que as esixencias ambientais vaian acompañadas dos medios necesarios para poder cumprilas.
A quinta prioridade, segundo explicou Gómez, ten que ver coa competitividade e a rendibilidade, con explotacións modernas e competitivas, pero de maneira que as persoas que traballan nelas poidan vivir dignamente, porque -concluíu- 'sen rendibilidade non hai continuidade e se esta non hai futuro para a o sector nin seguridade alimentaria'.
Ademais, a conselleira insistiu na necesidade de seguir facendo do rural un lugar atractivo para vivir e traballar e afirmou que 'en Galicia estamos avanzando nesa dirección', pero é preciso o compromiso de Europa. Así, manifestou que na nosa comunidade conseguiuse cambiar a percepción do medio rural, de xeito que non se ve xa unicamente como un lugar do que marchar, senón tamén como un espazo ao que chegar. Agora, engadiu, non podemos permitir que todos estes avances se vexan comprometidos por unha redución do financiamento europeo destinado ao desenvolvemento rural. 'Sería un paso atrás', aseverou.
Revisión dos criterios de reparto das axudas
Ao tempo, a conselleira tamén avogou por unha revisión da forma en que se distribúen as axudas da PAC, cun reforzo ás pequenas e medianas explotacións, á agricultura familiar, ás mulleres e á mocidade agricultora. Explicou, nesta liña, que a contribución dunha explotación ao territorio non se mide unicamente polo seu tamaño, volume de negocio ou volume de produción. Asemade, Gómez defendeu unha futura PAC que recoñeza as particularidades de cada territorio, algo que no caso galego ten que contemplar características coma o peso moi importante do vacún de leite e de carne, unha ampla superficie de pastos ou unha produción significativa de cultivos forraxeiros.
Por último, neste mesmo sentido, a conselleira reivindicou a experiencia das rexións, que segundo dixo 'debe terse en conta', e que a PAC responda ao que o seu nome significa, é dicir, que sexa unha política realmente 'común', porque se cada Estado membro ou cada rexión acaba financiando as súas propias políticas en función da súa capacidade económica, a PAC perderá boa parte da súa razón de ser e aumentarán as desigualdades entre territorios.
Coalición Agriregions
A Coalición Agriregions reúne 23 territorios de sete Estados membros da Unión Europea -entre eles Galicia-, que representan máis do 25 % da superficie agraria utilizada da UE. Desde a súa creación en 2018, traballa para impulsar unha agricultura europea máis xusta, sostible e resiliente, defendendo unha Política Agraria Común forte e unha participación activa das rexións no seu deseño e aplicación.
O ciclo 'Primeira Fila' fomentará a visibilidade de novos talentos musicais, impulsado pola Fábrica de Chocolate co obxectivo de apoiar a proxección de artistas e bandas e facilitar o seu encontro co público nas salas de concertos de Galicia. O ciclo, que arrincou en maio e xa percorreu as salas de Melide e Santiago de Compostela, continuará en xaneiro con sete novas propostas. A actividade retomarase o 21 de xaneiro en La Conservera, (Viveiro), con 9Louro e Monoulious DOP. No mesmo espazo actuarán Eladio y los Seres Queridos e Capital Voskov, o 13 de febreiro, así como Marisa Valle Roso, o día 20. O 20 de febreiro Taïn ofrecerá un concerto na Sala Jagger, en Lugo, mentres que Santi Araújo estará o 27 de febreiro na Sala Arca de Noé, en Vilar de Santos.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e a reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, asinaron hoxe un convenio de colaboración para reforzar o acompañamento psicolóxico aos estudantes. Este acordo, dotado con 60.000 euros, dá continuidade ao xa asinado en 2025, un ano no que se os dispositivos de acompañamento psicolóxico das universidades públicas galegas atenderon 370 alumnos.