
Outros logros son o impulso de 16 proxectos piloto de I+D+i orientados a desenvolver solucións innovadoras a partir dos recursos mariños e a posta en marcha dun modelo de innovación aberta que conecta as capacidades da investigación coas necesidades reais do sector produtivo.
Coordinado polo catedrático e investigador do CIM, José Luis Soengas, Marinnonet xurdiu co obxectivo de mellorar as capacidades de innovación e transferencia de coñecemento no ámbito da biotecnoloxía azul. Para isto, promoveuse a colaboración entre dez universidades, centros de investigación, empresas, administracións públicas e sociedade de España, Francia, Portugal e Irlanda, co fin de favorecer o desenvolvemento de solucións innovadoras e a súa transferencia ao tecido produtivo.
Como explica Soengas, Marinnonet non só financiou investigación, senón que creou conexións e impulsou solucións en biotecnoloxía azul. A través da cooperación transnacional, o apoio a proxectos piloto e a conexión entre ciencia e industria, o proxecto contribuíu a transformar o potencial dos recursos mariños en novas oportunidades científicas, tecnolóxicas e empresariais.
Dezaseis proxectos piloto para levar a biotecnoloxía mariña a novas aplicacións
Un dos principais resultados de Marinnonet foi o apoio a 16 proxectos piloto de innovación, seleccionados a través de dúas convocatorias transrexionais, con nove iniciativas na primeira e sete na segunda. Cun financiamento de ata 30.000 euros por proxecto, estas iniciativas reuniron entidades científicas e empresas de diferentes territorios atlánticos para desenvolver e validar tecnoloxías e produtos con potencial de aplicación comercial.
Os proxectos abranguen tres ámbitos da biotecnoloxía azul: acuicultura sostible e resiliente, con seis iniciativas sobre alimentación acuícola, cultivo de algas, benestar animal e aproveitamento de recursos mariños; tecnoloxías ómicas e observación da biodiversidade, con dous proxectos centrados en novas ferramentas para o seguimento dos ecosistemas; e produtos mariños para aplicacións industriais, con oito iniciativas dedicadas ao desenvolvemento de biomateriais, coláxeno mariño, compostos bioactivos e ingredientes para sectores como a alimentación e a cosmética. Entre estas iniciativas figuran Functionalgae e Colothynchus, lideradas por Marta Conde e Mauro Chivite, investigadores do CIM.
Unha rede europea que conecta investigación e industria
Máis aló das solucións desenvolvidas, Marinnonet impulsou a creación dunha rede transnacional de cooperación en biotecnoloxía azul que favorece o intercambio de coñecemento, capacidades e recursos entre entidades científicas, empresas e axentes de innovación dos catro países participantes.
A través dun modelo de innovación aberta e co-creación, o proxecto promoveu obradoiros en diferentes rexións atlánticas nos que se identificaron máis de 150 retos e oportunidades do sector. Este proceso permitiu incorporar as necesidades reais das empresas e doutros axentes á definición de novas oportunidades de investigación e transferencia tecnolóxica.
Un modelo de cooperación recoñecido a nivel europeo
O impacto de Marinnonet e o seu modelo de cooperación entre ciencia, industria e sociedade foi recoñecido cun dos Atlantic Project Awards 2025, entregados durante a Atlantic Stakeholder Platform Conference, celebrada en Galway (Irlanda). O proxecto foi premiado na categoría Océanos saudables e costas resilientes, correspondente ao Pilar IV do Plan de Acción Atlántico 2.0.
O recoñecemento puxo en valor especialmente o seu enfoque participativo, baseado na innovación aberta e no desenvolvemento de proxectos piloto transnacionais, así como o seu potencial para ser aplicado noutras rexións europeas. Ademais, Marinnonet foi seleccionado como Success Story #1 pola plataforma da Estratexia Atlántica, que destacou a súa contribución á innovación e á transferencia tecnolóxica no sector da biotecnoloxía azul.
Sobre o proxecto Marinnonet
Liderado polo Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, Marinnonet reuniu 10 entidades socias de oito rexións atlánticas de España, Portugal, Francia e Irlanda. O consorcio estaba integrado por universidades e centros de investigación como a Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, a Universidade do País Vasco, o Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), a Universidade de Galway, a Universidade do Minho, Sorbonne Université e Munster Technological University, así como polas entidades de innovación Pôle Mer Bretagne Atlantique e BlueBio Alliance. O proxecto contou cun orzamento de 2,32 millóns de euros, cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg Atlantic Area 2021-2027.
O ciclo 'Primeira Fila' fomentará a visibilidade de novos talentos musicais, impulsado pola Fábrica de Chocolate co obxectivo de apoiar a proxección de artistas e bandas e facilitar o seu encontro co público nas salas de concertos de Galicia. O ciclo, que arrincou en maio e xa percorreu as salas de Melide e Santiago de Compostela, continuará en xaneiro con sete novas propostas. A actividade retomarase o 21 de xaneiro de 2027 en La Conservera, Viveiro (Lugo), con 9Louro e Monoulious DOP. No mesmo espazo actuarán Eladio y los Seres Queridos e Capital Voskov, o 13 de febreiro, así como Marisa Valle Roso, o día 20 dese mes. Tamén o 20 de febreiro, Taïn ofrecerá un concerto na Sala Jagger, na capital lucense, mentres que Santi Araújo estará o 27 de febreiro na Sala Arca de Noé, en Vilar de Santos (Ourense).
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e a reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, asinaron hoxe un convenio de colaboración para reforzar o acompañamento psicolóxico aos estudantes. Este acordo, dotado con 60.000 euros, dá continuidade ao xa asinado en 2025, un ano no que se os dispositivos de acompañamento psicolóxico das universidades públicas galegas atenderon 370 alumnos.