Notas de prensa

O Abrigo acolle unha exposición do colectivo Recanto e un concerto inspirado no exilio de Castelao

Conformado por seis estudantes de Belas Artes e unha alumna de Comunicación, o colectivo Recanto asumiu neste curso a coordinación da Sala O Abrigo, onde nestas semanas preséntanse tamén como artistas a través da mostra colectiva 'Dentro dun espazo maior'. Articulada arredor do significado da súa propia denominación, esta exposición levounos a construír o seu propio 'recanto' dentro deste espazo da Facultade de Belas Artes da UVigo.

Baixo o título de A golpe de desterro: Cancións da memoria, a percusionista e alumna de doutoramento desta facultade Lucía Martínez estreará neste espazo unha “cartografía sonora do exilio e da emigración sonora”, nunha actuación inserida na programación do festival Vertixe 14.

Dentro dun espazo maior

“O noso colectivo nace como un proxecto baseado na relación de amizade entre os e as creadores e creadoras, co obxectivo de realizar unha arte comprometida e creada a partir dun proceso que non se somete a ningún tipo de norma ou algoritmo e nado da reflexión e da introspeción”. Deste xeito preséntase o colectivo Recanto, responsable este curso da xestión da sala creada pola Facultade de Belas Artes na antiga cafetaría do centro, despois de que as licitacións para este servizo quedasen desertas. Integrada polos estudantes de Belas Artes Matías Barros, Elba Bermúdez, Carla Fuentes, Xulia García, Pablo Gómez e Noa González, xunto coa alumna da Facultade de Comunicación Celeste Pose, o grupo avogou por explorar “o significado da palabra que nos nomea” en Dentro dun espazo maior, a súa exposición de presentación.

Unha das acepcións deste termo, segundo o dicionario da Real Academia Galega, é “lugar retirado, dentro dun espazo máis grande”, o que serviu como punto de partida para unha exposición na que articularon o seu propio “recanto” dentro da sala, incorporando elementos como coxíns ou un sofá a unha mostra que reúne obras de diferentes disciplinas. Combinando pezas individuais e colectivas, na exposición atópanse propostas como unha peza escultórica de Xulia García, traballos de videoarte de Celeste Pose e Pablo Gómez, unha instalación de Carla Fuentes e pezas pictóricas de Elba Bermúdez e Matías Barros, xunto cun cómic, unha peza téxtil de Noa González ou fanzines pendurados en diferentes puntos da sala. A través deste conxunto de obras, que poden contemplarse ata o 26 de novembro, Dentro dun espazo maior busca falar non só do propio colectivo, sinalan, “senón tamén do xogo, dos significados escondidos das cousas que nos rodean e das novas formas de habitar espazos”.

“Cartografía do exilio e a emigración galega”

A Sala O Abrigo acolle este xoves 19, ás 19.00 horas, un concerto organizado por Vertixe Sonora en colaboración coa facultade, no que Lucía Martínez estreará unha peza escénica para batería expandida, electrónica en vivo e voz, presentada como unha “cartografía do exilio e a emigración galega, tomando a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao como eixo vertebrador”, ao abeiro do 140 aniversario do seu nacemento. Baixo o título de A golpe de desterro: Cancións da memoria, trátase dun proxecto que esta artista e investigadora deseñou especificamente para o festival Vertixe 14 e no que a percusión se converte nunha “caixa de resonancias históricas”, sinala o seu texto de presentación.

“O tambor é o ritmo máis primario: o primeiro que escoitamos é o latido do corazón, e cando alguén marcha da súa terra, ese pulso altérase”, explica esta baterista, percusionista e compositora, profesora no Conservatorio Superior de Música de Sevilla. Partindo desta idea, “a batería transfórmase nun espazo narrativo”, buscando reflectir a través do ritmo “o pulso vital do que marcha e a paisaxe sonora dos mundos que habita”. Concibido como unha “obra aberta en acto”, este espectáculo busca reflectir “o movemento físico da partida”, rememorando os sons do tren ou do motor dos barcos cara América; ao tempo que establece un diálogo entre “os patróns rítmicos da nosa tradición”, como unha “muiñeira deconstruída”, cos ritmos que “Castelao atopou en Bos Aires”, como o tango, a milonga e o folclore arxentino. Ao mesmo tempo, sinala, a electrónica actúa neste proxecto como “espazo de deslocalización e memoria”, creando “atmosferas de néboa, distancia e ecos”, mentres que a voz “rescata a palabra e a memoria oral para converter o concerto nunha experiencia íntima e contemporánea sobre o desarraigo”.

A golpe de desterro constitúe o segundo concerto do proxecto 140: Migratio, impulsado por Vertixe Sonora xunto con Icarus vs. Muzak e Mittel und Zweck e galardoado co Premio EFFEA Springboard da Fundación Europea de Festivais para Artistas Emerxentes. “É unha creación concibida e deseñada especificamente para este proxecto de Vertixe Sonora”, que ten como fío a “reflexión artística arredor dos movementos migratorios, o exilio, a fronteira e a identidade en tránsito desde a creación sonora contemporánea”, subliña Martínez. Trátase nese senso dun “capítulo independente”, dentro dun "relato común", que aborda a "memoria histórica do exilio galego a través de Castelao” e que estreará ademais na facultade onde desenvolve a súa tese. “Para min ten un valor inmenso, tanto no plano académico como no persoal e artístico”, recoñece Martínez da posibilidade de presentar esta peza en Belas Artes. Isto, subliña, permítelle “levar a investigación teórica directamente ao laboratorio escénico”, pondo de relevo que, no ámbito da creación contemporánea, “a práctica artística non é unha ilustración da teoría, senón o propio lugar onde se produce o coñecemento”.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-11-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (agro-tractor.jpg) A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.
Foto de la tercera plana (festival.jpg) O ciclo 'Primeira Fila' fomentará a visibilidade de novos talentos musicais, impulsado pola Fábrica de Chocolate co obxectivo de apoiar a proxección de artistas e bandas e facilitar o seu encontro co público nas salas de concertos de Galicia. O ciclo, que arrincou en maio e xa percorreu as salas de Melide e Santiago de Compostela, continuará en xaneiro con sete novas propostas. A actividade retomarase o 21 de xaneiro en La Conservera, (Viveiro), con 9Louro e Monoulious DOP. No mesmo espazo actuarán Eladio y los Seres Queridos e Capital Voskov, o 13 de febreiro, así como Marisa Valle Roso, o día 20. O 20 de febreiro Taïn ofrecerá un concerto na Sala Jagger, en Lugo, mentres que Santi Araújo estará o 27 de febreiro na Sala Arca de Noé, en Vilar de Santos.

Notas

A sexta edición de Ultrafast Science and Technology Spain 2026 botou a andar este mércores 18 na USC. O foro que se estende ata o venres 20 reúne persoal investigador e empresas cuxas áreas de desenvolvemento, innovación e investigación atópanse vinculadas ao ámbito dos láseres ultrarrápidos e ás súas aplicacións na Física, a Química, a Medicina ou a Ciencia dos Materiais.
Conformado por seis estudantes de Belas Artes e unha alumna de Comunicación, o colectivo Recanto asumiu neste curso a coordinación da Sala O Abrigo, onde nestas semanas preséntanse tamén como artistas a través da mostra colectiva 'Dentro dun espazo maior'. Articulada arredor do significado da súa propia denominación, esta exposición levounos a construír o seu propio 'recanto' dentro deste espazo da Facultade de Belas Artes da UVigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES