Notas de prensa

A UVigo recolle nun libro máis dun cento de refráns e 400 palabras que definen 'A fala de Vigo'

'Vigo é moito máis que o centro urbano castelanizado, Vigo é tamén Rorís, A Falcoa, O Freixo, Moledo, Mide, Baruxáns, O Carballal, Redomeira ou Marcosende, o Vigo de sempre onde o galego é aínda a lingua habitual'. Así de categórico se amosou o director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo, Xosé-Henrique Costas, na presentación do seu último libro 'A fala de Vigo.Trazos diferenciais da nosa variedade dialectal', unha obra na que se defende que na cidade máis castelanizada de Galicia é posible escoitar o galego pola rúa.

Foi nun acto celebrado no edificio Redeiras no que Costas estivo acompañado pola vicerreitora de Extensión Universitaria Susana Reboreda, quen fixo referencia á longa traxectoria do catedrático vigués como ‘investigador e activista do galego’, polo que, “en canto nos chegou esta proposta á Universidade de Vigo, non dubidamos en darlle todo o noso apoio”.

Tal e como se explicou durante a presentación, o libro naceu cando a asociación de voluntariado lingüístico Faladoiros-Vigo lle encargou ao profesor Costas unha conferencia sobre A fala de Vigo. “A raíz dos materiais e mapas elaborados para esa charla, valorouse a posibilidade de imprimir unha publicación e facela chegar a todos os centros de ensino, asociacións veciñais e culturais etc., para que a xente coñecese por esta divulgación científica como é o galego falado no Val do Fragoso”, explicou o docente, quen traballou durante algúns meses recopilando léxico diferencial vigués, así como refráns e frases feitas propias da contorna viguesa.

Centos de detalles característicos e exclusivos do falar de Vigo

O volume ábrese cun soneto a Vigo de Darío Xohán Cabana, continúa cun limiar dun “vigués de adopción” como Xosé Luís Méndez Ferrín e arrinca coa descrición dos principais trazos fonéticos e morfolóxicos do falar de Vigo. “A de Vigo é unha fala suroccidental galega, con todas as súas características macrodiferenciais: miña irmán, a mañán, as rans, as mans, gheada, seseo etc.”, explicou Costas.

Entre outra moita información sobre a fonética, fonoloxía e prosodia propia das diferentes parroquias do Concello de Vigo, a obra recolle un cento de refráns, frases feitas e locucións típicas do galego falado en Vigo. Dende ‘dar en tolo’ ou ‘ir a Vigho por mirar Canghas’ ata ‘quen che dera piche pola costa de Peniche’, pasando por : a cabra co visio dá cos cornos no cu / quen cala fode a quen fala / quen de novo foi bailador de vello dálle un xeitiño etc., etc.

En canto ao léxico afondan nalgúns sufixos especiais (un peleiro / un pelo), Así mesmo defínense arredor de 400 palabras de uso común en Vigo que raramente aparecen en dicionarios ou aparecen con outros significados, algunhas exclusivas de Vigo e outras comúns co suroeste de Pontevedra, incorporando tamén galicismos, anglicismos, xitanismos e castelanismos adaptados ao falar vigués. “Cando un vigués di que se aluga un baixo lóbrego, non se refire a falla de luz como acontecería en calquera outro lugar galego, senón simplemente a que está totalmente baleiro, sen divisións”, exemplificou o docentes, quen fixo fincapé en que hai moitas palabras que son iguais, pero que teñen unha significación distinta.

Os exemplos de palabras ‘propiamente viguesas’ son múltiples. Chiflaso, Delourar, Fanado, Fariñoque, Ghaldrumeiro, Ghichar, Marmanxo, Marreca, Pello, Petouraso, Pisca-pisca… “En Vigo xogamos ao ‘pai-fillo-nai’ no canto de ao tres en raia, dicimos peio no canto de mariola e prememos o pisca-pisca do coche no canto do intermitente”.

Concibida como unha obra de divulgación, a pretensión é que o volume chegue a todos “os centros de ensino, asociacións veciñais, deportivas, musicais e culturais, e a todas as persoas curiosas, que queiran saber máis de como se fala o galego de Vigo”.

Xa nas librarías a segunda obra de ficción de Xosé-Henrique Costas

Ao marxe desta presentación, esta semana chegou tamén ás librarías Entre a vontade e o destino, o segundo libro da triloxía Banu Marwán: a estirpe do galego, a primeira obra de ficción de Xosé-Henrique Costas, unha novela histórica que discorre na Galicia e na Hispania dos séculos VIII e IX.

Editada por Morgade -grupo Rinoceronte-, a narración retoma o final do primeiro libro, Ao sur da liberdade, con Marwán, fillo de Ianes ‘O Galego’ acollido na alfama de Munt Sáluti, onde emprende unha nova vida e acaba profesando o xudaísmo. Despois dun revés da vida, Marwán segue camiño ata Mérida e alí, grazas aos seus contactos e á súa habelencia, entra ao servizo da administración amiral hispana e vai subindo na escala social ata chegar a ser nomeado valí ou gobernador de Mérida, unha cidade adoito insubmisa e levantadiza contra o poder de Córdoba.

“Esta segunda entrega da triloxía dos Banu Marwán mergúllanos de cheo nunha sociedade maridí hispana moi conflitiva e asemade conciliadora, onde a xente do pobo só persegue sobrevivir fronte ás fortes presións dos poderosos e ás tensión dos diversos grupos sociais, políticos, étnicos e relixiosos”, explica o catedrático vigués, que fai fincapé en que a través das súas páxinas vanse mesturando sentimentos universais, omnipresentes en todos os tempos, que van da lealdade, ao amor, a amizade, o poder, a traizón, os intereses e comenencias, as crenzas relixiosas... “Son temas que van ganduxando este novo relato histórico dun clan galego en difícil equilibro nunha Hispania convulsa e inestable que se empeza a islamizar”, recalca o autor.

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-11-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES