Notas de prensa

20 especialistas de diferentes países participan en Vigo na 5ª Conferencia Internacional sobre Nanomateriais Aplicados ás Ciencias da Vida

Vigo convértese esta semana no punto de encontro internacional para a investigación en nanociencia aplicada á biomedicina coa celebración da 5ª Conferencia Internacional sobre Nanomateriais Aplicados ás Ciencias da Vida. O evento, organizado pola UVigo e o Grupo de Nanomateriais Híbridos do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, desenvólvese ata o venres na sede de Afundación e reúne a 127 participantes procedentes de diferentes países.

O congreso inaugurouse esta mañá cun acto institucional co que arrancan tres xornadas de actividades científicas. Na apertura participaron representantes da organización e das institucións implicadas, como Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Mª Carmen Blanco López, presidenta da Asociación NALS e profesora da Universidade de Oviedo; Miguel Ángel Correa, director do CINBIO; así como as investigadoras do mesmo centro, Verónica Salgueiriño e Lorena García Hevia, que destacaron a relevancia de encontros como este para impulsar a colaboración internacional e avanzar na investigación.
O NALS mantén a liña das edicións anteriores, apostando por un alto nivel científico e por facilitar a participación da comunidade investigadora máis nova. Segundo explica Verónica Salgueiriño, unha das organizadoras, “a intención é consolidar un espazo de intercambio científico accesible e de referencia no ámbito da nanomedicina”.

Nanomateriais ao servizo da saúde

O congreso xira arredor dos nanomateriais aplicados ás ciencias da vida, un campo interdisciplinar que combina química, física, bioloxía e medicina para desenvolver novas ferramentas diagnósticas e terapéuticas. Entre os relatorios plenarios figuran especialistas recoñecidos internacionalmente que abordarán cuestións como a nanomedicina aplicada ao cancro pediátrico, o estudo dos procesos de metástase, os materiais plasmónicos para monitorizar actividade tumoral ou o uso de micro-robots en saúde reprodutiva.

Participarán investigadoras e investigadores como María Blanco Prieto (Universidade de Navarra), Jacky Goetz (Universidade de Estrasburgo), Luis Liz Marzán (CINBIO e CIC Biomagune), Teresa Pellegrino (Instituto Italiano de Tecnoloxía de Xénova), María Jesús Vicent (Centro de Investigación Príncipe Felipe de Valencia) ou Mariana Medina Sánchez (CIC Nanogune).

Un espazo para crear redes científicas

A maior parte das persoas participantes proceden de España, aínda que tamén haberá investigadores do norte de Portugal e doutros países europeos como Alemaña, Italia, Luxemburgo ou Grecia.

Máis alá das sesións científicas, o programa do congreso está pensado para favorecer a interacción entre as persoas participantes. “Confiamos en xerar un ambiente no que as persoas máis novas poidan achegarse a investigadores de recoñecido prestixio, facer preguntas e discutir as súas ideas”, explica Salgueiriño. “Queremos que lles sirva para atopar referentes e para iniciar novas colaboracións científicas”.

Neste sentido, unha parte importante do público do congreso está formada por estudantes de doutoramento, para quen a organización buscou crear un contexto propicio para o intercambio de coñecemento, xa que “un dos maiores desafíos foi manter un alto nivel científico sen incrementar as cotas de inscrición, especialmente para o alumnado de doutoramento, cuxa taxa se sitúa en 200 euros”. O congreso, resume Salgueiriño, “busca ser un punto de encontro para compartir coñecemento, conectar persoal investigador e impulsar novas ideas na intersección entre nanomateriais e ciencias da vida”.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-03-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES