
A proclamación definitiva terá lugar o día 23 de marzo. A vencedora dos comicios obtivo 666 votos ponderados por parte do Sector I (Persoal docente e investigador con vinculación permanente), 150 do Sector II (resto do PDI), 424 do Sector III (estudantado) e 157 do Sector IV (Persoal Técnico de Xestión de Administración e Servizos). Pola súa parte, a outra candidata acadou 414 votos ponderados do Sector I, 83 do Sector II, 169 do Sector III e 55 do Sector IV.
No relativo á participación, houbo un total de 9.664 votos emitidos, dos cales o 87,37% pertence ao Sector I, o 59,37% ao Sector II, o 26,99% ao Sector III e o 77,75% ao Sector IV.
O reitor Antonio López felicitou a Rosa Crujeiras e desexoulle o mellor para o futuro, un futuro que oxalá sexa moi afortunado porque o será para toda a comunidade universitaria. López, que recoñeceu tamén o traballo realizado por Maite Flores así como por María José López e Alba Nogueira, salientou a moi alta participación nestas eleccións, o que lexitima a elección da nova reitora, que parte dun apoio moi forte para afrontar os seis anos de mandato. O resultado permitiralle tecer o mellor consenso de toda a comunidade universitaria para lograr os mellores éxitos para a nosa universidade, dixo.
Rosa Crujeiras
Rosa M. Crujeiras é catedrática da área de Estatística e Investigación Operativa no Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización. Licenciada en Matemáticas (2001), Diploma de Estudos Avanzados (2003) e doutora en Estatística e Investigación Operativa (2007) pola USC, foi investigadora posdoutoral na Universitè catholique de Louvain (Bélxica).
Cunha intensa actividade científica no ámbito da estatística non paramétrica, con publicacións en revistas de prestixio (Journal of the American Satistical Association ou Annals of Applied Statistics), ten tamén colaborado con persoal investigador de distintos ámbitos como a ecoloxía, a xeografía, a enxeñaría química, a lingüística, a economía e as ciencias da computación. A súa traxectoria foi recoñecida co Premio ao Novo Talento Científico Feminino 2023 pola Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e en 2024, xunto coas profesoras M. Alonso e I. Gijbels, recibiu o Premio á Mellor Contribución Metodolóxica en Estatística da Sociedad de Estadística e Investigación Operativa (SEIO) e da Fundación BBVA (FBBVA).
Impartiu docencia nas Facultades de Matemáticas, Bioloxía, Enfermaría, Filoloxía e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría en grao, mestrado e doutoramento (nestes dous últimos niveis tamén en universidades estranxeiras), coordinou o doutoramento interuniversitario en Estatística e Investigación Operativa e é membro da Comisión Académica do programa de doutoramento en Estatística da Sapienza (Italia). Dirixiu ademais sete teses de doutoramento.
Desde a súa incorporación á Universidade de Santiago de Compostela, asumiu distintos cargos na xestión universitaria. Desde outubro de 2010 ata xuño de 2013 foi secretaria académica do Instituto de Matemáticas, pasando posteriormente a ser vicedecana da Facultade de Matemáticas ata xaneiro de 2015. Nesa data incorporouse como adxunta á Vicerreitoría de Comunicación e Coordinación, con competencias en calidade, ata xuño de 2017, momento no que pasou a ser vicerreitora ata xuño de 2018. En setembro de 2021 asumiu a Dirección Científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), cargo que ocupou ata decembro de 2025.
Desde 2015 colabora como avaliadora para a Axencia Estatal de Investigación así como con outras axencias internacionais e autonómicas, e desde xaneiro de 2023 é membro do comité asesor do IAMAT2 na Universidade Pública de Navarra.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.