Noticias

A Xunta impulsa a plataforma Presentes para visibilizar o talento feminino galego

A Xunta de Galicia puxo en marcha a plataforma PRESENTES.gal, unha ferramenta pública destinada a visibilizar o talento feminino galego e facilitar a presenza de mulleres expertas nos espazos de debate, coñecemento e divulgación. Impulsada pola Consellería de Política Social e Igualdade, esta iniciativa constitúe a maior comunidade dixital de mulleres profesionais de Galicia, co obxectivo de facilitar que organizadores de eventos, institucións, empresas ou medios de comunicación poidan localizar referentes femininos nos distintos ámbitos profesionais.

A plataforma nace para dar resposta a unha realidade que aínda persiste na sociedade: a escasa presenza de mulleres en mesas redondas, xornadas, foros ou entrevistas especializadas, en moitos casos non só pola desigualdade existente senón tamén pola falta de visibilidade das profesionais. Con esta ferramenta preténdese facilitar o contacto con expertas de todos os sectores e contribuír a aumentar a súa presenza no espazo público.

Neste sentido, PRESENTES.gal permite localizar mulleres profesionais galegas -ou residentes en Galicia- interesadas en participar como relatoras, poñentes ou especialistas en actividades profesionais, académicas, culturais ou sociais. Ademais, promove que as mulleres participen como expertas nos seus ámbitos de coñecemento, rompendo coa tendencia a que a súa presenza se limite a debates relacionados unicamente coa igualdade ou os coidados.

A resposta á posta en marcha da plataforma superou as expectativas iniciais. En apenas un mes rexistráronse preto de 2.000 inscricións de profesionais, procedentes de ámbitos tan diversos como a investigación, a tecnoloxía, a industria, o sector cultural ou o medio rural. O proxecto contou tamén coa colaboración de máis de cen entidades e organizacións para identificar e incorporar perfís profesionais.

Ademais de funcionar como directorio de expertas, a plataforma inclúe recursos para fomentar eventos máis igualitarios, entre eles unha guía práctica para incorporar a perspectiva de xénero na organización de actividades. O proxecto pretende tamén favorecer a creación de redes entre profesionais e ampliar a visibilidade de novas voces femininas.

A posta en marcha desta iniciativa enmárcase nas políticas públicas impulsadas pola Xunta para promover a igualdade de oportunidades e o liderado feminino, que contan en 2026 cun investimento próximo aos 29 millóns de euros destinados a políticas de igualdade.

A plataforma foi presentada no marco dos actos institucionais do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, nun evento no que participou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quen destacou a importancia de dar maior visibilidade ao talento feminino galego e de facilitar que as profesionais participen como voces expertas nos espazos de debate e transferencia de coñecemento.

R., 2026-03-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES