
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presidiu esta mañá unha reunión cos coordinadores de transplantes dos hospitais públicos das sete cidades e da Coordinadora Autonómica de Transplantes para avaliar os datos do ano 2024, onde destacou o bo facer dos equipos galegos tras o récord histórico acadado o pasado ano.
Na reunión, na que tamén participou a directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), Marisa López, o titular de Sanidade puxo en valor a xenerosidade da poboación galega onde 137 doantes de órganos fixeron posible que a comunidade acadase os 424 transplantes en 2024, un 28 % máis con respecto ao anterior exercicio.
En concreto, Galicia rexistrou o pasado ano un total de 208 transplantes de ril, 118 de fígado, 4 de páncreas, 30 de corazón e 64 de pulmón.
Son os mellores resultados da historia da Sanidade galega incidiu Gómez Caamaño, ao tempo que trasladou o seu orgullo pola excelencia acadada polos seus equipos de profesionais.
Ademais, Galicia pechou o ano 2024 coa maior taxa de doantes de órganos por millón de habitantes cun 50,7, o que permitiu que tamén rexistrase a lista de espera para transplante máis baixa da súa historia.
Galicia, máis de catro décadas de transplantes
O Servizo Galego de Saúde acadou en 2024 a cifra máis alta deste tipo de intervencións desde que no ano 1981 no Hospital Público da Coruña se realizase o primeiro transplante de órganos na comunidade.
O pasado mes de febreiro a comunidade realizou o seu transplante número 10.000 tras a implantación xa hai máis de 40 anos dun programa que se encontra completamente asentado no sistema sanitario público.
Neste período, a solidariedade de case 3.500 persoas posibilitou que Galicia se situase como referente no ámbito da doazón de órganos.
Segundo os datos acumulados, o transplante de ril destaca nestas catro décadas con 5.168 intervencións realizadas; seguido do de fígado, con 2.803; do de corazón, con 959; de pulmón, con 942; e de páncreas con 128.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.