Noticias

Nathy Peluso, Elena Rose e Alleh y Yorghaki incorpóranse ao cartel do Morriña Festival 2025

O Morriña Festival vén de anunciar tres novos nomes internacionais para o seu cartel deste 2025 co apoio de Concertos do Xacobeo. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou esta mañá na Coruña o cartel da súa quinta edición, no que xa estaba xa confirmada a presencia de figuras como Residente, Ozuna, Jhayco, Mikel Izal, Ginebras, Pignoise, Alcalá Norte e Duncan Dhu e ao que agora se suman, tamén, Nathy Peluso, Elena Rose e Alleh y Yorghaki. O Morriña Festival é unha das citas musicais máis relevantes da época estival na comunidade, no marco dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural que neste 2025 regresa para apoiar os principais eventos musicais de Galicia.

Durante a presentación do cartel, Xosé Merelles remarcou que “a Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais. Proba disto é o noso apoio ao Morriña Festival no marco do proxecto Concertos do Xacobeo”. E engadiu que “o evento musical da cidade coruñesa encaixa á perfección na liña estratéxica de Turismo de Galicia, consolidándose como unha das principais citas musicais do noroeste peninsular a última fin de semana do mes de xullo, cunha oferta potente de artistas internacionais e nacionais que pisan forte nas listas de escoitas do momento”.

Merelles sinalou tamén “a aposta pola diversidade de gustos e estilos para diferentes xeracións de públicos, nun evento ecléctico que na súa pasada edición, en 2024, reuniu a máis de 40.000 no Porto da Coruña”.

“Citas da categoría do Morriña Festival sitúan o noso territorio no mapa, convertendo Galicia na punta de lanza dos eventos musicais da Península na época estival. Desde Turismo de Galicia estamos orgullosos de apoiar un ano máis, a través do selo Concertos do Xacobeo, este festival que serve como motor económico, turístico e cultural da nosa comunidade”, sinalou o director de Turismo de Galicia. E concluíu que “o cartel internacional do festival, con figuras de primeiro nivel como Nathy Peluso -na que será a súa única actuación en Galicia neste 2025- ou Residente -o artista con máis Grammys latinos da historia-, contribúe, tamén, a reforzar a imaxe exterior do noso singular e rico territorio”.

Novos nomes internacionais no Morriña Festival

A arxentina Nathy Peluso fará gala no Morriña Festival da súa mestura de xéneros como o trap, o R&B, o jazz e o reguetón, como unha das voces máis innovadoras e poderosas da escena musical latina da última década. Recoñecida pola súa presencia arrolladora sobre o escenario e a súa voz única, Nathy Peluso presentará o seu potente repertorio, que inclúe temas como Mafiosa, Sana Sana ou Business Woman.

Pola súa banda, Alleh y Yorghaki son dous músicos venezolanos que gañaron o seu recoñecemento internacional grazas ao seu innovador estilo musical, con temas que suman millóns de reproducións nas plataformas dixitais de todo o mundo, como ‘capaz (merenguetón)’.

Finalmente, o Morriña festival achegará tamén ao Porto da Coruña á cantautora e produtora Elena Rose, celebrada pola súa capacidade única para mesturar o R&B, o trap e o soul cunha autenticidade inconfundible, gañándose un lugar destacado na escena musical latina do momento. A súa cativadora voz e as súas letras profundas de seguro que non defraudarán ao público cun espectáculo cheo de forza, emoción e feminidade empoderada.

O Morriña Festival conta co apoio da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo, así como do Concello de A Coruña, a Deputación da Coruña, o Porto da Coruña e Estrella Galicia.

R., 2025-03-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES