Notas de prensa

O Campus Industrial de Ferrol da UDC acollerá a gran final da FIRST LEGO League España en marzo de 2025

O Campus Industrial de Ferrol acollerá en 2025, concretamente, o 29 de marzo, a gran final da FIRST LEGO League España (FLL España), un evento organizado pola Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e o Campus Industrial da Universidade da Coruña en colaboración con Ingeniera Soy baixo o patrocinio da Deputación da Coruña, o Concello de Ferrol e a Xunta de Galicia.

A sala anexa ao Salón de Actos Concepción Arenal do campus ferrolán foi o escenario elixido para presentar este venres a gran final dun programa internacional que, na súa edición de 2023/2024, reuniu a máis de 1.200 equipos en 34 eventos locais sumando máis de 10.000 participantes en toda España.

Na súa intervención, o presidente da asociación Ingeniera Soy, Javier Butragueño, destacou a solidez da candidatura presentada pola Universidade da Coruña recalcando a experiencia adquirida durante estes últimos 10 anos coa organización da FIRST LEGO League Galicia, así como a dispoñibilidade de espazos e de persoal voluntario para a súa posta en marcha no Campus Industrial de Ferrol. Pola súa banda, o coordinador da FLL Galicia, o profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) José Antonio Becerra, agradeceu esta oportunidade seguro de que servirá para pór Ferrol, a súa comarca e o seu campus no mapa a nivel nacional.

Pola súa banda, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, agradeceu o apoio prestado pola Deputación da Coruña, polo Concello de Ferrol e máis pola Xunta de Galicia así como todo o traballo que teñen realizado as preto de 100 persoas voluntarias que cada ano colaboran na FLL Galicia. A delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, aproveitou a súa intervención para sinalar que a Gran Final da FLL España servirá para situar á cidade departamental como o “epicentro da innovación educativa a nivel nacional” nun evento no que se premiará, sobre todo, o enxeño e a creatividade.

Nesta mesma liña, a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística, Patricia Cons, agradeceu a elección de Ferrol como sede do evento e puxo en valor todo o traballo que realiza o profesorado e alumnado implicado neste programa educativo internacional “fóra de horario lectivo, botando man do seu tempo libre e de ocio”. Para rematar, o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez, e o director da Escola Politécnica de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz, reafirmaron o seu compromiso cun evento que permite achegar aos máis novos ao eido da enxeñaría seguros de que esta iniciativa seguira medrando edición a edición.

Que é a FIRST LEGO League?

A FIRST LEGO League é un programa internacional que desafía a mozos e mozas de entre 4 e 16 anos, divididos en 3 categorías, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovables. Mediante a súa resolución, os mozos e mozas gozan coa ciencia e a tecnoloxía. Ao mesmo tempo, aprenden valiosas habilidades para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación.

O desafío FIRST LEGO League en España

Desde o ano 2022, a asociación Ingeniera.soy é a entidade que impulsa a FIRST LEGO League en España en colaboración co 20% das universidades españolas, parques tecnolóxicos e entidades de promoción da innovación como socios. Ademais, a iniciativa é posible grazas á colaboración de empresas e entidades que achegan aos participantes aos coñecementos e profesións STEAM.

Como funciona a FIRST LEGO League?

Cada temporada, a FIRST LEGO League permitirá aos mozos e mozas ver a ampla gama de oportunidades da industria STEAM botando man da súa exploración como parte de SUBMERGED, un desafío no que utilizarán o pensamento creativo e a tecnoloxía LEGO para explorar as capas do océano e levar as súas aprendizaxes e ideas á superficie mentres navegan cara o futuro.

Os equipos teñen que resolver este desafío en tres áreas de traballo:

- O Proxecto de Innovación. Un proxecto que explique e detalle a súa solución innovadora como opción de mellora ao problema proposto.
- O Xogo do Robot. O deseño, construción e a programación dun robot LEGO MINDSTORMS Education que terá que superar divertidas misión nun taboleiro de xogo relacionado co desafío.
- A integración dos valores FIRST LEGO League. Mentres os equipos desenvolven o Proxecto Científico e o Xogo do Robot, integran os valores FIRST LEGO League: descubrimento, innovación, impacto, inclusión, colaboración e diversión.

Universidade da Coruña (UDC), 2024-11-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.
Foto de la tercera plana (golpes-bajos.jpg) O sábado 12 de setembro chegará un dos pratos fortes do ciclo: A Movida Viguesa e a Homenaxe a Golpes Bajos. Esta histórica xornada supón o regreso aos escenarios de artistas fundamentais para comprender a historia musical de Vigo e de Galicia. Bandas e músicos que naceron na cidade e que, desde aquí, conquistaron o panorama nacional e mesmo internacional. Reunir nun mesmo escenario a Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas de Siniestro Total, Killer Barbies e Stoned at Pompei é moito máis que un concerto: é unha homenaxe a unha xeración irrepetible e a unha cidade que marcou unha época dentro da música española.

Notas

Logo dos traballos desenvolvidos no Corro dos Mouros entre 2023 e 2025, a cuarta campaña de escavacións na parroquia de Santa María Madalena de Adai (Lugo), na propiedade da Asociación da Comunidade de Montes M.V.M.C. Vecinos de Adai, profunda agora en dous abrigos, un deles, coñecido como Pena Travesa, cun petróglifo con deseños complexos de cazoletas na parte superior da rocha.
A Universidade da Coruña acollerá o vindeiro 22 de outubro a IV Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), un encontro que reunirá na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC (ETSAC) profesorado das tres universidades públicas galegas para compartir experiencias, boas prácticas e propostas ante os novos retos da docencia universitaria.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES