//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias sociedad
A comisión de seguimento encargada de desenvolver o acordo para a descentralización do grao en Medicina acordou hoxe, na súa reunión constitutiva, a creación de dous grupos de traballo para facilitar estas tarefas. Así mesmo, autorizouse a incorporación á mesma dun representante do estudantado. Un dos grupos de traballo centrarase no aspecto técnico e xurídico, en concreto no regulamento das unidades docentes que haberá que crear nas universidades da Coruña e Vigo para materializar a descentralización. O segundo deles terá un carácter económico, coa encomenda de estimar as necesidades humanas e materiais para facela efectiva.
Co remate das festas do Nadal, o inverno instálase con forza no mes de xaneiro. Trátase dunha época na que as condicións meteorolóxicas adoitan ser máis duras e na que modificamos rutinas cotiás que, sen as debidas precaucións, poden derivar en situacións perigosas. As temperaturas baixas, os desprazamentos por estradas complicadas, o uso continuado da calefacción e os episodios de vento e chuvia fan imprescindible unha actitude responsable por parte da poboación.O 112 Galicia atende emerxencias durante todo o día, pero o obxectivo principal é evitalas. A prevención continúa a ser a mellor ferramenta para reducir riscos.
A enquisa publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE) relativa ás cifras poboacionais de referencia correspondentes ao primeiro semestre de 2025 pon de manifesto que Galicia continúa gañando poboación e rexistrando unha tendencia demográfica positiva. Concretamente, en xullo de 2025, a poboación de Galicia cifrouse en 2.720.738 habitantes, un total de 5.997 persoas máis que a principios dese mesmo ano, o que supón un incremento do 0,22% no semestre. En termos interanuais, a poboación de Galicia incrementouse en case 15.000 habitantes en doce meses, ao pasar das 2.705.832 persoas en xullo de 2024 ás 2.720.738 do mesmo mes de 2025, o que implica un crecemento do 0,55%.
A Consellería de Sanidade vén de publicar, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana dúas do ano, que rematou o 11 deste mes, no que se sinala que a actividade gripal en Galicia rexistra unha intensidade baixa con tendencia decrecente. Respecto da semana anterior, a taxa de consultas por gripe descendeu un 4 % e fica en 72,7 consultas por 100.000 habitantes. Con todo, só se observou unha diminución da taxa de consultas no grupo de 20 a 59 anos, do 7,8 %. No caso do grupo de 5 a 19 anos rexistrouse unha suba do 13,9 %. O grupo coa maior taxa de consultas continúa a ser o de 0 a 4 anos, con 99,3 consultas por 100.000 habitantes.
Galicia volve bater o seu propio récord con 429 transplantes e 143 doadores de órganos durante o ano 2025. Da cifra total de transplantes do pasado ano, 229 foron de ril, dos que 22 procedían de doadores vivos; 116 de fígado; 7 de páncreas; 26 de corazón e 51 de pulmón. Estes 429 transplantes beneficiaron a un total de 420 pacientes, tendo en conta que algúns casos foron de transplantes multiorgánicos. Os transplantes pancreáticos, que son os máis complexos, experimentaron a maior subida: incrementáronse un 75 % con respecto ao ano anterior, desde os 4 realizados en 2024 aos 7 de 2025.
O virus respiratorio sincitial (VRS) continúa a aumentar a súa taxa de positividade e superou o 8 % na semana 2 do ano (do 5 ao 11 de xaneiro), segundo se recolle no informe semanal de seguimento deste virus que publica a Consellería de Sanidade. Nesta última semana, obsérvase un descenso na taxa de consultas en atención primaria por bronquiolite en menores de dous anos, en concreto, diminuíu nun 18,2 % con respecto á semana previa. En canto a hospitalizacións, rexistráronse dous ingresos na última semana na cohorte de nados entre abril e setembro de 2025 e unha hospitalización dun lactante menor de dous meses, que están a pasar a súa primeira onda do VRS.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello aprobou o Plan integral de benestar dixital, que será, a partir de agora, a folla de ruta para xestionar de forma axeitada a utilización das tecnoloxías no eido educativo e contribuír, deste xeito, á formación de cidadáns dixitais que fagan un uso consciente, responsable e comprometido destas. O documento, que leva aparellado un orzamento de 7,4 millóns de euros, inclúe un paquete de 'medio cento de medidas' estruturadas en cinco eixes para desenvolver ao longo de cinco anos ata 2030. Segundo abondou Rueda, o plan, deseñado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, nace co obxectivo de blindar os centros educativos como 'contornas dixitais seguras' e saudables onde a innovación avance da man da protección, da igualdade de oportunidades e da defensa dos dereitos e da dignidade das persoas.
A onda epidémica da gripe mantén unha intensidade baixa e tendencia decrecente na comunidade. Galicia segue a incrementar o número de vacinados fronte á gripe, con 876.347 persoas esta temporada, e cun especial incremento da cobertura vacinal dos maiores de 65 anos, cun 73,17 % de vacinados, o que supón dous puntos máis que o ano pasado. Tamén aumentou notablemente a porcentaxe de persoal sanitario vacinado, con máis do 66 %, o que representa 12 puntos con respecto a 2024. No colectivo de embarazadas, a cobertura aumentou case 2 puntos porcentuais, superando o 48 %.
O circuíto estatal AIEnRUTa-Artistas inicia a súa nova programación coa participación das bandas galegas Mad Martin Trio, Eladio y Los Seres Queridos e De Ninghures, que ata xuño ofrecerán concertos por salas de toda España. Os concertos galegos desta primeira metade do ano arrancaronn o 9 en Tafalla con Mad Martin Trio, que tamén toca o sábado 10 en Logroño, o 7 de marzo en Huesca e o 18 en Alacante. Eladio y Los Seres Queridos actuará en Bilbao o 20 de febreiro, en Oviedo o 21 dese mes, en Palencia o 17 de abril e en Valladolid o 18; mentres De Ninghures estará en Bilbao o 27 de febreiro, Madrid o 10 de abril, Donostia o 17 dese mes e Barcelona o 29 de maio.
O DOG publica a Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas, que converterá Galicia en pioneira na regulación da venda e consumo de vapeadores e bebidas enerxéticas. Con esta norma, as bebidas enerxéticas quedarán equiparadas ao alcohol e os vapeadores ao tabaco a nivel de restricións e, polo tanto, Galicia vai ser a primeira comunidade de España na que se prohiba a venda e consumo destes produtos a menores de idade. Así a Xunta é a primeira administración en elaborar unha norma deste tipo.
Os XII Premios Valentín Paz Andrade de Investigación en Economía de Galicia acaba de recoñecer tres estudos que abordan a accesibilidade, a distribución da renda e a pesca na Galicia cantábrica. O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia e o Consello Económico e Social de Galicia convocan con carácter anual este certame que distingue traballos de investigación que contribúan ao mellor coñecemento da realidade económico-social de Galicia.
Pontevedra convértese na terceira sede da exposición ForestED-Bo bosque á edificación, que reúne un conxunto de prototipos experimentais, resultado dun proxecto de investigación dirixido a atopar novas aplicacións á madeira de frondosas nos ámbitos da arquitectura e a construción. Ata o 21 de decembro poderá visitarse unha exposición con prototipos a escala real, infografías, material audiovisual e troncos das especies empregadas.
Despois do éxito da primeira edición en 2024, o Congreso Internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia regresará ao campus de Vigo en marzo de 2026. Esta segunda edición terá lugar os días 25, 26 e 27 e a Facultade de Filoloxía e Tradución repetirá como sede do que pretende ser o segundo evento científico dunha serie que, ao longo dos anos, estudará as circunstancias sociais, culturais, políticas e, sobre todo, tecnolóxicas vixentes para traducir entre linguas (interlinguas) na era das narrativas transmedia en pantalla e fóra dela.
Especialistas de España e Portugal participan deste este mércores en Vigo no II Encontro Ibérico de Internacionalización, unha cita que se prolongará ata mañá xoves no auditorio do Consorcio da Zona Franca e co que se busca reforzar a colaboración entre ambos os dous países en materia de internacionalización no ámbito da educación universitaria.
As Xornadas Horizonte Eurorrexional Galicia-Norte de Portugal organizadas en Santiago pola Fundación CEER consolidaron un paso decisivo cara á creación dun espazo universitario eurorrexional máis integrado. O encontro inaugurouno Inês Gusmãn, directora do CEER, xunto con Pilar Bermejo, vicerreitora de Política Científica da USC, quen destacaron a importancia estratéxica da cooperación eurorrexional no contexto europeo.
A fosa de Luou foi finalmente exhumada setenta e sete anos despois no marco das actuacións do Plan de Memoria Democrática dirixidos polo grupo interdisciplinar coordinado e dirixido polo grupo Histagra da USC e do CISPAC, coincidindo fortuitamente co 50 aniversario da morte de Franco. Os traballos deron cun resultado "altamente positivo" ao atopar o que o estudo histórico anunciaba, agora á espera de que o Imelga da Xunta e o Incifor da USC confirmen que son os corpos de catro membros da resistencia antifascista galega asasinados en 1948.
A Universidade da Coruña, en colaboración co Concello de Pontevedra, organiza o Congreso Internacional RedeVerde Pontevedra, que se centrará na renaturalización das cidades e a súa adaptación ao cambio climático a través de diversas solucións baseadas na natureza. Este evento forma parte das actividades de gobernanza e participación do Proxecto RedeVerde Pontevedra, que inclúen sesións de formación e de divulgación ao público.
Os incendios forestais en Galicia serán un dos eixes centrais das VIII Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade, que promove a Sociedade Galega de Historia Natural, coa colaboración da Escola de Enxeñaría Forestal, o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial. Este encontro abrirá a súa programación o venres 28 no Teatro Principal, trasladándose despois ata a EE Forestal, con diferentes conferencias e unha mesa de debate.
O Sprint de Innovación, unha nova actividade do Programa USC Emprende, pensada para persoas creativas e con interese polo emprendemento, desenvolverase o 21 de novembro na Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus de Lugo. Trátase dunha sesión de formación deseñada para xerar e visualizar ideas innovadoras e con impacto a través da metodoloxía Design Sprint, unha experiencia de innovación aberta para crear e validar ideas de forma áxil, na que se resolven retos nun período curto de tempo, de xeito transversal e colaborativo.
As Facultades de Ciencias da Universidade de Santiago -Matemáticas, Bioloxía, Física, Ciencias e Química- celebraron este venres a festividade do seu patrón, Santo Alberte Magno, nun acto que presidiu o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, na Facultade de Bioloxía, centro encargado este ano da organización.