
A Xunta de Galicia celebra o Día do Circo na Cidade da Cultura, o vindeiro 19 de abril, co espectáculo Sen patrón, da compañía galega Pistacatro, recoñecida co Premio Nacional 2025 desta disciplina artística. A proposta terá lugar no Xardín do Teatro, ás 17,00 horas, con entrada libre e de balde.
Con esta iniciativa, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude avoga por tirar proveito das súas zonas verdes da Cidade da Cultura para levar a cabo propostas en contacto coa natureza, poñendo en valor o carácter privilexiado dos espazos exteriores do Gaiás. Así, o Día do Circo convértese nun momento para celebrar tamén a chegada da primavera cunha proposta escénica aberta, festiva e accesible para todo tipo de públicos, que combina cabaré, números aéreos e malabares cunha dramaturxia que reivindica tanto técnicas circenses tradicionais como contemporáneas.
Premio Nacional do Circo 2025
Pistacatro é unha das compañías e produtoras de circo máis relevantes das artes vivas de Galicia, que traballa a prol da profesionalización do circo na Comunidade, impulsando as carreiras de artistas e traballadores do sector. Este labor foi recoñecido en 2025 co Premio Nacional de Circo. Ademais, A Cidade da Cultura xa acolleu diversas propostas desta compañía noutras iniciativas como Cidade Imaxinaria ou Verán no Gaiás.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.