Notas de prensa

A Coruña acollerá no mes de outubro o Congreso 'Arquitecturas do mar: Océano Atlántico'

A Coruña acollerá no mes de outubro o congreso 'Arquitecturas do mar: Océano Atlántico', que suporá o peche e entrega de conclusións do proxecto europeo SEALabHaus, liderado pola UDC, cuxo investigador principal é Óscar Fuertes, da ETSAC. Ata o 15 de marzo está aberta a convocatoria para o envío de resumos para esta cita na que se propón un cambio de perspectiva ao considerar o Atlántico non como un límite, senón como un territorio construído e historicamente interconectado.

Un marco no que as persoas participantes poderán reflexionar sobre o océano e as súas costas como espazos configurados por intercambios culturais de longa duración, infraestruturas en evolución e as experiencias vividas das comunidades litorais.

Lonxe de entender o mar como un baleiro, o congreso abordarao como unha contorna construída, dinámica, na que converxen procesos arquitectónicos, turísticos, ambientais, económicos e sociais, revelando así o Atlántico como un ámbito fundamental para comprender as transformacións contemporáneas.

As contribucións poderán presentarse nas seguintes áreas temáticas:

- Arquitectura das industrias e oficios tradicionais do mar
- Turismo azul e paisaxe litoral
- O Atlántico como territorio de investigación (reciprocidades)

Para máis información, pódese visitar esta ligazón.

Todos os resumos serán sometidos a un proceso de avaliación cega por pares, a cargo do Comité Científico. A comunicación de aceptación ou rexeitamento realizarase no mes de maio de 2026.

Claves do proxecto SEALabHaus

O proxecto europeo SEALabHaus, liderado pola Universidade de A Coruña, e cofinanciado polo Programa Interreg Atlantic Area 2021-27 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional; conta con 12 institucións socias do proxecto, procedentes de Irlanda, Francia, Portugal, Canarias e Galicia.

Como reto principal está a creación dun laboratorio transnacional, unha plataforma que sirva para a interconexión e difusión de iniciativas que axuden a transformar, revitalizar e potenciar o ecosistema costeiro, a súa arquitectura, cultura, bens e profesións; en equilibrio co mar como factor clave de resiliencia, benestar e sostibilidade.

As arquitecturas do mar engloban as construcións litorais: fábricas de salgadura, fábricas baleeiras, fábricas conserveiras, serradoiros, carpinterías de ribeira, estaleiros tradicionais, cetarias, muíños de mareas e construcións adxectivas (ramplas, secadoiros ou casetas de pescadores, entre outros), entendidas como arquitecturas propias do seu lugar de orixe e de transición entre o mar e a terra que debuxan a paisaxe da costa.

Universidade da Coruña (UDC), 2026-02-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES