
Estes encontros inclusivos, sinala a catedrática Ángeles Parrilla, coordinadora do grupo Cies (Cooperación en Investigación para a Equidade Educativa e Social), permiten pór o foco en como é o desenvolvemento da educación inclusiva na práctica, a través dos relatos de diferentes profesionais. Deste xeito, contribúen á formación das e dos futuros docentes, á vez que se insiren nos casos de estudo do proxecto Diálogos Inclusivos: construyendo narrativas colaborativas para la educación, que se desenvolve en diferentes comunidades autónomas, a través de subproxectos como o que Parrilla coordina en Galicia.
Na busca de visións alternativas
Todos eles teñen como eixe a busca de lecturas e visións alternativas sobre a inclusión educativa, a través do debate entre persoas e grupos que soen afrontar da maneira independente ou pouco coordinada a súa participación na educación, sinalan as súas responsables. De feito, subliñan, o seu punto de partida é a existencia dun déficit primordial para o avance da inclusión, que ten que ver coa existencia dunha forte segmentación de discursos e a ausencia de espazos de diálogo e construción conxunta.
Este diálogo ten á súa vez como punto de partida o mapa de prioridades en materia de inclusión nas escolas definido nun proxecto anterior deste equipo investigador. Partindo deste marco, a investigación céntrase en definir novas orientacións compartidas sobre algúns dos retos de inclusión e dar resposta a problemas específicos que poden pasar desapercibidos en análises individuais.
A investigación abrangue tres subproxectos, coordinados polas universidades de Cantabria, Cádiz e Vigo, que promoven á súa vez varios modelos de encontros inclusivos, que abranguen diferentes niveis educativos. Coa participación de docentes de diferentes universidades, o traballo que se desenvolve en Galicia ten como investigadoras principais a Parrilla e á profesora da UDC Ana Sánchez Bello e como eixes a formación do estudantado universitario en educación inclusiva e a metodoloxía das bibliotecas humanas.
Libros e persoas lectoras
As bibliotecas humanas, explican desde o grupo Cies, constitúen unha estratexia metodolóxica que aposta pola construción de coñecemento e o cuestionamento de estereotipos en base á escoita e o dialogo compartido entre persoas que habitualmente non teñen posibilidade de contacto e interacción entre si. Nomeadamente, as accións que levan a cabo tanto na UVigo como na UDC implican que as persoas que exercen como libros interveñen durante 15 minutos ante un grupo de lectores e lectoras, neste caso alumnado universitario, que logo lles trasladan unha serie de preguntas antes de cambiar de libro.
O que estamos facendo é mobilizar o coñecemento existente, destaca Parrilla respecto dunha iniciativa que permite achegar ás futuras e futuros docentes que se forman na facultade un coñecemento experiencial, así como exemplos de prácticas destacables por ser inclusivas ou excluíntes. Ao mesmo tempo, tanto a traxectoria e experiencias das e dos profesionais, como as preguntas do alumnado e a súa valoración das aprendizaxes adquiridas constitúen materiais de investigación para o proxecto. É unha maneira de construír coñecemento moito máis participativa, asumindo distintas achegas desde os distintos espazos profesionais, sostén a responsable do grupo Cies.
Narrativas desde dentro e fóra da escola
A primeira das bibliotecas desenvolvidas na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte contou coa participación das mestras de educación infantil María Blanco, Begoña Ansedes, Rocío Piso e Andrea Romero, que compartiron experiencias centradas na atención á diversidade, nas adaptacións ao alumnado con Trastorno do Espectro Autista ou na empatía do persoal docente. Tratouse da primeira dunha serie de bibliotecas humanas, dedicadas a diferentes niveis educativos, que se desenvolverán ao longo do curso. Todas elas centraranse en reunir narrativas da escola por dentro, coa participación de mestras, orientadoras, persoal directivo de centros escolares ou profesorado de apoio ou especialista en audición e linguaxe, apunta Parrilla. A segunda destas bibliotecas terá lugar o 25 de febreiro e está dedicada á educación primaria. Pola súa banda, na UDC celebrouse unha primeira biblioteca humana con profesorado de secundaria, dedicándose a próxima á atención á diversidade desde a orientación educativa.
O seu obxectivo é afondar nun conxunto de prácticas determinantes para a inclusión e que verificamos que son obxecto de controversia entre os actores educativos, sinalan as responsables do proxecto, como a avaliación psicopedagóxica, os formatos de apoio, as modalidades de escolarización ou os problemas de convivencia nas escolas.
O vindeiro curso esta iniciativa dedicarase ás narrativas da escola na súa contorna, coas que analizar se a participación de familias, asociacións ou profesionais externos poden constituír elementos de apoio na inclusión e non espazos segregados de segunda oportunidade que ofrecen respostas diferenciadas e fragmentadas. Con esa idea, convidaranse a este ciclo a asociacións, familias, ONG ou academias, explica Parrilla.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.