
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta mañá na presentación da nova edición da campaña Días Azuis do Comercio Galego, froito da colaboración entre o Executivo autonómico e a Federación Galega de Comercio, que se desenvolverá entre o 10 e o 30 de abril de 2026.
No acto, no que tamén estivo o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, explicouse que a iniciativa ten como obxectivo incentivar e dinamizar o comercio de proximidade. Para iso, sortearanse 20.000 euros en premios entre as persoas consumidoras que realicen compras nos establecementos adheridos durante o período da campaña. En concreto, repartiranse 44 tarxetas prepago por valor de 250 euros 11 por cada provincia galega e outras 60 de 150 euros 15 por cada provincia para gastar nos comercios minoristas galegos. Ademais, celebrarase un gran sorteo final en directo previsto para o mes de maio entre as persoas asistentes ao acto de entrega de premios, no que se outorgará un premio adicional de 2.500 euros, que deberá empregarse nunha única xornada de compras na localidade elixida pola persoa gañadora.
Gabriel Alén salientou a efectividade desta campaña, que na súa última edición contribuíu a incentivar máis de 134.000 vendas en máis de 160 localidades galegas e mobilizou arredor de 3,5 M no comercio de proximidade da comunidade. Así mesmo, puxo en valor a importancia da colaboración con entidades como a Federación Galega de Comercio, no marco das actuacións do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, co que o Goberno galego está a impulsar e reforzar o tecido comercial de proximidade cun investimento global de 320 M.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.