
Ademais, ese mesmo día, ás 12.30 horas, haberá un encontro con Ulex na Casa do Saber, que require previa inscrición no enderezo [email protected] No concerto compostelá, a recollida de entradas de balde (unha por persoa) comezará ás 20.40 horas na Igrexa da Universidade. O acceso é libre ata completar a capacidade do espazo.
XianPais
XianPais é un rapeiro e compositor natural de Louro, afincado actualmente en Santiago de Compostela. O seu interese polo rap comezou no ano 2018, durante a súa etapa universitaria na cidade da Coruña. En 2022 publica a súa primeira composición, Rita Hayworth, unha carta de presentación que xa anticipaba tanto a estética como o contido que definirían a súa proposta artística. Fiel á esencia do rap dos anos noventa, XianPais non dubida en achegarse a outros rexistros máis melódicos como o r&b, o trap ou mesmo o indie, conformando así un son versátil e contemporáneo. As súas letras, de fondo reflexivo e ton realista, abordan temas atemporais como o paso do tempo, a loita diaria ou a complexidade da existencia. A introspección, sempre presente, convértese no elo condutor dun discurso honesto e sen artificios, no que palabra e emoción camiñan da man.
Úlex
Úlex fórmase en Compostela en setembro de 2022 e xorde do amor pola música e as ganas de tocar de catro adolescentes Xian Castro (voz principal e guitarra rítmica), Mónica Fuentes (baixo), Tomás Sánchez (guitarra solista e coros) e Martinho Quintela (batería e voz principal). Presumindo de funda azul coma indumentaria, e con influencias de bandas galegas como Ataque Escampe, Familia Caamagno, Grande Amore, The Rapants ou O Sonoro Maxín, esta banda que leva por nome a denominación científica do toxo fai rock atolondrado como din eles con aires cumbieiros. En febreiro de 2025 publican o seu primeiro disco, Lonxe de ti . Con retrousos pegañentos e ao xeito dun diario, Ulex fálanos nas súas cancións da súa forma de ver a vida, do amor, do desamor, da dor e do tempo que lles toca vivir. Atolondrado é o título dunha das cancións da banda compostelá e dela nace esta etiqueta que lles serve para explicar dúas cousas: reivindicar que todo é analóxico e que a banda toca guitarras, baixo e batería en rigoroso directo e para recoñecerse na montaña rusa dos anos mozos.
Kid Mount
Kid Mount é un artista galego que vén revolucionando a escena urbana dende 2021. Cun estilo propio, sen filtros e cheo de emoción, combina son, estética e mensaxe para crear algo novo dentro da música galega. En pouco tempo pasou de gravar os seus primeiros temas a ter máis de 16.000 oíntes mensuais en Spotify, cun público cada vez máis fiel. Tras éxitos como Ben Mal, NeoAmor e Amor e Outras Drogas xunto a 9Louro, Kid Mount prepárase para o seu novo capítulo: Perreo Paradiso, un proxecto compacto e maduro que mestura a enerxía do reggaetón dos 2000s co seu imaxinario máis único e desfrutable. O directo promete ser algo único: unha experiencia inmersiva, intensa e liberadora. Non é só un concerto, é unha viaxe emocional onde cada tema convida a bailar, sentir e deixarse levar. Un espazo sen prexuízos, onde celebrar o amor propio, o baile e a liberdade de ser un/unha mesmo/a, explica.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.