Notas de prensa

A Universidade da Coruña impulsa EMPREGA-T para facilitar a transición do estudantado ao mercado laboral

O acceso ao emprego continúa a ser unha das principais preocupacións da mocidade. Por iso, co obxectivo de reforzar a inserción laboral, a UDC vén de poñer en marcha EMPREGA-T, un programa que ofrece diferentes ferramentas para reducir a distancia entre a formación académica e as esixencias do mercado laboral actual. EMPREGA-T nace coa finalidade de conectar formación e emprego real, proporcionando ferramentas, acompañamento e contacto directo co tecido empresarial e co ecosistema emprendedor da contorna.

Está dirixido tanto ao estudantado da UDC como ás persoas recentemente tituladas que desexen mellorar o seu perfil profesional e ampliar as súas oportunidades de inserción.

A vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade, María José Lombardía, incide na importancia do éxito desta iniciativa entre o estudantado e as persoas egresadas, “o que fai que desde a UDC se siga traballando na consolidación dun programa que ofreza recursos para dar o salto ao mundo laboral e o cal se siga fortalecendo e renovando cada ano”.

Formación, orientación e contacto directo coas empresas

Estrutúrase en tres módulos —Empregabilidade, Emprendemento e Competencias Transversais— que combinan obradoiros prácticos, orientación personalizada e actividades complementarias.Un programa gratuíto e próximo, deseñado para acompañar o estudantado na definición do seu obxectivo profesional e na mellora das súas competencias. A participación permite o recoñecemento dun crédito ECTS por un mínimo de 20 horas de asistencia.

A benvida institucional terá lugar o próximo 4 de marzo na Casa do Estudantado, coa intervención de María José Lombardía Cortiña, vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade da UDC. Será o punto de partida dunha programación que se desenvolverá entre marzo e abril en diferentes sesións e espazos dos campus de A Coruña e de Ferrol.

As prazas son limitadas nos obradoiros e visitas —con asignación por rigorosa orde de inscrición—, mentres que outras actividades formativas complementarias estarán dispoñibles a partir de mediados de marzo. Unha inscrición que se pode realizar a través da web de Emprega-T.

Entre as accións previstas inclúense actividades orientadas á mellora e optimización do CV e o desenvolvemento da marca profesional, a preparación de entrevistas de traballo, o uso de ferramentas dixitais e IA para a busca de emprego, a formación en emprendemento ou o desenvolvmento de competencias transversais, tales como a comunicación, o liderado, o traballo en equipo ou a resiliencia.

Ademais, o programa inclúe visitas a espazos e entidades de referencia para o emprego e o emprendemento como Grupo Intaf, o Centro de Servizos Avanzados ou Coruña Estudo Inmersivo (ambos na Cidade das TIC), o Centro Monucupal de Empresas do Concello da Coruña (que inclúe Accede Papagaio e o Igrexario da Grela), o Polo de Emprendemento e Acceso ao Emprego de Ferrol, ou Oracle Spain.

Esta iniciativa conta co patrocinio da Xunta de Galicia, e a colaboración de Altia, a Asociación de Emprendedores de Galicia (ASCEGA), o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, o Grupo Intaf, Nunsys Group – Inycom, Oracle Spain, a Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego e WekCo.

Universidade da Coruña (UDC), 2026-02-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES