
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, presidiu a xuntanza, á que asistiron en representación da Universidade de Vigo o vicerreitor do Campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez; da Universidade da Coruña estiveron a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, e o director do Campus Industrial de Ferrol, Marcos Míguez; e por parte da Universidade de Santiago de Compostela a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López.
Trátase, segundo especificou o representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, de avanzar na definición de accións conxuntas que permitan sumar capacidades e xerar sinerxías no ámbito da investigación e, así mesmo, evitar duplicidades nas liñas de actuación. Segundo sinalou esta cooperación busca reforzar o papel dos campus non centrais, potenciar as súas fortalezas e consolidalos como referentes en ámbitos estratéxicos, contribuíndo así ao fortalecemento do Sistema Universitario de Galicia.
O programa de especialización dos campus foi posto en marcha pola Xunta en 2013 e inclúe a concesión dunha acreditación de especialización como selo de excelencia. Desde entón, o Goberno galego leva investidos máis de 35 millóns de euros nos convenios asinados coas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. Grazas a este apoio, indican desde a goberno autonómico, os tres campus contan con financiamento específico e actuacións propias para mellorar a súa calidade docente e investigadora, reforzar o seu posicionamento e exercer un papel activo como dinamizadores do territorio.
Tras a reunión, as e os participantes visitaron algunhas das principais instalacións do Campus Industrial de Ferrol, entre elas o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.