
O secretario do Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, Darío Janeiro, deu lectura á acta da resolución do premio. O pasado xoves 9 de abril, en Santiago de Compostela, procedeuse ao reconto dos votos emitidos, o cal foi supervisado polo notario Héctor Pardo, do Ilustre Colexio Notarial de Galicia, quen deu fe do reconto na acta número 217 do seu protocolo. Feito o reconto de votos validamente emitidos, resultou gañadora a candidatura do xornalista galego José Precedo.
Na acta da resolución, o Colexio de Xornalistas pon en valor o traballo das e dos profesionais que desenvolven o seu labor en zonas de conflito, pero tamén lembra "as dificultades que o xornalismo segue tendo nos ámbitos máis próximos, cando poderes públicos ou intereses empresariais impiden que os cidadáns reciban a través dos medios de comunicación información contextualizada, fundamentada, comprobada e crítica".
O acto estivo presentado pola concelleira de Promoción Económica e Mercados Anabel Gulías, e tamén interviron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a decana do Colexio de Xornalistas, Belén Regueira Leal. Fernández Lores deu as "grazas ao Colexio de Xornalistas por traer a Pontevedra un premio que lle dá a cidade moito prestixio". O alcalde salientou tamén a importancia da liberdade de prensa e reclamou que os medios públicos respecten a capitais de provincia que, como Pontevedra, non teñen delegacións, o que deriva nun empobrecemento informativo.
Pola súa banda, Regueira afirmou que "nun contexto tan complicado como o actual, necesitamos explicar como traballa o xornalismo e tamén as súas dificultades, presentes nas tres candidaturas desta edición". No caso do premiado, a decana destacou que fronte ao "cuestionamiento da fiabilidade das testemuñas periodístícas", soubo "defender a dignidade e credibilidade do xornalismo que respecta os procedementos e a deontoloxía", o que "supón tamén defender o dereito da sociedade a estar informada".
Os actos de entrega do premio van ter lugar o sábado 9 de maio a partir das 12:00 na Casa Consistorial de Pontevedra (Praza de España, 1), e contarán coa presenza de José Precedo. O premio, sen dotación económica, consiste cada ano nunha imaxe dun ou dunha fotoxornalista galega, que nesta vixésimo segunda edición será da autoría de Mercedes Moralejo.
A candidatura premiada
José Precedo comezou a súa carreira profesional en Galicia, onde deu os primeiros pasos no oficio e onde se forxou unha concepción do xornalismo ligada ao servizo público, á proximidade cos feitos e á responsabilidade social da información. Esa formación inicial, vinculada ao ecosistema mediático galego, resultou clave para entender unha traxectoria posterior que mantén, de forma constante, unha mirada crítica sobre o exercicio do poder e unha esixencia elevada en termos de verificación, contextualización e independencia.
Co paso dos anos, consolidouse como un dos xornalistas máis relevantes do xornalismo político e de investigación en España, especialmente a través do seu traballo en elDiario.es, medio no que desenvolveu algunhas das investigacións máis relevantes dos últimos anos sobre o funcionamento do poder institucional e os seus límites democráticos. Un dos ámbitos nos que o seu traballo acadou maior impacto público foi o das investigacións relacionadas coa Comunidade de Madrid e co Goberno presidido por Isabel Díaz Ayuso. Nese contexto, asinou e coordinou informacións de primeiro nivel que contribuíron a esclarecer prácticas opacas, conflitos de interese e decisións políticas con consecuencias directas sobre a cidadanía.
Mais se hai un episodio recente que simboliza de maneira especialmente clara o compromiso de José Precedo coa liberdade de prensa e coa boa praxe xornalística, é a súa actuación no contexto do procedemento xudicial no que se investigou ao Fiscal Xeral do Estado e no que o Tribunal Supremo chamou a declarar a profesionais da información. Nese escenario, de enorme relevancia institucional e democrática, José Precedo defendeu con claridade e firmeza principios esenciais do oficio: o dereito á confidencialidade das fontes, a lexitimidade do traballo informativo e a necesidade de preservar a independencia do xornalismo fronte a calquera intento de instrumentalización xudicial.
O premio
O Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, outorgado polo conxunto de colexiados e colexiadas do CPXG, recolle o legado do Premio José Couso para recoñecer a unha persoa ou organización que destaque pola defensa da liberdade de prensa ou sexa, ou fora, perseguida polo exercicio do xornalismo e por protexer o dereito a informar e a recibir información. O galardón constitúe unha distinción do xornalismo galego a periodistas de calquera orixe cuxo compromiso mereza o recoñecemento profesional e social.
O gañador do ano pasado do Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa foi o Sindicato de Xornalistas Palestinos, e baixo a denominación de Premio Couso foron tamén galardoados Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi; Marcos Méndez; Érika Reija; Manuel Rico; Lorenzo Milá; Defende a Galega; Julia Otero; Xosé Hermida; Miguel Ángel Aguilar; Jordi Évole; Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas; Mónica García Prieto; o Consello de Informativos de TVE; WikiLeaks; Daniel Anido e Rodolfo Irago; Rosa María Calaf; José Vidal-Beneyto; Jon Lee Anderson; Le Monde Diplomatique e Ali Lmrabet.
Fotografía: eldiario.es
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.