
Así, a Universidade de Santiago de Compostela vai dedicar os preto de 1,2 millóns adicionais a incrementar as contías de apoio aos seus centros de investigación, reforzar os proxectos científicos estratéxicos dos seus centros da Rede CIGUS, accións de internacionalización, actividades de divulgación da investigación e a promover melloras da calidade dos seus mestrados, entre outros.
Equipamento científico-técnico
O segundo convenio asinado compromete o Goberno galego a destinar 9,3M á modernización do equipamento científico e tecnolóxico das universidades galegas así como ao reforzo dos recursos innovadores destinados aos estudos de grao e mestrado a través da adquisición de equipamento científico e instrumentación avanzada, acondicionamento e dixitalización de espazos educativos, acceso a recursos dixitais e a conformación de plataformas de coñecemento e divulgación.
Isto tradúcese no acceso a licenzas de software, recursos bibliográficos, plataformas de coñecemento, así como á adquisición de equipos informáticos, simuladores ou material de todo tipo para os laboratorios dos estudos de grao e mestrado. Inclúese, tamén, equipamento e infraestruturas con destino aos tres Campus de Especialización acreditados pola Xunta de Galicia (Campus Industrial de Ferrol, Campus Terra de Lugo e Campus Auga de Ourense), que representarán un punto chave polo seu impacto no desenvolvemento das potencialidades económicas do seu entorno máis próximo.
O acordo centra ademais os seus esforzos no fortalecemento das infraestruturas dos servizos centrais así coma na consolidación do equipamento dos centros da Rede CIGUS, que agrupa os mellores centros de investigación universitaria de Galicia, coa finalidade de executar proxectos de investigación de calidade e maximizar o impacto das súas actividades. Os gastos subvencionables refírense a equipamento altamente especializado como sistemas purificadores de auga ultrapura ou de ácidos nucleicos, robots intelixentes, equipos de microcorte de alta precisión, unidades de magnetosusceptibilidade, de raios X ou de resonancia magnética, espectómetros de varios tipos, cabinas de seguridade biolóxica, sistemas láser de distintas características, antenas intelixentes ou equipos de mostraxe mariña, entre outros.
Ademais, acordouse a creación dunha plataforma compartida para o intercambio de recursos científicos e técnicos entre os centros universitarios, favorecendo un uso máis eficiente e coordinado das infraestruturas dispoñibles. Isto farase coa habilitación dun espazo no web da Rede CIGUS para facilitar esa acción, sen custo e baixo petición. Durante o período no que o material estea compartido, haberá un técnico a disposición para facilitar o uso do mesmo.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.