Notas de prensa

O Ránking de Shanghai por materias sitúa a USC entre as 100 mellores universidades do mundo en Veterinaria e Farmacia

A USC ocupa o chanzo 51-75 do Ránking de Shanghai por materias en Ciencias Veterinarias (posición 4-5 entre as universidades de toda España) e o 76-100 en Farmacia e Ciencias Farmacéuticas (posto número 2 a nivel estatal). A terceira mellor posición nesta clasificación internacional de universidades segundo eidos temáticos é para Odontoloxía e Ciencias Orais, ámbito que ocupa o intervalo 151-200 a nivel mundial e o posto 4-5 entre as universidades españolas.

O número de materias nas que destaca a Universidade de Santiago de Compostela ascende a un total de quince, pertencentes a todas as áreas de coñecemento avaliadas polo ránking.

A institución compostelá destaca tamén en Ciencias Ambientais e Enxeñaría, ámbito no que ocupa o terceiro posto a nivel estatal. Ademais, a USC ocupa no contexto español o posto 2-6 en Ciencias Biolóxicas Humanas; en Psicoloxía, sitúase no chanzo 3-8; en Biotecnoloxía, ocupa o banzo 5-7; mentres que en Física, a posición acadada sitúa a USC no posto 5-9. En todos estes ámbitos a USC acada o posto 201-300 do mundo.

O resto de ámbitos nos que destaca a Universidade de Santiago de Compostela son: Administración de empresas (posto 6-9 de España e 201-300 internacional), Ciencias Políticas (8-9 de España e 301-400 internacional), Medicina Clínica (9 de España e 401-500 do mundo); Ecoloxía (9-20 de España e 301-400 internacional), Ciencias Agrícolas (11-19 de España e 201-300 do mundo); Química (13-15 do Estado e 401-500 do mundo); Tecnoloxía e Ciencias dos Alimentos (13-19 de España e 201-300 do mundo).

Metodoloxía

A clasificación elabórase en base a diversos indicadores: World-Class Faculty (premios internacionais, persoal investigador altamente citado, xefatura de edición en xornais académicos internacionais ou liderado en organizacións académicas internacionais), World-Class Output (artigos nas publicacións máis citadas e premios académicos internacionais), calidade e impacto da investigación, así como as colaboracións internacionais á hora de realizar artigos. O ránking abarca un total de 55 materias pertencentes a Ciencias Naturais, Enxeñaría, Ciencias da Vida, Ciencias Médicas, e Ciencias Sociais. Os datos bibliométricos recompiláronse de Web of Science e InCites durante o período 2019-2023. Máis de 1.900, dun total de 5.000 universidades en 96 países e rexións, aparecen rexistradas na clasificación deste ano.

Posición global

A clasificación global publicada en agosto de 2024 polo Academic Ranking of World Universities (ARWU), popularmente coñecido como Ránking de Shanghai, situou a USC no intervalo 501-600 das mellores universidades a nivel mundial. A posición acadada nesta última edición supuxo un ascenso con respecto ao ano pasado, cando a institución compostelá se situara no chanzo 601-700.

En 2024, a USC conseguiu, tal e como xa sucedera en 2023, o seu máximo histórico nun dos parámetros que analizan os resultados da investigación, concretamente o que responde ao número de artigos publicados en Nature e Science. Ademais, a Universidade de Santiago de Compostela tamén veu incrementada a súa puntuación no indicador HiCi, un parámetro que fai referencia ao número de artigos indexados no Science Citation Index-Expanded e no Social Science Citation Index ao longo do ano pasado; así como no parámetro relativo ao rendemento académico per cápita. A USC tamén destacou no apartado relativo ao número de persoal investigador altamente citado na base de datos Web of Science, propiedade de Clarivate Analytics.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-11-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES