Noticias

A gripe en Galicia mantense cunha intensidade baixa e tendencia estable

A Consellería de Sanidade publica, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á oitava semana do ano que determina que a intensidade da gripe continúa sendo baixa, mantendo unha tendencia estable. Segundo os datos, a taxa de consultas por gripe nos servizos de atención primaria diminuíu un 6 % respecto da semana previa e fica en 55,7 consultas por 100.000 habitantes. O descenso da taxa obsérvase en todos os grupos de idade, agás no de 20 a 59 anos, no que aumentou lixeiramente. Por áreas sanitarias, a taxa de consultas diminuíu en todas elas agás nas áreas sanitarias de Santiago de Compostela e de Ferrol, nas que se mantivo estable.

A rede de farmacias sentinela, que nesta campaña remiten os seus datos á Dirección Xeral de Saúde Pública, reflicte que as taxas de dispensación de antigripais e probas de antíxenos descenderon respecto da semana anterior.

En canto aos ingresos hospitalarios, ingresaron 227 persoas con gripe confirmada, un 3,7 % máis que na semana anterior (219). A taxa de ingresos no conxunto da poboación foi de 8,4 por 100.000 habitantes, sendo o grupo de 80 e máis anos o que presentou o maior aumento (13,8 %). Por áreas sanitarias, a taxa de ingresos aumentou en todas elas agás na de Santiago de Compostela, Ferrol e Lugo. No que vai de tempada notificáronse 1.865 ingresos, a maioría deles, 1.493, con virus do tipo A.

Respecto da positividade das mostras estudadas para virus do tipo A, foi do 18,7 %, o que supón un lixeiro aumento respecto da semana anterior, que foi do 17,4 %. A positividade das mostras estudadas para virus do tipo B foi do 2,5 %, polo que a positividade dos virus da gripe foi do 21,2 %, superior á da semana anterior (20,5 %).

Evolución covid e VRS

O informe de actividade das infeccións respiratorias agudas indica que na oitava semana ingresaron 19 persoas con covid confirmada, o que supón un 46 % máis que a semana previa (13 ingresos).

Pola súa banda, no que atinxe ao Virus Respiratorio Sincitial (VRS), a taxa de ingresos no conxunto da poboación descendeu un 59 % respecto da semana anterior, sendo nesta semana de 0,9 ingresos por 100.000 habitantes. A taxa diminuíu en todos os grupos de idade agás no de 5 a 19 anos, no que permaneceu estable. En canto ás áreas sanitarias, a taxa descendeu en todas elas.

Estimación

Segundo se recolle no informe, a estimación puntual do modelo de predición suxire que, nas vindeiras dúas semanas, a taxa de consultas por gripe descenda de 55,7 consultas por 100.000 habitantes a 53,7 e 50,2 consultas nas semanas 9 e 10 respectivamente.

En consecuencia, a situación desta semana é algo diferente á da anterior, cunha taxa de consultas que descende un 6 % e que diminúe en todos os grupos de idade agás o lixeiro ascenso observado na poboación de 20 a 59 anos. Non obstante, segue a observarse un aumento na positividade para o virus de tipo A, que adoita afectar con maior frecuencia ás persoas de maior idade.

A situación epidemiolóxica da gripe semella non ter gran impacto a nivel asistencial, como mostra a taxa de ingresos que se ben aumentou fíxoo de maneira moi leve, un 3,7 %.

Aínda que se aprecia un pequeno descendo do indicador da evolución da actividade gripal, obsérvase un lixeiro aumento da taxa global de hospitalización, aumento que é máis considerable na taxa específica das persoas de 80 e máis anos. En consecuencia, é necesario continuar coa vixilancia para comprobar se este aumento é puntual.

A Xunta lembra a recomendación do uso da máscara en pacientes con síntomas respiratorios, ademais dos seus acompañantes e visitas, e no caso dos profesionais que os atenden, así como en determinados grupos de risco ou dispositivos asistenciais como poden ser as urxencias hospitalarias.

R., 2025-02-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES