Notas de prensa

Unha xornada visibiliza o traballo social, económico e político para impulsar a transición enerxética local

O campus de Vigo reuniu a representantes de entidades locais, concellos, deputacións, Xunta, comunidades de montes e outras iniciativas nunha xornada para visibilizar o traballo social, económico e político que se esta a levar a cabo para impulsar a transición enerxética local. A xornada Comunidades enerxéticas e iniciativas comunitarias.

O ecosistema galego serviu para facer unha posta en común das propostas que se levan a cabo dende diferentes ámbitos para impulsar esta transición controlada pola cidadanía e as pemes locais.

Como explicaba na apertura o catedrático da UVigo Xavier Simón, a xornada está organizada polo Observatorio Eólico de Galicia, do que é responsable, xunto co Centro Interuniversitario de Investigación da Paisaxe Atlántica, Cispac, a Universidade de Vigo e o proxecto EC4Rural, entidades todas elas “aliñadas para traballar no desenvolvemento da transición enerxética dende o ámbito comunitario e sobre todo no medio rural”.

No evento, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, déronse cita iniciativas e actores esenciais do ecosistema enerxético galego en clave comunitaria como o Inega, as oficinas de transformación comunitaria, entidades locais, concellos, deputacións, comunidades de montes e proxectos europeos con participación galega, entre outras iniciativas. A idea, explica Simón, é que a xornada sirva para “pór en valor o traballo e a implicación destas entidades no impulso de iniciativas comunitarias no ámbito da transición enerxética e dar a coñecer o marco institucional que a Xunta desenvolve para o impulso deste tipo de iniciativas”. De feito, destaca o catedrático, “queremos demostrar que xa podemos falar dun ecosistema galego de transición enerxética dirixido polas comunidades locais”, con iniciativas que desde o rural se están a poñer en marcha “para que os concellos e a cidadanía deses territorios non fique á marxe dese proceso”.

Primeiro parque eólico comunitario de Galicia

A xornada serviu tamén para lanzar o proceso social para a posta en marcha do primeiro parque eólico comunitario de Galicia. Como explica o catedrático da UVigo, “despois dun ano con contactos previos, o Oega lanza o proceso social para a captación de apoios para a posta en marcha do Parque Eólico Comunitario Quiñón do Ar, que consistirá nun único aeroxerador de 4,2 MW”. Esta acción, explica Simón, “insírese dentro dunha iniciativa de varios investigadores da UVigo mediante a creación dunha empresa de base cooperativa a partir dos resultados da súa investigación”. Estará situado no concello de A Lama, previo acordo cos propietarios das terras. “Realizarase un investimento de arredor 6 millóns de euros, resultado das achegas ao seu capital social por parte da cidadanía interesada, das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, dos concellos e deputacións, das pequenas e medianas empresas, tanto do sector enerxético como doutros sectores e da Xunta de Galicia”. Neste sentido, Simón destaca que a iniciativa de poñer en marcha este parque eólico ”encaixa perfectamente” co estipulado na recentemente aprobada Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia. “A produción estimada polo parque eólico alcanzaría para obter a cantidade equivalente de enerxía consumida anualmente por 3500 familias e deixaríanse de emitir case 30.000 tm de CO2”.

O ecosistema galego de comunidades enerxéticas comunitarias

A xornada arrancou co relatorio de José Ángel Abad, xefe da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética, Inega, unha entidade á que Xavier Simón agradeceu a súa implicación, porque “os fondos principais que teñen os concellos, as organizacións sen ánimo de lucro e a cidadanía para seren parte da transición enerxética proceden de fondos que xestiona o Inega”. Abad repasou na súa intervención as principais características do sistema enerxético en Galicia, a Axenda Enerxética de Galicia 2030 e os detalles da Convocatoria de planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas. Respecto da Axenda Enerxética, Abad destacou que os obxectivos estratéxicos pasan por converter Galicia nunha rexión neutra en carbono no 2050; diminuír a dependencia enerxética do exterior; a descarbonización dos sectores económicos e sociais; posicionar a Galicia como polo enerxético innovador e dotarse dun sector industrial máis competitivo, cunha nova industria máis eficiente e sostible.

Tras o relatorio de Abad tivo lugar unha mesa redonda con representantes das oficinas de transformación comunitaria da Deputación de Pontevedra e do Concello do Rosal, e tras unha pausa, un debate sobre iniciativas colectivas para o desenvolvemento rural, coa participación de Jose María Lago, delegado nas áreas de Medio Ambiente e Enerxía da Deputación de Ourense e de Galeosol SCG. A xornada da mañá completouse cun debate sobre as comunidades enerxéticas desenvolvidas dende o ámbito municipal, en concreto dos concello de Vilasantar, Moeche, Xermade e Muíños.

Xa pola tarde haberá unha presentación de proxectos europeos con actores galegos, como Adelalix, Cel Rural, Comenerg e EC4Rural. De seguido, o protagonismo será para as comunidades de montes convertidas en prosumidoras, as de A Reigosa e Buchabade en Ponte Caldelas e as de Tameiga en Mos e Froxán en Lousame. Xa na parte final da xornada falarase doutras iniciativas comunitarias na transición enerxética, en concreto do caso de Mazaricos e de Moaña. Para pechar a xornada o Oega presentará os detalles sobre a posta en marcha do primeiro parque eólico comunitario en Galicia.

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-11-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.
Foto de la tercera plana (golpes-bajos.jpg) O sábado 12 de setembro chegará un dos pratos fortes do ciclo: A Movida Viguesa e a Homenaxe a Golpes Bajos. Esta histórica xornada supón o regreso aos escenarios de artistas fundamentais para comprender a historia musical de Vigo e de Galicia. Bandas e músicos que naceron na cidade e que, desde aquí, conquistaron o panorama nacional e mesmo internacional. Reunir nun mesmo escenario a Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas de Siniestro Total, Killer Barbies e Stoned at Pompei é moito máis que un concerto: é unha homenaxe a unha xeración irrepetible e a unha cidade que marcou unha época dentro da música española.

Notas

Logo dos traballos desenvolvidos no Corro dos Mouros entre 2023 e 2025, a cuarta campaña de escavacións na parroquia de Santa María Madalena de Adai (Lugo), na propiedade da Asociación da Comunidade de Montes M.V.M.C. Vecinos de Adai, profunda agora en dous abrigos, un deles, coñecido como Pena Travesa, cun petróglifo con deseños complexos de cazoletas na parte superior da rocha.
A Universidade da Coruña acollerá o vindeiro 22 de outubro a IV Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), un encontro que reunirá na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC (ETSAC) profesorado das tres universidades públicas galegas para compartir experiencias, boas prácticas e propostas ante os novos retos da docencia universitaria.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES